Vídeos

domingo, 5 de outubro de 2014

Cando ser de esquerdas non é escusa para desertar da nación

As afinidades de Picallo no ideolóxico (socialista) e no persoal (no republicanismo español) fixeron que se dubidase da súa lealdade nacionalista. Confesou nunha carta do 1940 “Sigo mantendo dous principios: Galiza sobre todas as cousas; e despois os meus amigos persoais, intelectuais e espirituais...". Recoñece o condicionante que ten no seu ánimo as relacións afectivas, mais deixa clara a súa prioridade. Vexamos como na xestión das súa rede de amizades e tamén no plano teórico prima o servizo a Galiza.
Ter un ideario sobre o modelo social xa fai que se lle asigne á organización estatal que di posuílo. Mesmo se presenta como incompatíbel coa pertenza a forzas galegas nas que se convive con persoas de sensibilidade diferente. Así usase eses idearios como instrumento desnacionalizador galego ao mesmo tempo que se recruta sen necesidade de xustificalo a quen os posúe ao servizo do centralismo. O poder, desde a súa posición dominante adxudícase sempre a si mesmo o espazo neutro mais nisto, nas realidades plurinacionais, como no demais, esa neutralidade é unha toma de partido a prol do hexemónico.
Picallo viña da militancia socialista e comunista na Arxentina, chegou a través do republicanismo da ORGA a Galiza, mais veu coa clara intención de traballar a prol da soberanía para o país. Por iso, cando esta organización virou cara unha forza estatal e relegou o obxectivo do autogoberno, el ficou nas filas do Partido Galeguista. Subordinou calquera outra opinión que o afastase dos seus correlixionarios nacionalistas ao fin de acadar o poder para a nosa Terra. Deixouno claro na IV Asemblea do Partido Galeguista no 35, cando polemizou con Otero Pedrayo sobre o marxismo, ao soster que a pesares el provir desa corrente ideolóxica e ter esa sensibilidade de esquerdas consideraba que o Partido non podía definirse por unha soa ideoloxía por ter que asumir a respresentación de toda unha nación e ser esta plural, o que non quita que nos confrontos que están a darse no mundo se vexa na obriga de ter que escoller bando e loxicamente opte polos oprimidos antes que cos opresores. E é así que no 18 de xullo toma partido xunto coa España progresista, mais en ningún momento se dilúe nela, sendo unha das súas preocupacións que se visibilize a Galiza democrática, e para iso animou publicacións (“Nova Galiza”) ou mesmo forzas armadas con distintivos propios.
A Suárez Picallo cóllelle o golpe militar en Madrid e desde o primeiro día ponse a traballar incesantemente a prol da vitoria antifascista desde posicións galeguistas. O 20 de xullo, xunto con Castelao, crea as Milicias Galegas con preto dun millar de paisanos que entran en combate axiña para frear o avance dos militares contra a capital. Ao mesmo tempo participa na constitución dunha estrutura provisional de Dirección do Partido Galeguista no exterior, dada a imposibilidade deste desenvolverse na Terra, e tamén a Consello Galego de Galeusca co fin de coordinarse con Vascos e Cataláns a hora de participar na loita republicana desde a propia perspectiva de defensa dos dereitos nacionais dos tres países. Isto tería consecuencias na rotura de relacións preferentes con Izquierda Republicana (ao ficar fora do seu grupo por apoiar o PG ao Estatuto Vasco) mais tratouse de establecer lazos con todo o republicanismo español apoiándose naquelas personalidades máis proclives a comprensión do nacionalismo. É de subliñar o caso Martínez Barrio (que será fundamental para a tramitación do Estatuto nas Cortes de Montserrat logo da manobra dilatoria nas de Valencia para non constituír a Comisión), mais non houbo ningunha organización do abano democrático coas que tiveran escrúpulos a colaborar, mesmo a masonería (que será fundamental para -por exemplo- atopar o Estatuto Galego perdido en Madrid).
