Vídeos

sábado, 23 de março de 2013

Crítica da razón conquistadora

No Estado Español entrase na modernidade de súpeto e do xeito máis violento coa descuberta da América. Constitúese en Estado Moderno coas características que este ten de centralización do poder e disolución da diversidade no contexto mediatizado pola urxente invasión polo que o proxecto ilustrado (iluminar aos ignorantes) establécese aquí nuns termos que xa no seu momento resultaron incómodos para unha intelectualidade que aspiraba a apoiarse na razón como soporte da expansión: quedaba en evidencia un uso obsceno da forza difícil de xustificar polo elevado e nobre obxectivo de “ensinar ao que non sabe”.
O desprestixio internacional que supoñía a lenda negra sobre o xenocidio que se estaba a cometer nas chamadas “Indias” obrigou a celebrar a “controversia de Valladolid” para debater sobre a lexitimidade que se arrogaba o emperador o dereito a dispoñer das terras e das xentes do continente americano. O paternalismo de Juan Ginés de Sepúlveda confrontábase alí coa denuncia das barbaries expostas por Bartolomé de las Casas. De fondo estaban os escritos de Francisco de Vitoria e doutros membros da Escola de Salamanca que chegaban a colocar o debate en termos xurídicos, mesmo independentes a respecto da relixión e que contribuíron a fixar o nacemento do dereito internacional. Non é desatinado atopar nestas polémicas os prolegómenos duns dereitos humanos universais ou bosquexos do dereito de autodeterminación dos pobos.
Se Francisco de Victoria cuestionaba os “títulos lexítimos” do Emperador e do Papa sobre América, Francisco Suárez chega a refutar a teoría patriarcal do goberno e o dereito divino dos reis argumentando a prol do contrato social. O seu pensamento prenderá nas xeracións de libertadores que co tempo acometeran a emancipación das colonias. Tería menos éxito na península.
En definitiva, aínda que nas rúas e prazas españolas e nos seus libros de texto a quen máis se honra daquela época é a Pizarro, Hernán Cortés ou a outros criminais polo estilo, compre lembrar que o pensamento español foi quen de parir visións alternativas que significaron unha grande achega ao desenvolvemento dunha humanidade máis democrática e respectuosa cos dereitos humanos. O totalitarismo e o imperialismo non é intrínseco ao pensamento español. É mais, será precisamente o esforzo por tratar de superar ese condicionamento histórico o que favorecerá que se produzan achegas tan interesantes.
Non eran santos. As cabezas máis lúcidas españolas eran conscientes de que basear o propio desenvolvemento no saqueo e na opresión dos demais non era sostíbel e tería consecuencias internas nefastas. Logo do chamado “desastre” do 98 produciuse a última grande oportunidade para pensar a democracia no Estado desde a asunción da necesidade de superar a visión centralista e totalitaria dun imperialismo que fracasaba máis unha vez. Para iso, o primeiro paso era admitir o pluralismo e abandonar a crenza de ter a potestade de impoñer pola forza a propia concepción do mundo aos demais. Quizais o perspectivismo dun Ortega é ao máximo que podía chegar o pensamento español a hora de abrir canles mentais sobre os que camiñar cara un réxime democrático como o que no seu momento significou a república.
A metáfora do Guadarrama servía a Ortega para explicar como ese monte era visto de xeito distinto desde diferentes situacións (Segovia ou Madrid) e que coa integración destas visións poderíamos ter unha idea máis completa da realidade. Hai unha apertura nesta teoría á intersubxectividade e a alteridade. Mais é certo que a Ortega, Unamuno e outros autores españois proclives inicialmente a esta “tolerancia” non lle gustou o que escoitaron do outro lado da Serra e prodúcese un repregue cara o totalitarismo. De feito, o pensamento hexemónico español non se presenta de antemán como antidemocrático, senón, pola contra, en moitos casos se presenta como hiperdemocrático, iso si, mentres se decida o que a eles lles convén.
O caso é que a esta altura podemos afirmar que a tradición de pensamento da Escola de Salamanca, dos Dominicos e Xesuítas críticos coa colonización teñen moi escasos continuadores no pensamento español actual. Castelao aínda lembraba cando el non era separatista pois confiaba en que da outra banda houbera con quen tratar para camiñar cara unha confederación ibérica coa inclusión de Portugal. Hoxe, a medida que se van pronunciando diferentes intelectuais españois, ponse en evidencia que lamentablemente non hai capacidade de superar a súa concepción xerárquica das relacións entre pobos (tanto de obediencia a respecto das potencias estranxeiras como de mando a respecto das nacións do Estado) e, xa que logo, non queda outra que reconsiderar a posibilidade de federarse con quen non nos quere en pé de igualdade. Isto é, apostar pola independencia.

