Vídeos

terça-feira, 11 de agosto de 2009

Moncho Reboiras


[Vieiros, 11/8/2009]

Vén de saír un libro sobre esta icona do firmamento nacionalista que cada 12 de agosto convoca en Imo e Ferrol aos romeiros da súa causa para prolongar a súa existencia nos himnos, discursos e consignas que teñen lugar na súa lembranza. Mais a verdade é que moitos dos asistentes nunca o coñeceron e algúns nin sequera tiñan nacido cando foi asasinado, polo que esta publicación con máis de 25 testemuños de persoas que compartiron con el trincheira convertese nunha ferramenta imprescindible para dar conta de nós e non só del. Cada quen desde a súa óptica, todos achegan contribucións indispensábeis para recompoñer as circunstancias á altura das cales estivo este mozo que con 25 anos deu a vida polo seu país.

O Estado Español, a través da Delegación do Goberno, tamén se sumou finalmente ao recoñecemento desta vítima do franquismo virando a postura que inicialmente mantivo de xustificación da execución deste militante nacionalista e a persecución dos que divulgaran a verdade, isto é, a unívoca lectura posible do tiro na caluga: Lembremos o xuízo contra o historiador Francisco Carballo por denominar asasinato a este feito. Algo temos avanzado nese e noutros aspectos entre outras cousas grazas ao sacrificio dunha xeración sobre a que nos erguemos e que non acabamos de valorar dabondo.

Con todo máis alá do relato dos feitos que dan conta da grandeza da persoa real que mesmo é superior á do mito, é interesante contrastar a situación actual na que a postpolítica coloniza as conciencias presentando a colaboración entre tecnócratas ilustrados como alternativa as visións ideolóxicas globais encarnadas polos distintos partidos que compiten polo poder. Non é por nostalxia que un se debe colocar diante do espello dunha época na que un conflito local e sectorial se conseguía elevar ao plano da confrontación universal (Baldaio, as Encrobas, Castrelo de Miño...) É útil mirar atrás para entender o presente porque daquela as cousas estaban máis claras e o intento do poder de que a “queixa” quedara só nun feito puntual que non supuxese un desafío ao grupo dominante era tan evidente que non colaba para ninguén, agora, en cambio, no medio da confusión reinante, son precisamente algúns supostos alternativos os que sosteñen a renuncia a substituír aos empoleirados nos aparellos do Estado pois para eles iso tanto ten (“goberne quen goberne...”), o prioritario é a reivindicación particular e calquera asociación política con siglas é satanizada como traizón aos afectados, á xente comúns. En definitiva a postpolítica está a trunfar no que fracasou o franquismo, isto é, que cada quen asuma o lugar que lle corresponda na orde social desigual pois mesmo as vítimas desta orde teñen un tratamento específico de “especial protección” que se implementará canto máis se asuma ese rol de vítimas.

Nostalxia? Non é o momento de analizar a domesticación da mocidade actual, nin sequera imos parar cos que a ocultan baixo un radicalismo que os coloca fóra dos auténticos confrontos políticos e sindicais do momento para sublimarse no desafogo verbal. Claro que hai algo de nostalxia daqueles 16 anos cos que era detida Marisol ou os poucos máis dos que sostiñan sobre os ombreiros a responsabilidade de sentar as bases do futuro da súa Terra ocupando a primeira liña de fogo como é o caso de Moncho. Mais o que se bota de menos non é tanto o activismo como a preocupación teórica para non dar paus de cego. Non deixa de chocar a imaxe que nos fomos facendo deste combatente ca que presenta Saleta cando o lembra deitado na alfombra da súa casa de Monforte devorando toda clase de libros ou tamén a admiración que gardaba este “obreirista” por un Otero Pedrayo ao cal visitaba para escoitar del consello, obter información e fornecerse de formación, tal como nos relata Manolo de Remesar.

Moncho un intelectual? Hoxe renxe isto por que case lograron extirpar estas preocupacións teóricas do conxunto da sociedade para supoñerllas soamente a aqueles que viven delas. Mais daquela abundaban os seminarios, as conferencias, as lecturas e non só as prácticas de tiro ou as pintadas e a distribución de panfletos. Idioloxísmo? Quizais, cando menos ideoloxía. Dogmatismo? Pode, máis fronte a iso era posible a transgresión e a heterodoxia e non como agora que a disidencia é a norma de tal xeito que a única maneira -lamentable por certo- de ir contra corrente é ser  “oficialista”. Libros sagrados, guía de boas lecturas? Cal é o problema, cando menos sabíase a quen había que refutar.