Botase man das relacións persoais tamén cos afíns. Compre lembrar que os galeguistas, xa instalados en Barcelona coa sede do Partido e do Consello de Galeusca, tamén atoparon un trato diferente do nacionalismo Vasco e Catalán segundo con que personalidade trataran. Irujo chibábase a Largo Caballero das xestións que estaba a facer Castelao diante dos seus “amigos” no goberno Vasco cara promover un desembarco na Galiza, e na Generalidat é Companys en persoa xunto con Miratvilles quen finalmente porá o aparello de propaganda do seu goberno e un local ao servizo dos Galeguistas, fronte a actitude dun Tarradellas ou mesmo Pi y Sunyer que lle dan largas.
Fálase das relacións fraternas de Picallo cos anarquistas na fronte de Aragón que lle levarán a aliñarse con eles e mesmo se lle imputa a esta época ingresar no anticomunismo, mais serán precisamente os comunistas quen logre enviar a Castelao de xira de propaganda a prol da República a América tal como demandaban os galeguistas.
Picallo asume en Barcelona a Secretaría Xeral do PG e, cando se vai Castelao a Unión Soviética, é el quen presidirá o partido. Certo que logo da guerra se produce un enfrontamento con Castelao que desemboca mesmo no insulto cruel. Ambos os dous tiñan unha posición diferente a respecto dos bandos nos que se dividiron os republicanos españois derrotados. Suárez Picallo asina o manifesto da Junta Española de Liberación (JEL) de Prieto mentres Castelao non está disposto a unir a causa galega a ningún dos pleiteantes españois que disputaban a herdanza do réxime democrático. Mais será Picallo quen poña a Prieto no seu sitio nas Cortes de México cando este tentou, máis unha vez, facer descarrilar o Estatuto Galego.
A guerra afectou moito o ánimo de Picallo, sobre todo o asasinato do seu irmá que lle pesará coma unha lousa toda a súa vida. Durante a guerra fixo amigos e inimigos propios de situacións extremas e circunstancias terríbeis. O certo é que a fractura na esquerda española era tal que as veces o máis mínimo xesto xa era motivo de reproche por estar ao servizo dunha ou outra facción. Lembremos como o propio Castelao non puido librarse diso ao acusárselle de “piltrafa comunista” polas súas relacións cordiais co PCE. Mais Picallo, ao igual que Castelao, por enriba de todo estiveron ao servizo de Galiza sen que iso lles implicara renegar das súas conviccións.
O que se puxo imposíbel era ser leal a Galiza e ao mesmo tempo militar nas forzas estatais. Soto, Elpidio Villaverde, Marcial Fernández e outros acabaron abandonando a obediencia a forzas alleas para apoiar a causa galega. Nada que ver con outros, sobre todo no PSOE co Manuel Cordero que nas Cortes de Montserrat foi un dos argallantes contra o Estatuto Galego, ou Pedro Longueira, quen en México foi o galego deste partido encargado de facer ese papel.
Suárez Picallo, lembrou en Mexico a súa colaboración con Quintanilla e outros militantes do PSOE nos mitins pro Estatuto, mesmo apelou ao seu activismo sindicalista e a súa sensibilidade de esquerdas, mais coa pretensión de desbaratar a manobra deste partido español. O seu ideario social ou as súas discrepancias con outros galeguistas (Bóveda, Castelao, Otero, etc....) durante toda a súa vida, mesmo a súa amizade intima cun Blanco Amor que se confrontaba publicamente co PG, non poden alegarse a favor dun abandono das posicións nacionalistas. A actuación no Consello de Galiza (do que será o seu animador logo da morte de Castelao) e, sobre todo, coa súa participación en Galeusca, colócano fóra de calquera adhesión a forzas españolas pois ningunha delas recoñecía estas entidades. É mais, todas elas eran abertamente hostís. De feito, é a súa lealdade a estas institucións e a súa fidelidade aos principios do nacionalismo que o afastan dun galeguismo do interior que non só non recoñecía ao Consello de Galiza senón que renunciaba a formulación propiamente política do galeguismo como tal nacionalismo. A fenda aberta por Piñeiro que abandonaba o nacionalismo para rematar no PSOE non foi seguida por Suárez Picallo porque el non estaba disposto a claudicar e subsumirse en alternativas españolas nas que o noso pobo quedara invisibilizado e descalificado para acreditar en si mesmo. Suárez Picallo coa súa actuación na Irmandade Galega, no Congreso da Emigración, como responsábel de Relacións Exteriores do Consello de Galiza, como activista cultural e social, até os seus últimos días mantivo firme a súa lealdade a Terra. É de xustiza que un país lembre a quen nunca o traizoou.

