Vídeos

quinta-feira, 6 de fevereiro de 2014

Cara unha ética de empresa no ensino

Certo que a relixión debera estar fóra da escola. Mais se nos deixamos enredar polas oportunistamente rescatadas liortas anticlericais de quen -cando tiña responsabilidades- non denunciou o Concordato, fixo estender a Relixión até 2º de Bacharelato e impediu que se impartira fóra do horario lectivo a pesar de adecuarse esta proposta do CIG-Ensino ao marco legal vixente, quizais nos desvíe a mirada do chamado currículo oculto que por primeira vez se presenta de xeito público e visíbel. Ou é que o apartado “A filosofía e a empresa como proxecto racional” non é suficientemente explícito?.
Nos momentos de crise é moi doado promover a cultura da teoría da conspiración para que a xente trate de buscar conexións ocultas que expliquen uns feitos tan irracionais como os que padece. E así cada quen constrúe no seu imaxinario os seus diferentes monstros a medida subxectiva. Mais se algo ten de bo este PP sen complexos é o striptease co que se presenta en sociedade, amosando claramente as intencións dunhas actuacións que en moitos casos concordan coas que viña levando a cabo na sombra a esquerda española. Pode que as veces se lle vai a man, como naquel preámbulo inicial da LOMCE que escandalizou ao seu propio electorado ao presentar o sistema educativo coma un casting de selección de persoal para unha multinacional.
Resulta rechamante o desprezo nos contidos de “Valores éticos” e “Valores Sociais e Cívicos” de todo o que ten a ver coa educación sexual por quen di ter moita preocupación polo aborto. Que mellor xeito hai para rematar cos abortos que a axeitada prevención dos embarazos non desexados a través dunha educación sexual axeitada. Mais do que se trata é de retirarlle ás mulleres a soberanía sobre o seu corpo, estendendo unha ideoloxía que aos nacionalistas nos resulta moi familiar a outros efectos. Porén, máis que unha a moral patriarcal e represiva que puidera xerar rexeitamento si se expresa con toda crueza, neste aspecto o que nos imos a topar nos currículos e o ensino da dobre moral. Para iso, mentres se repite infinitas veces a palabra diálogo, traballase para fender a conversa dun consigo mesmo, co fin de así un logre mentirse a mantenta. De aí que se promova a escisión alma-corpo ou mellor, en termos dos novos ares que reflicten estes textos, emoción-intelixencia. Pois a Intelixencia Emocional como base e fundamento do ideario destes contidos non é máis que o dualismo clásico sobre o que fundamentar ao tratar por separado, como realidades preexistentes e desconectadas, que a conciliación de ambas que se predica poida lograrse a través dun cálculo no que poder ir combinando aspectos dunha ou doutra dimensión segundo conveña para lograr o éxito individual no mundo empresarial e para proporcionar os logros que as grandes corporacións precisan.
A identidade persoal é disociada do corpo do mesmo xeito que a identidade social é desacoplada das condicións de clase e nacionais nas que un se atopa. Así, toda a retórica desmaterializada a prol do diálogo como xeito de resolver os confrontos non asume a necesaria corrección das desigualdades que permitiría estar ao mesmo nivel nunha conversa produtiva e resolutiva. Os mortos de fame non se sentan ao banquete platónico para impedir que o ruído das súas queixas egoístas impidan elevarnos até as ideas transcendentes. Mais non quer dicir isto que o currículo se esqueza deles, poderíamos poñer na súa boca aquilo de como poder gañar o ceo sen os pobres cos que facer obras caritativas. Así toda a moralina que se presenta ten a súa razón de ser neles mentres evitemos a pregunta de Galeano: “¿Será que os pobres son pobres porque a súa fame nos da de comer e a súa nudez nos viste?”.