Agora, anos despois de ter publicado Zizek “Defensa da intolerancia”, desmontando a doutrina multicultural dominante, topamos que moitos seguen a soster os mesmos argumentos que este autor esolevenio rebateu porque simplemente non o coñecen. Cando deberamos estar replicando a Zizek nos seus erros (como fai Claudia Cinatti), aínda temos, máis unha vez, que volver a porfiar en que se estude. Do mesmo xeito chamamos a ler este libro pois hai quen xulga trabucada a estratexia nacionalista dos 70 sen coñecela, e quizais á luz desta lectura, alguén se sorprenda e alcance a ver que nalgunha cousa acertaron e grazas a iso chegamos até aquí e, xa que logo, non sobraba telo en conta a hora de avaliar as equivocacións do presente de cara a seguir avanzando. Non é que se vaia topar neste ou noutro texto as receitas para saír do “desconcerto” actual mais compre reivindicar a teoría, tal como está o panorama, podemos mesmo dicir que calquera, pois como dicía Foucault: toda teoría vai contra o poder, ou por dicilo doutro xeito, a ausencia de ideoloxía e a despolitización é a doutrina dos abusos arbitrarios, da desigualdade inxustificable e da dominación pola forza.

sexta-feira, 27 de março de 2009

Democracia

[Vieiros, 27/03/2009]

Quizais alguén debera facer unha análise sosegada da involución que supuxo o chamado “acoso xudicial a ETA” e as consecuencias que isto tivo alén da deserción das doutrinas xurídicas liberais, isto é, o que representou para a desvalorización da propia democracia que posuímos e, en definitiva, a repercusión para o conxunto da sociedade. Mais calquera se atreve. E non só pola catalogación como terrorista de quen ouse tal cousa, senón, o que máis doe, por ter que sufrir reaccións infantís fronte a un tema tan grave e serio coma este.

Algo se ten feito ao respecto da primeira cuestión, isto é, as contradicións entre o ideario constitucional que orienta as penas cara a reinserción e o que supón castigos como a dispersión; o paradoxo de que haxa tribunais especiais, tratamento diferenciado dos reclusos, etc… e que se negue ao mesmo tempo o carácter político destes presos; o cumprimento integro das penas como eufemismo dunha cadea perpetua descartada no ordenamento constitucional e o problema de aplicar a retroactividade sen ir contra as bases mesmas do Estado de Dereito, e sobre todo, a multitude de conculcación dos dereitos civís básicos que se cometeron a hora de proceder a ilegalización dos diferentes partidos políticos e mesmo o proceso contra quen tivo conversas con un membro dun grupo ilegalizado polo que supón isto de extensión dos círculos dos acosados xudicialmente a cada vez un abano máis amplo de cidadáns (no devandito xuízo polas conversas con Otegui chegaba a abranguer ao propio PSOE). Mais estas disonancias se liquidaban co remoído recurso a que os que están contra o sistema non poden beneficiarse de dito sistema.

Para “derrotar a ETA” –dicía Aznar- “non nos imos saír das regras de xogo do Estado de Dereito”, e ese argumento foi esgrimido contra os gobernos do PSOE manchados pola trama dos GAL, e todo o mundo aplaudiu isto sen decatarse da trampa. A estratexia de combater a ETA sen saírse das regras de xogo consistía simplemente en mudar ditas normas non só das bases legais senón, sobre todo do marco de consenso social coa escusa de acurralar aos “violentos”. E certo que aínda que foron o PP e o PSOE quen promoveu estas iniciativas dentro do chamado “Pacto pola Paz e a Liberdade” quizais pillou por sorpresa aos que non sendo violentos pensaban que isto non ía con eles. E certamente, o asunto ese de que se beneficien do réxime democrático aqueles que non cren nel era discutible e saír na súa defensa facía que un correra o risco que fixeran un día calquera barbaridade e que deixara en ridículo, por exemplo, as críticas que se fixeran ao peche dun xornal cando a reacción que isto provoca é o asasinato de xornalistas. Moitos se viron paralizados por ese dilema. Mais a cuestión de fondo era en que se estaba a converter este sistema que deixaba de actuar segundo aquilo que o definía para combater a quen o cuestionaba? E, sobre todo, en que se converten os cidadáns que acaban asimilando como natural a ilegalización de partidos en nome do pluralismo democrático, o peche de xornais en defensa da liberdade de expresión, a criminalización das ideas en vez dos métodos que se usan para levalas a cabo e, en definitiva, a identificación da democracia cun só xeito unidimensional de pensar e a descalificación como antidemocrática de calquera disidencia, nomeadamente ao nacionalismo, fronte ao cal se acaba concluíndo que vale todo.