Publicado no Sermos Galiza, 116. AFONDO nº 81. 2 de outubro de 2004

domingo, 13 de julho de 2014

Filgueira e o franquismo


O problema non é se Filgueira asasinou a Bóveda ou non, tal como pretende situar os termos do debate unha “Voz” que gosta de presentar o nacionalismo como unha enfermidade irracional padecida por infrahumanos que se matan entre si. A cuestión é si no Estado Español se respectan os dereitos humanos. E, sobre todo, en que medida este debate previo condiciona calquera outro sobre a lingua e literatura que puidera haber e no cal eu non vou entrar por entender que quen está tras desta controvertida proposta non esta movido polo seu interese pola lingua ou a literatura galega.

Pois ben, pode parecer moi atrevido mais eu considero que na situación actual non vivimos nun Estado normal no que se poida afirmar que expiou o seu pecado orixinal e tronzara o seu cordón umbilical co pasado do réxime criminal do que procede e, xa que logo, non se dan as circunstancias para que unha iniciativa coma esta careza de repercusión na consolidación e avance da loita pola memoria e, en definitiva, polos dereitos humanos. 

Sen entrar en leas filosóficas ou subxectivistas sobre o que son dereitos humanos, simplemente remitámonos ás impresións previas que tirou o relator da ONU Pablo de Greiff en cada un dos seus mandatos.

Dereito a verdade

Temos un sistema de acceso discrecional aos arquivos que impide coñecer os crimes do franquismo e de calquera outra feito máis recente que afecta de xeito decisivo a nosa historia. Hai pouco polemizábase polo tratamento de menores de idade recibido polos cidadáns deste Estado cando aínda hoxe se lle restrinxía o acceso as gravacións e documentos relacionados co 23 F. Instalados na opacidade herdada non lles custou aplicar a democracia o que tiñan reservado para o esquecemento do totalitarismo. Mais o caso é que calquera que pretenda acceder as Causas Xudiciais e fichas que puideran botar luz sobre o acontecido no franquismo topará uns limites temporais para ser autorizados ou mesmo uns borranchos acochando nomes de represores que ninguén se pode imaxinar que suceda logo da caída de calquera réxime de terror que se considere ilexítimo. Mais aplícaselle ao franquismo a mesma lexislación de protección de datos que ao que acontece no réxime actual porque no fondo considérase que merecen o mesmo respecto ambos escenarios. Non se pretende un distanciamento do marco franquista alén de consideralo unha solución excepcional porque no fondo preténdese manter a referencia de non descartabilidade no futuro, polo que merece toda a lexitimidade como resposta a posíbeis ameazas as hexemonías existentes. É sabido que se hai algo que poida frear un xenocidio é a perspectiva de que estas vergoñas se destapen e se amose a auténtica faciana xunto coas mans ensanguentadas de quen se considera gobernante por consentimento popular.

