Vídeos

domingo, 25 de julho de 2010

Ou Lenin ou nada


Quizais lembrando aquel “Aut Cesar, aut nihil” que tiña por lema o Borgia que inspirou a Maquiavelo para o seu Príncipe. Pois Cesar Borgia, ao seu xeito e no seu contexto, tratou tamén cos métodos propios do seu tempo e que tan ben describe o politólogo florentino, levar a cabo un proxecto político de grande empaque e de irreversible avance para a humanidade como sería a unificación italiana. Gramsci facía ben en gabar a Maquiavelo por ensinarlle ao pobo como realmente funciona a política amosando as artes que se camuflaban baixo a retórica pomposa do “bonum commune” ocultando os verdadeiros intereses que estaban en xogo.  Mais Borgia, como Maquiavelo, ían por diante da súa época, sobre todo o segundo, a quen puideramos chamar o primeiro nacionalista senón fora que daquela era impensable o mundo neses termos. As nacións terán aínda que agardar até o século XVIII para xurdir como tales, non desde a nada, máis si para algo, isto é, co obxecto de dar sustento a un novo réxime que viña de ser inventado,  a democracia, filla da revolución francesa e da liberación das colonias americanas (salvo que aceptemos coma democracia a escravista ensaiada en Grecia).
O Cesar Borgia que máis nos lembra ao leninismo é o do filme Los Borgia de Antonio Hernández, e máis concretamente a recreación do seu previsible aínda que aprazado final cando logo de gardarse exiliado na Navarra, lonxe das poutas dos seus inimigos, nun arrouto,  bótase a perseguir a uns adversarios do seu cuñado que o acollía, sen agardar a que as súas tropas o acompañaran para preparar o ataque, tal como el sabía facer pola súa formación militar. A sensación que dá nesas imaxes é que o chamado príncipe Valentino, logo de probar a realidade auténtica da política do seu tempo, esgotou a paciencia de verse retirado fóra de xogo, apartado dos escenarios onde se decidía o rumbo da historia, e non aturou máis esa existencia baleira e inoperante do exilio até que rematou por deixarse levar pola espontaneidade suicida de quen logo de ter botado todas as contas como frío e calculador que era, toma consciencia que xa non tiña nada que facer para retomar as rendas dos seus proxectos. Certamente Cesar xa estaba morto antes de botarse contra os homes do Conde Lerín. Quizais desde que envelenaron ao seu pai, o Papa, e con el un aliado fundamental nos seus planos, ou cando se esgotaron as posibilidades de usar a súa irmá Lucrecia como moeda de cambio para tecer novos pautos, o caso é que había tempo que Cesar xa non era o mesmo Cesar, e entón só lle quedaba ser “nihil”, segundo el mesmo proclamaba. Por iso quizais mesmo ese arrouto espontáneo semellaba que respondía a un programa premeditado de autodestrución.
E que terá que ver isto co leninismo? Pois se damos por boa a análise de Gramsci e entendemos que o partido é o Príncipe contemporáneo, entón, o Cesar Borgia sería o equivalente ao partido no renacemento.  E para que lle damos tantas voltas para tratar os problemas contemporáneos? Pois para valorar a importancia da temporalidade, e xa non digamos da espacialidade, a hora de comprender o mundo (o análise concreto da situación concreta).  Mais tamén, de que serve lermos “Cesar Borgia, el hijo del papa” de José Luís Urrutia senón o podemos traducir ás preocupacións e intereses intelectuais de hoxe en día. É un san exercicio leninista detectar o axeitado que é en cada momento unha estratexia política adaptada á formacións social e ao contexto histórico dese intre e pretender tirar conclusións para clarificar o presente. E non hai nada máis antileninista que copiar ao pé da letra as receitas doutro tempo ou doutro lugar, mesmo as que o propio Lenin aplicou para que trunfara a revolución na Rusia do 1917. Se o Cesar Borgia é o partido bolxevique da Italia do quattrocento, cando a primeira vista non teñen nada que ver, como atopar as correspondencias na actualidade sen caer nos elementos aparentes e superficiais que puideran chamarnos a engano pola súa exhibición pomposa ou pola súa ocultación interesada. En definitiva, cal é a esencia do leninismo que Gramsci atopou entre figuras tan afastadas como puidera ser o Valentino e o partido comunista?