Lembremos a lectura unísona dos tertulianos dos resultados do 1 de abril diante da perda de poder do nacionalismo en Euskadi e Galiza: “una buena noticia para la democracia”.

“¿En que nos hemos convertido?” é o que tiñan que preguntarse na metrópole, se ben non habería que xeneralizar e, sobre todo, o problema non hai que centralo só nos de fóra das nacións sen Estado, que non nos entenden. As veces é ao revés, na precampaña atopamos un artigo dun sexólogo aragonés que se sentiu tan anoxado pola cruzada de difamacións contra Vicepresidencia, á que mesmo se chegou a acusar de promover a prostitución pola presenza dunha polémica escritora nunhas xornadas as que o maño asistiu, que remitiu unha carta indignado a un xornal baixo o título “Prostituyendo los hechos” nos que chamaba a atención sobre o nivel inquisitorial ao que se rebaixou o debate social que mesmo desaparece e é substituído polo insulto e a xudicialización. Querían meter no cárcere aos que opinaban distinto. Noutros tempos isto tería un calificativo adecuado polo que supón de censura da liberdade de pensamento, de coartar o debate, de proscribir as diferenzas. Mais todo o mundo concordará que sería un abuso despachar a quen isto sostivo cun termo que está asociado a prácticas que nada teñen que ver co ideario democrático e o quefacer cotiá da asociación que se prestou á operación calumniadora contra o BNG na Xunta, por moito que manque esta actuación concreta. Fronte a esa prudencia, un sorpréndese da alegría coa que se imputan alcumes totalitarios ao nacionalismo a pesares da ausencia de calquera comportamento que teña que ver co que representaron no pasado as diferentes tiranías. O seu carácter autoritario “se le supone”. Parece que se conseguiu implementar a percepción social de que un nacionalista é un antidemócrata, faga o que faga, e quen combate ao nacionalismo é demócrata por definición. Mesmo é xustificable un acordo de goberno PP-PSOE (primeiro Navarra, agora Euskadi, logo…) baixo esa cobertura.

E que pinta en todo isto ETA? Habería moito que dicir da súa funcionalidade para isto, e non só deles, tamén dos que miméticamente e de xeito colonizado reproducen noutros lares a súa retórica aínda que afortunadamente non a súa práctica. Mais ao fin, o certo é que posiblemente o resultado final do proceso de depreciación da democracia  fose o mesmo sen eles. Lembremos a reacción contra o chamado referendo de Ibarretxe. Ningún atentado conseguiu condenas tan contundentes e palabras tan duras. A tese fundamental era que consultarlle á cidadanía era antidemocrático. Neste mundo que tanto se vota, até por sms e internet, resulta que cada vez se decide menos, non xa o modelo económico ou a estrutura do Estado senón que moitas outras cousas fundamentais para a vida da xente xa deixaron de ser opcionais; en cambio ponse o énfase noutros asuntos triviais que se colocan no centro do debate de tal xeito que o 1 de marzo, se fixeramos caso da prensa, do que se trataba era só de escoller o coche do Presidente da Xunta ou a onde e con quen debía ir de vacacións o Vicepresidente. Isto é ao que queren reducir a democracia?