Impunidade

A vixencia no ordenamento xurídico español da lei de amnistía do ano 77 é un escándalo mundial que ano tras ano leva a que se lle aperciba por manter a impunidade cara uns crimes que todos os tratados internacionais consideran imprescritíbeis. Mais a ilegalidade dos crimes contra a humanidade cometidos polo franquismo supoñía a ilegalización do franquismo e, xa que logo, a reforma democrática feita desde dentro dos propios límites que impoñía a ditadura. O problema é que a esquerda española non aceptou a “reconciliación nacional” só como un elemento transitorio no que apoiarse senón como fundamento estrutural do actual sistema democrático. Isto é, a “reconciliación nacional” é un ben superior, certo, mais non eterno e moito menos ao que haxa que subordinar de xeito permanente un sistema que garda na súa manga a tortura e a desaparición forzosa como algo que só se considera inadmisíbel en determinadas circunstancias como as que hoxe gozamos, mais que son aceptábeis noutras.

Reparación

A miúdo emprégase alegremente iso de que “antes se prohibía el gallego y ahora se prohibe el castellano” ou “todos mataban”, “Carrillo también hizo de las suyas” e outras frases que temos lido ou escoitado no mesmo sentido de evitar dúas cuestións claves para a superación do franquismo: O recoñecemento da culpa e a compensación as vítimas. As vítimas da represión do “outro bando”xa foron resarcidas de sobra -mesmo si se entendese esta como vinganza- co asasinato, prisión, persecución e exilio dos seus executores, por iso non deben usarse a estes como escusa. As equiparacións que se fan é unha perpetuación da represión: Non só se asasinou, deixou sen traballo, expulsouse ao exilio, etc. a quen escribira en galego senón que por enriba agora se banaliza isto ao comparalo cun Decreto que non xerou ningún expediente ou sanción e que só ordenaba o currículo co fin de que os alumnos adquiriran competencia en ambas as dúas linguas. E non se trata de indemnizacións ou devolución de incautacións. Compre insistir en que non se resarciu as vítimas nin sequera no máis barato: nun Estado onde tanto se fala de transición modélica porque se perdoou todo topámonos co paradoxo de que é o único lugar no que ninguén pediu perdón. É o mínimo que se lle podía esixir.

Non repetición

Porque non se actúa nos anteriores puntos, pois porque se pretenden manter presente a ameaza. Non hai ningunha vontade de asentar na sociedade a idea de que o franquismo é irrepetíbel senón que se quere condicionar a xente polo medo a que volvan as andadas como alguén se desvíe do rego que se lle marca ( e isto non só vai por Cataluña). 

O tratamento dos lugares da memoria ou o xeito no que asistimos a xestión do fin da violencia de ETA supón asentar unha ontoloxía política na conciencia popular que naturalice a desigualdade e xustifique as agresións contra os desobedientes xa que a violencia é en última instancia o único xeito de resolver os conflitos nas relacións xerárquicas.  Como se pode xustificar que Otegui e outros catro presos vascos estean no cárcere polo delito de tentar reconstruír un grupo político (Batasuna) aínda que non cometera ningún acto violento nin estivera relacionado con quen os cometeu e ao mesmo tempo se considere que un ministro de Franco coma Fraga mereza ter dedicados centros de ensino, rúas, pontes, prazas, etc?
Se o Val dos Caídos e outras moitas iconas do réxime se conservan (como a rúa principal do meu concello dedicada a Calvo Sotelo) mentres se quer borrar o rastro do sucedido en San Simón é porque se quer fundamentar que non todos somos iguais. Uns son enterrados coma porcos, e xa que logo non merecen nin que se retiren os seus restos das foxas comúns, mentres outros – os asasinos coma Franco – teñen un mausoleo intocábel. E tal como se trata ao mortos, así se pretende que sexan considerados os vivos.

