Vídeos

sexta-feira, 15 de fevereiro de 2008

Soñar e votar


[Vieiros, 15/02/2008]

“Cando existe algún contacto entre os soños e a vida, todo vai ben”. Este vello adaxio leninista chega a nós no repregue que sobre este pensador se está a producir entre os que queren cambiar as cousas logo de sentir ter desperdiciado tempo e enerxías baixo as máscaras zapatistas ou ao ritmo da samba de Porto Alegre.

Os MS que enarboraban o seu "outro mundo é posible" como canto do cisne, digno e solemne, e ultimo xesto heroico antes de acatar a imposibilidade de cambiar este (renuncia á revolución), atoparon que o seu lema "actúa localmente, pensa globalmente" bateu de fociños co "actúa globalmente, pensa localmente" dos EEUU, quen impuxo unha hexemonía unipolar que xunto con outros acontecementos recentes deixou en ridículo as predicións de Negri e Hardt sobre a fin do imperialismo e a disolución das categorías de nación e clase na de multitude. Por exemplo, se se evaporou a nación como suxeito político porque se respira tanto antinacionalismo na atmosfera mediática.

E quizais fose preciso pasar por iso, foi ineludible o éxito editorial dos augures que anunciaban o remate dos grandes relatos, foi inevitable a reputación das chamadas a disolución das estruturas tradicionais de participación política nas frangullas que se diluían nunha rede que emerxía como concepto central do pensamento “alternativo”. Era necesario queimar esta etapa para que hoxe se volvan as miradas sobre o vello raposo ruso, xa non de xeito tan digno e solemne como foi a deserción, mais ben coas orellas gachas e co rabo entre as pernas de quen tivo que tragar o orgullo e a vaidade de crer que ía comer ao mundo e ao fin o mundo papouno a el.

Mais non se pode esquecer que a literatura de evasión dos MS tiñan tamén a súa parte de razón pois a política reducida a parlamentarismo e ao traballo institucional estaba abocada á esclerose transformadora.  É preciso recoñecer tamén que a sublimación estética que practicaban en calidade de xustiza poética desprendía unha enerxía e unha vitalidade que poucos movementos políticos tiveron na historia. Quizais, parafraseando a Freud, a excelencia da súa arte foi produto do desafogo pola miseria da súa realidade. Con todo, a maioría dos actores principais deste alivio temporal interviña de boa fe e mesmo crían que estaban a construír algo novo que ía evitar os erros históricos, recollendo o mellor de todas as tradicións emancipadoras.  Ninguén dubida que había que estar en Chiapas e en Seattle porque a batalla contra a globalización había que dala alí ou porque non había outro sitio onde meterse. En calquera caso, o éxito mediático de Marcos non residía só en obedecer ao pobo máis que en mandalo –como el dicía- senón en satisfacer unha demanda de visibilidade nun momento de fe cega no neoliberalismo. Porén, ao fin, o desprestixio no que se sumiu o neoliberalismo foi sobre todo mérito do propio neoliberalismo, do seu corralito e da súa guerra preventiva.

Deslocalizar a praxe

Do eurocentrismo decimonónico pasouse ao outro extremo, coa impresión de que aquí non había nada que facer,  deslocalizando a praxe até poboar os pubs e cafés de revolucionarios por control remoto. Non tardaron en contemplar con asombro como un tras outro referente da nova esquerda triunfaba só na medida en que volvía aos clásicos. Evo alugaba unhas siglas, Chavez fundaba un partido, Arxentina levantaba cabeza a través do vello peronismo de toda a vida.  Os MS tomaron conciencia de que precisan instrumentos políticos e pouco importa que berren en Bolivia o “poder para o pobo, o goberno para o MAS” sostendo de xeito vistoso e ostentoso que son os MS quen controla o partido e non o partido quen controla os MS, pois ambas as dúas solucións parten da limitación actual que para “controlar” non quedan máis resortes que o diálogo, a negociación e a democracia, en calquera caso ambos as dúas estruturas están condenadas a entenderse se se queren mudar as cousas.

Hoxe só predican o divorcio dos MS e os partidos transformadores aqueles infiltrados nos MS que traballan conscientemente para os partidos  do stablisment ou aqueles que se escudan no dereito a ser utópico para desvencellarse das consecuencias prácticas dos seus actos e así traballar coa conciencia tranquila para os partidos do stablisment. A estes últimos é aos que se dirixía Lenin. E non lle imos dar a razón só polo feito de que o dixese el como non se lle pode quitar por iso. De feito, para ser exacto, a cita non era del senón que se trata dun treito que reproducía doutro autor anterior, Pisarev, e a idea non é nova: se non hai nada na realidade (neste caso electoral e partidaria) coa que poidamos conectar os nosos soños de xeito consciente catalizando a nosa mobilización a prol de levar a cabo ditos soños entón a cousa vai mal e quizais precisemos que o psicanalista desvele que conexións inconscientes teñen os nosos soños coa desmobilización e neutralización, se ben, non se precisa un diván para apreciar dita conxunción pois só basta comprobar a quen beneficia o abstencionismo da xente rebelde para descubrir a orixe destas alucinacións tan evasivas como interesadas.