Publicado en Sermos Galiza. Nº 31. 18 de xaneiro de 2013

Autodeterminación, pobo e socialismo

A esquerda está na rúa facendo fronte á maior acometida dereitista en décadas, un asalto a dereitos sociais que se crían incuestionábeis así como servizos públicos que se pensaban solidamente consolidados. É momento de loita, mais tamén de análise. A teoría debe acompañar a práctica para autocomprender a acción e reacción social na que nos movemos. E o debate produtivo implica ser audaces, achegar voces diversas e contrastar experiencias distintas. Escoitar un amplo repertorio de respostas que nos axuden a explicar o que acontece. Mais tamén suscitar preguntas que non nos tiñamos proposto. É o encontro con enfoques diferentes o que nos dá que pensar. E aínda que non coincidamos cos interlocutores nas solucións que presentan, si que tomamos conciencia de problemas dos que non nos decataramos.
Ese é o espírito co que se achega estas reflexións sobre autodeterminación, pobo e socialismo desde un punto de partida nacionalista e comunista, mais no contexto dun país sen Estado, e xa que logo, pode chamar a atención a especial fame de soberanía. Trataremos de ser útiles para profundar nas interrogantes aínda que se discrepe nas conclusións.

Porqué a autodeterminación non é suficiente?

A esquerda, por definición, está a prol do dereito de autodeterminación dos pobos. Forma parte da súa sinal de identidade e así o exhibe nas ocasións. Mais non toda a esquerda é nacionalista. Hai quen considera que para adscribirse á esquerda abonda con avogar nominalmente pola emancipación dunha clase universal, homoxénea e abstracta á que din pertencer. E así xa se poden desentender do patriotismo como algo subsidiario e residual deste ideario. Así, cando enumeran o dereito de autodeterminación entre outros moitos que citan ritualmente, non se dan por aludidos se obstaculizan a súa posta en práctica. As veces, mesmo pasan a ofensiva arremetendo contra o nacionalismo porque din que apaga o conflito de clase recorrendo aquel vello comodín da “contradición principal” que serviu historicamente para xustificar de o inxustificábel por si mesmo.
Esa esquerda antinacionalista é a mesma que renuncia a facer políticas de esquerda coa coartada de que o país carecía de soberanía para levalas a cabo e, xa que logo, fai políticas de dereita. É a mesma que deixa en suspenso a lealdade á propia comunidade ou abraza directamente a traizón, en calquera caso inhíbese da concienciación a prol de fomentar a confianza do pobo en valerse por si mesmo, en quererse, en acreditar nas súas propias forzas.
Por se iso fose pouco, para desculpar a súa deserción dedícase a teorizar sobre a adscrición do nacionalismo ao campo da dereita, regalándolle esta ideoloxía ao inimigo, o cal, por certo, non amosa ningún interese en apreciar o agasallo. Mesmo tratou de identificarse o nacionalismo co fascismo co fin de escorrentar as forzas progresistas de abandeirar a defensa da nación.
O certo é que non hai nada máis alleo á dereita e o fascismo que o nacionalismo. Foi, precisamente, a destrución do Estado-Nación unha teima dos panmovementos nazi-fascistas que atopaban na raza ou noutras formas de identidade como a civilización occidental, a hispanidade, a cristiandade, etc... o xeito de expandirse alén das restrinxidas fronteiras do Estado-Nación. Nunca foi máis evidente como na actualidade que a dereita se caracteriza por traizoar os intereses nacionais ao servizo do capital especulativo transnacional.
