Vídeos

domingo, 26 de agosto de 2012

Por que Bóveda habendo un Lorca?


Hoxe, cos datos que temos, resulta evidente que Bóveda quixo xogar a súa última baza política a prol do país ao optar por inmolarse á beira dunha morea anónima de pobo e dotar a causa galega dun referente indiscutíbel de loita pola liberdade, fronte a idea que se pretendía proxectar dunha Galiza voluntaria e entusiastamente amante da súa escravitude. Dalgún xeito, non fuxiu nas ocasións que se lle presentaron -fronte aos consellos que transmitía aos demais- porque pretendía prolongar co seu sacrificio o seu labor de organización do país con entidades propias (políticas, sindicais, económicas e institucionais), ou como diría diante do tribunal que o condenou: “Se non podo seguir traballando máis por ela, gustaríame morrer pola miña Patria”.
En definitiva, Bóveda quixo ser usado políticamente para contribuír ao proxecto que daba sentido á súa vida. E Castelao así o entendeu. E por iso creou o Día da Galiza Mártir.
Walter Benjamin fai referencia nas súas “Teses de filosofía da historia” ao sentido das conmemoracións en dúas direccións que semellan contraditorias. Por unha banda o disparar contra os reloxos dunha revolución que máis que representar unha evolución lineal supón unha rotura do continuum da historia. Por outro lado, lembra como os xudeus que tiñan prohibido adiviñar o futuro si tiñan obriga de conmemorar o pasado, de repetir o pasado. Remata dicindo: “Pero non por iso se convertía o futuro para os xudeus nun tempo homoxéneo e baleiro. Xa que cada segundo albergaba unha pequena porta pola que podía entrar o Mesías en calquera momento”. Mais, é coherente entender a conmemoración como a inauguración dun calendario novo, posta a cero dos reloxos, e ao mesmo tempo como unha volta á antigüidade remota pois, en definitiva, o mellor futuro é aquel que máis se lle parece ao pasado anterior ao comezo da opresión. Mais, sobre todo, para un Marxista como Benjamin o que se pretende na conmemoración é rachar coa imaxe burguesa do tempo como homoxéneo e baleiro: “A historia é obxecto dunha construción cuxo lugar non está constituído polo
tempo homoxéneo e baleiro, senón por un tempo pleno, «tempo – agora»”.
Nun tempo desas características a conciencia nacional e de clase disólvense no solipsismo individualista. A acción colectiva pulverízase e o inimigo, máis débil fronte ao grupo, vence doadamente ao liquidar aos revolucionarios de un en un.
Castelao fai unha lectura da Guerra Civil como un conflito nacional e de clase. Non como produto do temperamento racial dun pobo salvaxe e inculto (tal como logo fixou o consenso intelectual e popular tanto da dereita como da esquerda española). Castelao rexeitaba a interpretación de Azaña imputando o fracaso da república a que o pobo non estaba suficientemente maduro para vivir en democracia. Consideraba todas estas apreciacións como profundamente racista e dun papanatismo europeísta que lles impedía ver o que estaba acontecendo en países tan “maduros” como Alemaña e Italia. Castelao falaba da cegueira voluntaria dos “repúblicos” e non se fiaba deles e por iso disparou contra o reloxo o día que fusilaron a Bóveda e non agardou a que o santoral Español fixara os festivos galegos. Sospeitaba que acabarían abrazándose por enriba do millón de mortos e entendéndose naquilo que os une: desmantelar as conquistas das nacións do Estado.
Por unha circunstancia relativamente casual o 18 de xullo fixaba de facto a distinción na estrutura territorial do Estado entre nacións e rexións, ao terse plebiscitado até ese momento só os Estatutos Vasco, Catalán e Galego. Cando se comeza a falar na esquerda española de que por enriba da república está España e que hai que chegar á reconciliación, é entón, cando dentro desta lóxica se decreta o esquecemento dos mártires. Para Castelao, que por enriba da república está Galiza, considera que nestas circunstancias o “borrón y cuenta nueva” que lanzara Negrín e que se estendía como un regueiro de pólvora entre un exilio que ansiaba volver de calquera xeito, non beneficiaba á Galiza que viña de ver eliminados os seus cadros políticos e tiña adquirido un status diferenciado que perdería na desautorización da legalidade republicana que llo outorgou.
En calquera caso, a aposta de Castelao pola memoria non é simplemente oportunista senón que se engarza nas súas conviccións, que deixará brillantemente recreadas no seu Alba de Gloria, e que ten que ver coa distinción que fai entre historia e tradición, na liña do que Benjamin sinala da diferencia entre tradición dos vencedores e dos vencidos. A esquerda española ten unha difícil relación coa memoria, o que facilita o traballo estrutural dunha socialdemocracia defensora da tese contraria a lembrar. Dalgún xeito albiscábase antes de rematada a guerra que os mortos republicanos ían ser condenados ao esquecemento por unha esquerda española preocupada por lavar os seus propios pecados e retornar ao continuum que Castelao pretendía tronzar.
Cando desembarca en Arxentina isto é co que se topa: “cáseque todo Bos Aires era unha pura “españolada”, tanto nun bando como no outro, e no dos republicáns tiña un soio arcanxo: García Lorca”. E cunha chamada ameazante á unidade da esquerda fronte ao franquismo que a el lle resultaba un engado máis a favor da outra “sagrada unidade”, ademais de que a experiencia a respecto do frontismo español é que nesa “Arca de Noé” mentres eles rifaban entre si aos galegos se lle impoñía adhesión silenciosa. Fronte a iso Castelao optou por crear un día exclusivo dos mártires galegos e sinala que co “eisaltanto a figura de Bóveda, fixemos chorar ás xentes galegas que aisitian aos actos e así logramos que os galegos se sintan o que realmente son”.
O caso é que o Día da Galiza Mártir mantívose co tempo como único facho da memoria dos vencidos do Estado Español, unha vez que a esquerda española non só se desprendeu de García Lorca senón de calquera simboloxía (bandeira incluída) que lle dificultara a súa confluencia e entendemento co franquismo reciclado.
A partir do 2000 a esquerda española acordouse da memoria. O Aznarismo campante fixo desta un refuxio e un motor do seu revival. Mais esta memoria é selectiva. Esquece o esquecemento do que foron responsábeis e hoxe desempoan con soberbia a súa bandeira tricolor e mesmo consideran unha ofensa ter lembrado a Bóveda (“como se non houbera máis vítimas”, escoitamos no Congreso de Narón). O caso é que senón fora por Bóveda, polo Día da Galiza Mártir e por Castelao, durante décadas aquí non se lembraría a ninguén, e con Bóveda, sempre se tivo presente a todas as persoas que correron a súa sorte, a García Lorca tamén. A esquerda española non só estivo interesada en que desapareza Galiza, tamén foi cómplice da desaparición dos desaparecidos. E isto hai que ter a honestidade de recoñecelo antes de erixirse en usufrutuarios dos milleiros de persoas torturadas, encadeadas, paseadas, fusiladas que sempre consideraron que o seu sacrificio fose útil, que valese para algo.

* Publicado en Sermos Galiza, nº 11.