Gramsci nun dos seus escritos da cadea que deu en titularse “espontaneidade e dirección consciente” aborda un dos problemas centrais do leninismo, isto é, superar o divorcio entre a dirección e a base, o partido e o pobo, nun proceso no que responder ao inmediato non é incompatible con ser previsor. E recorre a Ilich, como el lle chamaba, non para plaxialo, senón para referendar como nas situacións de crise, a diferenza entre unha superación “progresiva” ou “regresiva” desta depende da asunción da responsabilidade que supón ter coñecemento directo da realidade tamén a través dunha análise dos sentimentos espontáneos das masas sen as cales é imposible ter éxito para levar a cabo calquera mudanza positiva. Para iso pode ser conveniente efectivamente cultivar dita espontaneidade por canto se recoñece que responde a existencia de problemas reais e non ideados por capricho alleo segundo intereses foráneos, mais compre non caer na deserción de abandonar as responsabilidades que se teñen coa escusa de deixarlles todo o protagonismo ao pobo para así lavarse as mans sobre o que aconteza; e moito menos utilizar a apoloxía da espontaneidade como fan os ‘politicastros’-tal como el lle chama- co fin de deslexitimar a dirección actual simplemente polo feito de estar “arriba”, acochando así o obxectivo inconfesable de ocupar o seu lugar.
Gramsci recorda tamén o apoliticismo sindical dos franceses durante os seus trinta anos de pasividade ou o movemento anarquista catalán, e como a súa loita exclusivamente económica era do agrado do sistema –salvo no último caso cando reforzou obxectivamente o “separatismo republicano catalá”. Mais o feito de que haxa alguén que defenda a espontaneidade xa fai imposible a existencia de dita espontaneidade. Unha espontaneidade fomentada non é espontánea.  Detrás dos que promoven dita espontaneidade hai estratexias moi concretas para provocar a compartimentación do conflito e a disociación entre a teoría e a praxe.  Isto último dexenera nun anti-intelectualismo no que se condena a todo aquel que trata de encadrar cada movemento particular dentro dun marco teórico global, cousa que só é posible tamén se por parte dos intelectuais hai unha dispoñibilidade a ocuparse de xeito directo das loitas sociais concretas. En calquera caso o método con que os teóricos apliquen os seus esquemas á realidade non debe limitarse excluír como anomalías ou rarezas aquilo que non encaixa, pois como di Gramsci, “é o teórico o que debe identificar nesas rarezas a confirmación da súa teoría, traducir a linguaxe teórica os elementos da vida histórica, e non ao revés, esixir que a realidade se presente segundo o esquema abstracto”. En definitiva, o problema non é que só se afaste aos “pensadores” dos movementos sociais ou que estes se autoesclúan nas súas peregrinas preocupacións eruditas, senón que se remata por descartar ao propio pensamento do proceso de actuación social. Entendendo por pensamento relacionar a parte co todo ou identificar as contradicións principais que fan cambiar o mundo en sentido positivo. Porque nada disto preocupa ao espontaneista.
A historia danos moitos exemplos –a verdade que son a maioría- de como os movementos espontáneos derivaron en efectos regresivos. Quizais compre seguir a citar ao filósofo italiano: “Descoidar -e aínda máis, desprezar- os movementos chamados espontáneos, ou sexa, renunciar a darlles unha dirección consciente, a elevalos a un plano superior inseríndoos na política, pode a miúdo ter consecuencias serias e graves. Ocorre case sempre que un movemento, espontáneo das clases subalternas coincide cun movemento reaccionario da dereita da clase dominante, e ambos por motivos concomitantes: por exemplo, unha crises económica determina descontentos nas clases subalternas e movementos espontáneos de masas, por unha banda, e, por outra, determina complots dos grupos reaccionarios, que se aproveitan da debilitación obxectiva do goberno; para tentar golpes de estado”
Efectivamente así foi en numerosas ocasións. Por iso a defensa que se fai na actualidade da espontaneidade nos termos de renunciar a comprender a realidade e a intervir nela de xeito organizado, non é un alegato inocente.
A miúdo acusouse ao leninismo de paternalismo, de tratar de dirixir ao conxunto desde un grupo minoritario de xeito antidemocrático, de impoñer pola forza determinado tipo de consignas, e no cumio do que molesta do leninismo está a “disciplina” exposta como unha renuncia a pensar por si propio. Certo que as caricaturas que se lle fan nestes imputacións retratan a miúdo a quen as lanza e nada teñen que ver co que representaba o ideario de Lenin, e só pretende a descalificación do leninista como demócrata, como persoa libre e reflexiva, mesmo como ser humano ao debuxalo en termos maquinistas.