Mais o PP xa empeza a chamarlle as cousas polo seu nome. Desaparecen os termos colectivos relacionados coas condicións sociais compartidas para ser substituídos polas circunscricións institucionais nas cales se insire cada quen a título individual, e que aí se busque a vida. Lembremos que o primeiro que fixeron ao chegar ao goberno foi mudar o currículo de Educación para a Cidadanía. O PSOE dáballe á terminoloxía de esquerdas un significado de dereita, mais xa abría a porta aos vocábulos de dereitas como o de “emprendedores” tan abafante agora nos presentes textos. Mais o PP xa naquela primeira medida lexislativa comezou a depurar a linguaxe. E así onde refería a axuda a “persoas e colectivos en situación desfavorecida” o PP simplemente eliminou “colectivos”, borrou onde falaba da participación nas “actividades sociais que contribúan a posibilitar unha sociedade xusta e solidaria”, ou o “rexeitamento das discriminacións provocadas polas desigualdades persoais, económicas e sociais” que substituíu polo aplauso á “Diversidade social e cultural. Convivencia de culturas distintas nunha sociedade plural dentro do marco constitucional”. Un marco xa beatificado coa bendición da esquerda española e que como sabemos non respecta iguais dereitos as diferentes culturas que compoñen o Estado. Así esta Constitución discriminatoria e cega á pluralidade nacional e lingüística do Estado será impartida como o catecismo. E aqueles conceptos, que mesmo se nomean e que xa figuran no repertorio universal dun ensino en valores quedan sen contido. Que importa aludir a interculturalidade se nos negamos a establecer accións afirmativas a respecto de linguas e culturas minorizadas do Estado e nin sequera as recoñecemos?. Ou só os inmigrantes teñen outra cultura e lingua distinta neste Estado?.
Claro que falan moito retoricamente dos Dereitos Humanos no currículo, como tamén falaban os da Asemblea Francesa que proclamaron os Dereitos do Home cando excluían as mulleres ou os da Declaración de Independencia Americana que falaba de que “todos nacemos libres” mentres un de cada catro dos seus habitantes era escravo. Mais hoxe iso non se sostén. O tratamento dos Dereitos humanos evolucionou e tanto o PSOE como o PP nas súas lexislacións educativas insisten en manipular os logros desta evolución. Así, nos Dereitos Humanos de Terceira Xeración, eluden o consagrado mundialmente Dereito de Autodeterminación e inventan eufemismos como “los derechos de los pueblos a la solidaridad, el desarrollo y la paz”, para evitar con esta brinde ao sol recoñecer o fundamental dereito das nacións a gobernarse por si propias. Mais que se pode agardar de quen non se ruborizan diante das denuncias da ONU por manter na súa lexislación que os crimes do Franquismo foron legais e non atentan contra os devanditos dereitos humanos?. De que dereitos humanos nos falan entón?.
A resposta a está e demais preguntas está en Daniel Goleman. Este psicólogo, asesor das grandes corporacións internacionais en procesos de selección de novos executivos e organización empresarial, ten desenvolto todo un corpus teórico co fin de obter máis beneficios destas multinacionais grazas ao control dos sentimentos dos empregados. El será o evanxelista que terá que memorizar o alumnado como si da biblia se tratara.
Así é usada a teoría da educación emocional como un xeito de tratar de culpar a cada quen individualmente pola súa situación e polos sentimentos que posúe (falla de autoestima, desmotivación, etc...) excluíndo a comprensión das causas sociais que os provocan. E esta non é presentada xa como unha teoría máis, é imposta como o indiscutíbel espazo “neutral” do que nos fala Zizek.
E que lle queda as Comunidades Autónomas se mesmo se fixa o nome de quen hai que comentar os textos en cada un dos apartados?. Nunca un nivel de concreción dos currículos do MEC chegou a tanto. Na práctica, como vén acontecendo ultimamente, os contidos mínimos que chegan de Madrid son tantos que non ten sentido incrementar nada máis pois sería imposíbel impartilos. Así, a maioría desta lexislación educativa faise a distancia, afastada da participación da comunidade educativa, a diferenza do que acontece noutros Estados que se usan de referencia como Alemaña, onde o Ministerio de Educación non pinta nada.

En definitiva, o currículo de “Valores éticos” e “Valores Sociais e Cívicos” reflicte a ideoloxía da clase dominante, coa novidade de que desta volta xa non o disimula.

* Publicado en Sermos Galiza, nº 82. 30 de xaneiro de 2014