A tautoloxía de Tomás Urzinqui: “non hai democracia sen sociedade soberana” hai que matizala á luz do feito de que a democracia é gradual e a soberanía é relacional. Con todo cada vez é máis evidente que canto máis nacionalismo, máis democracia (máis decisións en mans dos parlamentos nacionais, máis xestión dos propios recursos, máis intervención e planificación da economía ao servizo da comunidade, maior desenvolvemento da creación cultural propia en función das metas de cada pobo) E canto menos nacionalismo, menos dereito dos pobos a tomar as rendas da súa vida e máis se entrega o seu destino a instancias afastadas lonxe do seu control e da súa participación. Non se trata só da execución do programa neoliberal da globalización no Estado Español (pensamento único, privatización, baleirado de contido dos parlamentos, homoxeneización cultural e lingüística, etc..), o problema é que historicamente este ideario foi a alma da democracia desde que este réxime naceu no sentido moderno á par desta ideoloxía que lle deu sustento aló polo século XVIII coa liberación das colonias americanas e a revolución francesa. Por isto a persecución que se está a levar contra ese ideario vai contra as bases mesmas deste sistema político. Non é que a nosa fose unha democracia de grande calidade. Mais compre reaxir para que non se deteriore máis. Qué facer? Por onde empezar? Podíamos comezar por concienciármonos do principal antes de entrar en cuestións secundarias, isto é, decartármonos de que canto menos nacionalismo, menos democracia.

sexta-feira, 30 de janeiro de 2009

O partido dos antipartido

[Vieiros, 30/01/2009]

Manuel Díaz, por poñer un nome de alguén que se cre actuar como tal cando simplemente é sacado a escena segundo lle convén ao ventrílocuo que fala a través del. Pero podíamos poñer moitos máis. Lembremos o que nos dicía Gramsci ao respecto para non cometer o erro de inventar a pólvora á hora de analizar este fenómeno e moito menos crer que é exclusivo do noso país e do noso tempo: “o individualismo non é máis que un apoliticismo animalesco, o sectarismo é 'apoliticismo' e, se se observa ben, o sectarismo é en efecto unha forma de 'clientela' persoal, mentres falta o espírito de partido que é o elemento fundamental do 'espírito estatal'. A demostración de que o espírito de partido é o elemento fundamental do espírito estatal é unha das teses máis importante a soster; viceversa, o 'individualismo' é un elemento de carácter animal, 'admirado polos forasteiros', como os actos dos habitantes dun xardín zoolóxico”
E así nas súas gaiolas os individualistas enchen o peito contra os da súa especie que corren libres pero en manadas, en rabaños (en partidos, en sindicatos…) e canto máis barullo fan máis se fixan neles os turistas e mais comida lle lanzan entre as reixas e máis fotos lle tiran.

Certo, as bestas de Sabucedo andan en greas, mais é porque lles convén para protexerse dos lobos. Algún destes, con pel de carneiro, seguro que as ten tentado para que troten soas co obxecto de botarlle as poutas, mais estas serán eguas pero non burras.

Outra vez La Voz de Galicia se serve do tal Malnuel Díaz na súa campaña de chantaxe contra unha parte do goberno galego. Pouco importa que este señor fose desautorizado para falar en calidade de membro da CIG, que a dirección do xornal teña recibido comunicación oficial escrita e mesmo persoal do propio secretario xeral indicándolle quen eran os cargos electos nas diferentes federacións e seccións para intervir en nome da central: o caso é buscar alguén que se preste a botar merda contra o nacionalismo e non teña escrúpulos en mentir co fin de construír o titular que interesa: “Vicepresidencia convoca al filo de las elecciones una oposición a las medidas de los contratados en sus galescolas y residencias”.

Tanto ten que as Federacións da Administración e Ensino da CIG se dirixan ao xornal explicando o proceso e as razóns polas que se fai agora a convocatoria. Esta información da central maioritaria é censurada e a de CCOO, que non fixo ningunha proposta agás da ilegal de facer só concurso, goza de portada e páxinas completas con falsidades a pesares de ser minoritarios no sector. Imaxinádevos que se fixera só concurso sen oposición como eles pedían: que sería entón máis a “medida dos contratados”?

Que respondan os da ONG que saíron a facerlle os coros ao PP e CCOO desde a “Movemento pola Igualdade do Emprego Público” Xa sabemos que con este recurso de montar un chiringuito deste tipo se libran de presentar a eleccións políticas ou sindicais e poden falar en nome de “opositores y funcionarios” –como di La Voz- sen ter que medir a súa representatividade: sendo unha entidade fantasma será máis manexable por quen move realmente os fíos. Os demais, que están sometidos a control democrático, son en cambio presentados como un grupo mafioso por devandito xornal. Mais a filosofía ou liña editorial contraria aos “ aparatos” que unha e outra vez destila o diario non é nova, lembremos a José Antonio Primo de Rivera: “Todo el siglo XIX se gastó en idear máquinas de buen gobierno. Tanto vale como proponerse dar con la máquina de pensar o de amar. Ninguna cosa auténtica, eterna y difícil, como es el gobernar, se ha podido hacer a máquina; siempre ha tenido que recurriese a última hora a aquello que, desde el origen del mundo, es el único aparato capaz de dirigir hombres: el hombre. Es decir, el jefe. El héroe” .