Precisamente a esquerda naceu para responder a unha burguesía que ocultaba as desigualdades entre colectivos na exaltación dunha universal liberdade individual abstracta, da cal ficaban fóra aquelas categorías invisibilizadas que non se correspondían coa identidade dominante (xéneros, clases ou nacións sometidas). A ninguén se lle ocorre falar dun feminismo ou dun comunismo de dereitas, mais inventouse a idea do nacionalismo de dereitas para poder combatelo sen perder o propio pedigree. Con este fin fabularon sobre o carácter egoísta e regresivo do nacionalismo. Egoísta para quen é solidario coa liberación de todas as nacións menos a súa, deslocalizando así a súa práctica cara un lugar remoto no que esta non ten incidencia ao mesmo tempo que se sitúa no propio país na superioridade moral do altruísta mentres se abstén de intervir no seu favor ou mesmo colabora cos invasores. É regresivo para quen está a prol dun progreso ao final do cal non haxa nacións, toda a terra sexa uniforme e plana.
O nacionalismo é unha conquista da humanidade: asumir a diversidade, respectar o dereito a decidir de cada pobo, recoñecer o insubstituíbel punto de vista que achega cada nación. Até que aparece o nacionalismo en escena é impensábel un mundo no que as diferentes comunidades teñan o mesmo status independentemente do seu tamaño e poder e que ninguén ten dereito a inxerirse nos seus asuntos internos, mais, sobre todo, o nacionalismo é a ideoloxía que se arrepón a unha visión capitalista do universo como un un espazo-tempo baleiro e uniforme no que todos os obxectos son intercambiábeis, e xa que logo, substituíbeis por diñeiro.
Por iso aceptar retoricamente a autodeterminación non é suficiente, sobre todo si se reduce esta a defensa de que logren a independencia aqueles que non a teñan. Cantos países formalmente independentes con gobernos que dimiten do seu nacionalismo están intervidos e xestionados desde o exterior?. Quizais agora a esquerda se bote as mans a cabeza ao contemplar a escasa marxe de manobra, mais haberá que xulgar que grao de complicidade teñen neste proceso os que renegaron e incluso atacaron ao nacionalismo. Como van agora achegarse a un pobo aterrorizado polos mensaxes que lle insisten na súa incapacidade para valerse por si mesmo, no inferno que suporía deixar de ser monitorizados desde fóra?.
Por enriba, hai quen inxenuamente considera que destruíndo o Estado-Nación xa non importaría ser gobernado por alleos pois os estranxeiros deixarían de actuar en función de intereses nacionais. Certo que non reparten o botín equitativamente entre os habitantes dos seus países. As veces mesmo colocan ao fronte de organismos supranacionais a individuos dos pobos expoliados. Mais o caso é que cando se peta á porta do propio Estado para reclamar xustiza atópa un co letreiro de pechado por defunción e trasladan a demanda a unha estratosfera difusa. Hai interese en borrar o rastro do diñeiro. En eliminar calquera posible imputación. Mesmo se chega ao extremo de bombardear e invadir países e ninguén sabe o Estado que o fixo, cando se pregunta remítennos a unha etérea “comunidade internacional” como culpábel. Mais, polo de agora, sobre o terreno, na realidade, as nacións existen, e non é o mesmo vivir nunha que noutra. Se queren tapar iso será para ocultar os intereses particulares que sosteñen, algo dificilmente defendíbel publicamente.
A dereita benefícialle esta situación para poder aplicar as súas receitas coa excusa de que non pode facer outra cousa. Que están amarrados de pés e mans, que non teñen outra opción. Axitan o medo ao illamento e explotan a fusión mística co universo fronte a un nacionalismo que é presentado como un monstro irracional e codicioso. E ben que lles vai con ese discurso. O que se entende menos é que haxa esquerda subida a ese carro.
Do mesmo xeito que unha muller antifeminista ou un obreiro anticomunista non se fía do seu xénero ou na súa clase para autogobernarse, un pobo inoculado no antinacionalismo é susceptíbel de asumir con resignación a indignidade de ser dirixido por potencias alleas coas consecuencias sociais e políticas que isto ten.