Os esponteneistas sempre logran amosar aos “organizados” como espurios grazas a atribución que se lle fai de responder a unha disciplina allea: se obedecen o que lles mandan desde fóra entón non teñen dereito a participar, se participan o que digan non ten valor, se votan o seu sufraxio non responde á súa vontade e polo tanto non ten lexitimidade. Os espontaneistas ou antisiglas logran trunfar diante das masas con estes argumentos porque xogan con vantaxe, a diferencia deles os leninistas non ocultan as súas cartas. Os espontaneistas en cambio acochan a dirección que pretenden dar as cousas e esconden a súa implicación con estruturas afastadas das masas. Mais o caso é que a miúdo conseguen que a xente lles faga caso e se até un determinado momento non daban importancia ou non se decataran da membrecía partidaria de alguén, a partires da denuncia do espontaneísta, xa nada do que faga o “disciplinado” terá o mesmo sentido. O espontaneista consegue así neutralizar calquera conexión do conflito local ou sectorial co confronto global. Rachase o vencello e sobre todo córtase a comunicación. Pois a dirección consciente sen esa comunicación non é consciente de nada pois dirixir para un leninista é relacionar, contrastar información, contextualizar no conxunto. Porque ao fin, é obvio que o elemento organizado, o afiliado, o militante político, coa súa participación nos movementos de masas non é quen de obrigar aos demais a facer o que el quere tal como ridiculamente é presentado polo espontaneísta, mais sen esa conexión o que está claro é que se desintegra a acción colectiva na fragmentación solipsista e á larga coa perda de vista do conxunto quizais está a facérselle o xogo ao inimigo e traballando en contra dos obxectivos que un movemento espontáneo declara posuír.
Lembremos a definición que fai Gramsci neste texto: “a disciplina é a unidade da espontaneidade coa dirección consciente”. É esa unidade a que pretende destruír o espontaneista e non o feito de que haxa uns que manden e outros que obedezan pois precisamente unha vez que se fende ese vencello entón si que o que queda no sitio é unha submisión caudillista a través da conexión emocional cun líder non sometido a ningún tipo de control democrático orgánico. Efectivamente, para Lenin, como di no seu Que facer?, “a vangarda cumpre as súas tarefas como tal vangarda só cando sabe non illarse da masa que dirixe”. Mais a función fundamental desta vangarda é ter unha visión de conxunto, contrastar os seus datos cos do resto para facerse unha composición de lugar o máis ampla posible para evitar que a cegueira local ou sectorial nos impida apreciar as consecuencias dunha determinada loita. En definitiva, fronte ao anonimato que dá impunidade o leninista quer dar a cara e asumir as responsabilidade, contra a disolución das ideoloxías trata de formalizar as sensibilidades e  combatendo as identificacións emocionais busca racionalizar as relacións co fin de organizar do xeito máis adecuado a cada contexto a intervención no mundo para transformalo.
Para conseguir esa unidade que o espontaneista pretende destruír a través das barreiras preventivas que coloca contra todo militante político, é certo que compre escoitar á xente, adaptarse ao seu nivel de consciencia, responder as súas queixas puntuais, mais non se pode perder de vista o proxecto global e estar prevido de que o pobo está condicionado á súa vez polo poder que conforma a súa conciencia e os seus desexos. Castelao no seu Diario 1921 reflexiona moito sobre isto a respecto do arte e distingue entre o gosto e o parecer do pobo, o gosto popular as veces está deturpado e contaminado polo poder que inflúe nel logrando que se apunte a unha determinada moda, o que el chama, o parecer de cada momento. O gosto é algo máis estrutural que un demócrata auténtico, un nacionalista, como Castelao era quen de saber pescudar co fin de conectar con el.  Dalgún xeito Bóveda e Castelao lograron ese ideal leninista de fundirse co pobo sen confundirse nin confundilo.
Mais para os antileninistas que predican o divorcio entre os movementos sociais e o partido político, entre a espontaneidade dun conflito e a súa orientación dirixida, entre o local e o nacional, entre o sectorial e o global, habería que preguntarlle que queda no sitio unha vez derrubado Lenin. O caso é que este labor de demolición non vai acompañado de ningún plano alternativo, ao fin deixan baleiro o terreo que pasa a ser ocupado pola reacción que pouco a pouco vai tomando posicións.
Na arroutada desesperada por inmolarse de Cesar Borgia apreciabamos certa planificación que tampouco é allea aos que cantan a espontaneidade do pobo fronte a supervivencia dos partidos políticos cos seus por eles chamados “vicios” leninistas. É ben certo que tal como está o “parecer” do pobo é difícil navegar a contracorrente na defensa da militancia política partidaria con todo o que iso comporta de “disciplina”, acción colexiada, participación na vida orgánica e intervención organizada nos movementos sociais desde unha perspectiva leninista. Mais o caso é que se Cesar Borgia quedou anulado en vida como instrumento do cambio social, e pasou de ser todo a non ser nada como reza o seu epitafio, de momento aínda non se inventou outra ferramenta máis axeitada de transformar a sociedade que non sexa o partido nos termos inspirados pola obra do devandito pensador ruso que foi quen a través del de levar á práctica as súas ideas e recoller nas súas ideas a experiencia da súa práctica.



Publicado en Guieiro, nº 31. 2010