Os antipartido ou antisindicato de hoxe non teñen a honestidade de José Antonio de aclarar a prol de que están, simplemente tiran a pedra e esconden a man. Ninguén di que estas estruturas non deban ser criticadas de xeito construtivo senón que non é admisible que sexan descalificadas como corruptas sen probas e, sobre todo, sen amosar as alternativas que se defenden a iso para evitar sorpresas do pasado. É evidente que ten máis difícil caer na corrupción unha organización plural e democrática na que hai que dar contas á militancia que o populismo caudillista do personalismo que obedece só á “clientela persoal”, tal como di Gramsci. O individualista sérvese dos partidos ou sindicatos en función dos seus intereses particulares –como tan ben retratou Castelao- e o máis patético é que cre afirmar a súa independencia persoal cando ao fin só se deixa levar polos ares da globalización actual que fomenta ese tipo de desconexión comunitaria e exalta o personalismo consumista cosmopolita. Canto máis pensa que fala libremente por non medir as consecuencias do que di, máis funciona como un resorte automático accionado por quen lle pon o micro cada vez que o precisa, e ao fin é fiel lacaio do poder dominante. Fronte a este panorama, non hai xesto de maior rebeldía que actuar a contra corrente, traballando por construír proxectos colectivos a través dos tan deostados partidos e sindicatos de masas nunha acción conxunta a prol de metas diferentes das que veñen marcadas polo sistema.

Por rematar co autor co que empezábamos. Lembremos a súa análise a respecto da diferenza entre a guerra de trincheiras (o traballo político en sociedades complexas a prol de ocupar posicións nas progresivas mudanzas sociais) e a guerra de movemento (asalto a un poder centralizado en sociedades máis simples). Sen entrar en cuestionar á lectura socialdemócrata disto -pois o obxectivo non é xestionar o presente, como estes cren, senón cambiar as cousas- centrémonos na análise dos que sosteñen a guerra de “movemento” nas sociedades complexas. É que os decepcionados de partidos e sindicatos se lanzan a conquista do Pazo de Inverno coas armas da espontaneidade? Pois non. Porque saben que sen estas estruturas iso non sería viable mesmo que estiveramos nunha sociedade máis primitiva onde o poder se concentrase nun só edificio. E isto é independente do signo político de quen pretenda tomar dito poder, simplemente: os medios propostos non son adecuados para o fin que se di perseguir. José Antonio, con outros obxectivos, tamén defendeu no seu día esa estratexia (“El movimiento de hoy, que no es de partido, sino que es un movimiento, casi podríamos decir un antipartido”) agora ben, el tiña o exército, entón estaba interesado en destruír as estruturas do seu inimigo (partidos e sindicatos de clase). Mais estes que teñen? Poderíamos dicir que os teñen a eles e a súa supervivencia en catividade depende da súa pertinencia para a cerimonia da confusión. Así que ninguén se estrañe se sigue o circo mediático coa exhibición de novas adquisicións de fauna exótica.

Hai vida intelixente fóra dos partidos. En política calquera cousa que se faga vai servir para facerlle o xogo a alguén e, xa que logo, é difícil ir por libre. Mais o devandito refírese aos “antipartido” e non é de aplicación para quen consegue contribuír desde a sociedade civil (seguimos con Gramsci) a desprazar o marco de consenso a favor das causas populares, axudar a consolidar as estruturas de mobilización de clase ou nacional e botar unha man en caso de necesidade; isto, a pesares de non ser quen, pola súa biografía e circunstancias, a afiliarse a unha organización política ou sindical coas cal lles separa multitude de matices ou cuestións locais e sectoriais. Mais non son atraccións de feira e son silenciados e marxinados porque toman partido a pesares de non ser de ningún, sobre todo por non ser dos antipartido. Como distinguilos se non levan na lapela ningunha sigla? Unha pista: seguro que non saen na Voz de Galicia.