Porque o pobo é necesario?

Non só se fantasea cun planeta sen nacións senón que tamén se alimenta a ficción dun pobo sen clases sociais. Ambas as dúas ideas fomentan o imaxinario dun mundo sen política. Ideario dos que acreditan nos “tecnócratas” para resolver os problemas sociais, e que consideran que a causa das desfeitas foi ter posto en mans de diletantes a “cousa pública”.
Neste contexto hai certa esquerda que dispara contra os chamados partidos “tradicionais” e mesmo sindicatos “tradicionais”. Emprégase esa terminoloxía para dar pé a anunciar o advento de partidos “novos” ou sindicatos “novos”, cando non simplemente se avoga pola liquidación de calquera tipo de estrutura que se denomina “vertical”. O certo é que estas innovacións carecen de calquera novidade. Mais o desprezo polo vello permítelles apoiarse na ignorancia do pasado. A pouco que se coñeza un mínimo de literatura sobre o movemento obreiro ou historia das loitas sociais descubrirase que os posmarxistas realmente son premarxistas. E mira que se cometeron erros dos que cómpre aprender como para permitirse o luxo de volver a bater na mesma pedra por negarse a lembrar os camiños percorridos.
Erros na práctica, mais tamén na teoría. Ningún marxista pode considerarse como tal senón é quen de detectar ditos erros e botarllos en cara ao propio Karl Marx. Quizais el non tivera culpa das lecturas que se fixeron da súa obra mais as súas profecías sobre un paraíso sen clases sociais (isto é, sen política) levaron a que houbo quen quixo queimar etapas para alcanzalo suprimindo calquera pluralismo.
Ambos os dous xeitos de “superar” os partidos e sindicatos, pola disolución e atomización individualista ou pola doutrina do partido e sindicato único, conducen ao mesmo obxectivo: converter o pobo en masa, en definitiva, destruír ao pobo.
Porque un pobo non é unha ringleira homoxénea de individuos feitos en serie. Un pobo é unha sociedade articulada, dinámica e susceptíbel de asumirse como suxeito colectivo en base a obxectivos comúns. Claro que fai falla unidade, para iso está a política, para tratar de conformar bloques amplos que permitan aos pobos avanzar nas súas conquistas. Porén, a unidade non se constrúe pola negación do pluralismo e tampouco se logrará se cada quen quer salvagardar a súa identidade particular buscando o que o diferenza para imposibilitar os acordos. É neste proceso no que a esquerda terá que educarse para a unidade, e así, estará a producir pobo onde antes non había apenas xente, masa, fragmentación...
Non se pode prescindir do pobo, el ten que ser o protagonista da súa emancipación, agora ben unha asemblea que impón as súas resolucións non son o pobo, por moito que esa convocatoria fose aberta e masiva. Pode converterse nunha tiranía se atendemos a definición desta que fai Hanna Arendt ao entendela como un réxime no que o poder non da conta dos seus actos. Unha estrutura estábel é quen de responsabilizarse de executar o que se decide e explicar os incumprimentos. Ser interlocutor, ter palabra, asumir compromisos, pagar o que se debe. Mais o proceso de decisión debe pasar en calquera caso por propoñer á sociedade, polos máximos canles de participación posíbeis, as propias iniciativas para responder as demandas reais que nos chegan desa mesma comunidade. Isto é, radicalizar a democracia. Mais debemos negarnos a subministrar placebos ou facer circos nos que montemos un paripé co fin de dar a impresión de que é xente quen manda para logo facer o nós o que nos pete. Ese timo mais cedo ou tarde remata descubríndose. É preferíbel ser honesto e recoñecer as limitacións que se teñen, facer o que se poida, e sobre todo, responsabilizarse do que se fai.
No proceso dinámico entre organizacións e sociedade é no que se forxa pobo. A burocratización, a institucionalización e todas esas eivas que teñen os partidos políticos non se corrixiren con promover a súa disolución. Quen esté instalado nesas posicións non pode obviar que esas mensaxes só erosionan aos partidos de esquerda. As organizacións da dereita son inmunes a ese discurso e nin sequera a corrupción lle pasa factura. Senón somo quen de ir alén crítica destrutiva a dereita poderá perpetuarse nos gobernos apesares de non ter ningún mérito para facelo, só pola incapacidade da esquerda de presentar fórmulas que sexan quen de substituílos a ollos do pobo. Fórmulas que en calquera caso pasan -inevitabelmente- pola existencia de partidos políticos. Partidos que expresen a diversidade do pobo mais que cumpran unha mínima condición: ser soberanos, non sucursais de intereses foráneos.
Os partidos de clase non deberían aceptar ser subsumidos na disolución do pobo en masa, alguén ten que manter a representación da clase, non se pode ser cego a súa existencia. Agora ben, isto é compatíbel con acatar que “quen máis ordena” é o pobo, e non todo o pobo colle na clase, de feito, nin siquera toda a clase ten conciencia de tal e proxecta formas de expresión complexas e dinámicas. Isto implica que estas organización renuncien aos seus obxectivos particulares, ao socialismo?.