Que esta non é a Galiza dos nosos soños é evidente. Que é da que temos que partir para que os nosos soños se materialicen tamén.  Que as ferramentas que ten Galiza para transformar os soños en realidade nestes momentos non son os mais axeitados é discutible. Que non hai a quen votar... iso xa é un pesadelo fomentado por quen non durme ben por ir de marxista e saber que a tese fundamental deste autor é que non se propón un problema para o que antes non se ten a solución.

terça-feira, 5 de fevereiro de 2008

Os inimigos


[Vieiros, 5/02/2008]

“Os verdadeiros nemigos da Autonomía son, sin querelo nin decatarse cecais, Vilar Ponte e outros autonomistas de boa fé que non acaban de cumplir debidamente a súa misión”. Escribía isto Bóveda nun sangrante artigo no xornal de Portela Valladares o 25 de agosto de 1933. En definitiva, viña a dicir algo moi doloroso: as veces os inimigos son os amigos.

Alexandre Bóveda tiña sobre o seu ombreiro o peso de organizar a conquista do estatus institucional do país á par do resto das nacións do Estado. Tivo a capacidade intelectual de deseñar a estrutura que dera canle a esa estratexia, mais topouse coa dificultade de enfrontarse coa xeración de vacas sagradas –Castelao aparte- que, desde o prestixio que lle outorgaba ser pioneiros, brillaban como persoeiros indiscutíbeis da constelación nacionalista. Alí estaban efectivamente Antón Vilar Ponte, mais tamén Risco, Paz Andrade ou Blanco Amor que disparaba alén mar contra o “purismo” de meter ao galeguismo nun partido. E iso foi o máis desagradable do seu labor de dar corpo a un pensamento, ou mesmo, a un sentimento que en abstracto xa case ninguén negaba e todos dicían representar. Mais no fondo, os galeguistas fóra do partido sabían que Bóveda tiña razón e por iso non facían outra cousa que xustificarse. Quizais o título da sección de Antón Vilar Ponte, “Pretextos cotidianos”, sexa algo máis que un xogo de palabras que reflicte a actitude de quen incapaces de someterse a disciplina do PG, inevitablemente, estaban suxeitos á disciplina doutras organizacións, e non só a ORGA na que estaba o viveirés ou o Partido de Centro no que desembocou Paz Andrade senón que o grao de inconsciencia podía levalos a favorecer a outras forzas máis antagónicas como no seu momento fixo o propio Filgueira ou Risco. Isto é, a outra cara do individualismo e do personalismo consiste en que fuxindo de ser esmagado no propio matiz polo grupo a que un pertence, remata disolto totalmente ao servizo do colectivo que combate.

Os apostoles da ING, con Losada á cabeza, que rexeitaran o xogo partidario de xeito explícito para entrar nel pola porta de atrás coa ditadura de Primo, non parece que aprenderan a lección. Tardaría Vilar Ponte en poñerse ás órdenes do PG, logo de que se fartara de ser “tonto útil” de forzas foráneas, até que ao fin Castelao –e o seu irmá Ramón- lle fixo entrar en razón, o mesmo que terían que facer para que Otero non se fora e acatar as decisións da organización a pesares de estar en desacordo. Mais Bóveda xa tiña claro que o obstáculo para cumprir os obxectivos do nacionalismo non eran os anti-galeguistas: “os veradeiros nemigos da Autonomía non son isa media ducia de españoleiros, incosecuentes, que, de cando en vez lle perdona a vida ao Estatuto n´un d´ises artigos pintorescos que as xentes conscentes len con verdadeiro asombro”. A Bóveda tocoulle daquela desenmascarar as actuacións dos que atacaban ao PG abandeirando posturas máis radicais (Agrupación a la Tercera República) e mesmo arredistas (Alvaro de las Casas, A Fouce), ou desde posicións posibilistas que confiaban na súa presenza en partidos que tiñan máis opcións a obstentar o poder en Madrid.

Hoxe o país precisa dar un paso máis para erguer o seu estatus xurídico e político dentro dun Estado que se vai definindo en función da correlación de forzas e non pola asunción da realidade diversa que posúe. Esto ten consecuencias prácticas no avance da democracia (poder de decisión, soberanía, etc…), no progreso económico e social (cun financiamento axeitado as nosas necesidades) e no establecemento dun rango institucional que nos situe en pé de igualdade no plano político pero tamén cultural e lingüístico. É evidente que todos están pola reforma do Estatuto de boca para afóra e din que pensan no ben de Galiza aínda que desvían o debate canto poden cara outras latitudes e temas de tipo relixioso ou moral cos que disimular a coincidencia nos asuntos esenciais, sobre todo nos económicos (sen entrar na cuestión de quen rebaixa máis o IRPF). Bóveda tería nestes momentos moito traballo para poñer a cada quen no seu sitio e identificar os inimigos que impiden que o Estatuto de Nación sexa unha realidade. A verdade é que nunca houbo tanta confusión no panorama político, mais parece quedar clara unha cousa: as forzas alleas só outorgarán algo a Galiza en función do peso das forzas propias e quen trate de dividir esas forzas propias non está a traballar precisamente ao servizo do país por moito que se diga galeguista, nacionalista ou independentista. En conclusión, o incremento de votos e presenza institucional do BNG nas Cortes Xerais é o único xeito que nestes momentos hai de favorecer a mellora económica, institucional e cultural de Galiza así como preservar as liberdades ameazadas polo movemento reaccionario emerxente que ten o seu sustento no antinacionalismo. As lóxicas diverxencias persoais, consideracións locais ou circunstancias biográficas polas que cada quen está hoxe afastado do equivalente ao PG daquela, non debera empuxalos a repetir os erros de entón, e lembrar como nun mundo onde todo o que fagamos ou deixemos de facer repercute, non apoiar ao BNG é traballar para a involución.