Porque o socialismo é posíbel?

Abondaría responder: “porque o capitalismo é imposíbel”. Mais sería tanto como crer nun karma, nunha xustiza natural ou divina universal que regularse por si só o mundo e que puxese as cousas no seu sitio unha vez que se amosa o irracional, suicida e destrutivo que é o actual sistema imperante. Claro que outro mundo é posíbel, mais non por iso deixará de existir este senón somos quen de cambialo. Espontaneamente non se mudará por si so. É preciso organizarse e loitar pola súa transformación. Mais temos clara cal é a alternativa ao capitalismo?. Basta con dicirse anticapitalista?.
Non debemos esquecer nunca que o fascismo se presentou en sociedade tamén como anticapitalista. Ese medo a chamarse socialista ou comunista, mesmo anarquista non contribúe a construír unha alternativa a partir do recoñecemento do pluralismo. Certo que o inimigo invoca a todos os fantasmas do pasado para criminalizar esas ideoloxías, e sobre todo, para identificalas co totalitarismo. A dereita di: “Queredes democracia?. Pois tendes que apandar co mercado”. O problema é cando desde a esquerda se interioriza que para que che consideren demócrata debes renegar do socialismo. Mesmo hai quen para facer méritos se apunta ao anticomunismo máis exacerbado.
A esquerda terá que pagar por erros cometidos no pasado. A dereita -en moitos casos filla dos réximes autoritarios- non ten esa peaxe. Sen embargo hai que estar dispostos a asumir o custe de todas as experiencias que se trataron de implementar para sacar leccións útiles para o presente. Por exemplo, avaliar como o desprezo cara o que no seu día se chamaron “democracias burguesas” e as súas “liberdades formais” co tempo se pagou caro e algúns que apelaban á destrución deste réxime parlamentar non tardou en reclamar a súa restauración.
Esa historia de encontros e desencontros entre esquerda e democracia non se resolve con facer o camiño de volta do “socialismo utópico ao socialismo científico”, ou sexa, diante dos fracasos optar por refuxiarse no “utópico”. Pois non se trata de proporcionarlle ao pobo desafogos momentáneos ou sublimacións poéticas das súas queixas contra o capitalismo. Haberá que propoñerse repetir a Lenin, mais desta volta facelo mellor. Xa sabemos que non podemos prescindir da democracia.
Así pois, na seguranza nas propias conviccións, cómpre baixar ao campo de batalla, asumindo que estamos diante dunha guerra de trincheiras e xa non hai un Pazo de Inverno que conquistar para dun só golpe alcanzar o poder. Pode parecer na práctica que fai o mesmo quen considera que abonda con administrar do xeito máis social o actual sistema e quen percibe como terreo arrincado aos mercaderes cada palmo de xestión contraria a este modelo. As aparencias enganan, aínda así estas son as que contan a hora de alcanzar alianzas. Que importan as razóns subxectivas de quen fai o mesmo?.
Agora ben, hai momentos en que esa práctica, chamémoslle “reformista” para entendernos, non é posíbel e imponse poñer en claro que este non é o noso modelo económico e, xa que logo, non somos responsábeis das súas desfeitas, senón dariamos a imaxe de que somos cómplices e non hai alternativas. Isto non se resolve con chamarse anti-sistema como si ese fose un título nobiliario. Demagóxicamente a curto prazo pode ser útil para alcanzar éxitos electorais ou de mobilización social, mais a medio prazo, ao comprobar como se xestionan eses éxitos no marco do actual sistema (pois un non é quen aínda de inaugurar outro), a decepción pode ser demoledora para as causas populares.
En definitiva, si do que se trata é de desprazar os marcos cara ampliar o espazo de dignidade conquistado por un pobo, ou cando menos, impedir que se reduza este aínda máis, hai que empezar por loitar pola soberanía para poder dotarse do sistema social e económico que máis se axeite as propias necesidades. Nese camiño cara unha terra prometida que ao fin será a que sempre tiveron baixo os seus pés, é como un pobo se constitúe como tal. Os partidos que sexan expresión dese pobo, ao mesmo tempo teñen que ser a súa guía, non poden abandonar á deriva a nave por non querer pagar o prezo de errar no rumo, o peor é deixar o timón vacante mentres se erguen as velas ou se encirra aos remeiros. Iso si, sen caer no paternalismo, e sobre todo, sen mentir. Pois si o pobo sabe que lle enganan, como as cousas saian mal, romperá filas e abandonará as súas posicións. Si sabe que lle din a verdade, aínda que a cousa se poña dura ou se constate que se meteu a pata, aceptará apandar coas consecuencias da opción escollida. E unha das cousas que haberá que resolver cando chegue o momento será o dilema entre capitalismo e socialismo. Por iso, quen aposte polo segundo, debería de deixar de ocultar as súas intencións.
En xeral, os que se consideren comunistas ou socialistas nas súas múltiples tradicións, mesmo anarquistas, ou outros movementos sociais, deben abandonar o vicio de inventarse a si mesmos cada vez que a cousa lle sae furada. Para rectificar, o primeiro é recoñecer no que se equivocaron. Os que oportunistamente acochan o pasado e aproveitan os ventos favorábeis para presentarse como “creation ex-nihilo” non auguran un mellor futuro, e fai sospeitar do fraude que pretenden cometer. Hai que dar a cara e chamar as cousas polo seu nome para minimizar a confusión ao comparecer no debate a prol de programas concretos para poñer freo a enxurrada neoliberal. O momento é dramático mais tamén é ilusionante e debéramos considerar si se trata só de construír diques ou hai que pasar a contraofensiva, en aproveitar o desprestixio do capitalismo para lograr obxectivos revolucionarios no avance do dereito á felicidade de todos os seres humanos, sen ningún tipo de exclusión. Despois de todo é para iso que naceu a esquerda.

Publicado na revista portuguesa A COMUNA:
http://www.acomuna.net/index.php/contra-corrente/4378-autodeterminacion-pobo-e-socialismo