E é neste contexto e non outro no que se lle dedica o Día das Letras Galegas a Filgueira. Podía noutras circunstancias aceptarse este nomeamento polos méritos estritamente literarios do autor?. Pode ser. Obviamente, dentro das lóxicas discrepancias que puidera haber sobre a calidade da súa obra. Mais nestes momentos é inaceptábel porque non podemos falar do franquismo como do feudalismo a respecto da dedicación a Alfonso X o Sabio desta data, e non é comparábel compartir algunhas ideas conservadoras co réxime -como puideron facer moitos outros autores que foron homenaxeados- como o feito de aceptar cargos políticos da embergadura dos que asumiu Filgueira que supoñía acatar o réxime no seu conxunto, sobre todo, ao non presentar a súa renuncia en ningún momento a representar un Estado que até o último alento cometía crimes, mesmo recoñecéndolle o non ter el executado ningún. 
Que quede claro que non foi quen fusilou a Bóveda (por se quedaran dúbidas aos da Voz). Mais do que se trata non é de xulgar a Filgueira, tal como pretende facer quen non quere xulgar ao franquismo. Un xuízo e condena que segue a quedar pendente. Fronte ao que non podemos aceptar sen mais que se aproveite unha homenaxe como esta para lexitimalo aínda máis.

En definitiva, mentres non se cumpran os catro mandatos anteriores (Dereito a verdade, eliminación da impunidade, reparación e non repetición) moitos non podemos render tributo a Filgueira sen ter a sensación de estar a contribuír a perpetuar a anomalía na que vivimos, e xa que logo, non podemos concordar con que se lle dedique o día das letras galegas.

quarta-feira, 19 de março de 2014

Sempre en Galiza ou só cando convén

Castelao pintando negros e Piñeiro facendo política de alturas
Na carta que no 1940 envía Ramón Piñeiro a Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Sei) informando como queda o panorama galeguista de posguerra enumera a situación de cada quen facendo a seguinte referencia ao daquela Xefe do nacionalismo galego (así nomeado polo galeguismo desterrado no 1939): “Castelao está en New-York faguendo dibuxos de negros”. Esta imaxe, mesmo podemos dicir caricatura, ben pode ilustrar as posicións tan distantes ideoloxicamente, e a percepción que se tiña a respecto de quen non deixaba de ser nacionalista alí onde estivera rachando co eurocentrismo imperialista que nega igual status aos diversos grupos sociais nos que a creatividade humana nos diferenciou. É a visión de quen renega da teoría nacionalista por “decimonónica”, pois fascinado polas luces dun occidente triunfante só aspira a recadar un amparo paternalista a cambio dunha adhesión entusiasta.
E isto non sería un problema se non fora porque ambos os dous encabezan un mesmo partido, se ben en espazos diferenciados, un no exterior outro no interior. O que nos leva a preguntar: que fai un non-nacionalista, ou mellor, anti-nacionalista nun partido nacionalista?. Pois a resposta é obvia: tratar de cambialo aproveitando a estrutura de oportunidades políticas que lle proporciona a represión franquista.
Cando se reorganiza, da man de Ramón Piñeiro, o Partido Galeguista na Terra, o seu grupo terá que neutralizar a ascendencia que aínda mantiña Castelao sobre os superviventes na Galiza que permanecían fieis ao ideario de preguerra. Poñía na convocatoria da xuntanza de Coruxo do 22 de xullo de 1943: “coincidiremos eiqui todos os parentes máis cercanos de Daniel pra ver a quen convén encargarlle a administración da súa herencia”. Termos que eran algo máis que unha clave clandestina, pois Daniel Castelao seguía a ser o referente que podía chamar a todos. Agora ben, Piñeiro que non considera a Galiza unha nación nin que esta tivera dereito a autodeterminación, sería quen pilotaría os restos da estrutura que nos seus estatutos mantiña estes principios básicos. Mais o reto non era mudar o que puxeran os papeis, senón facerlle fronte a un referente vivo que encarnaba o devandito ideario. Cumpría desactivalo politicamente desviando a atención cara o feito da súa “xenialidade” artística e desprestixiar o seu “olfacto” político, presentándoo como un diletante ben intencionado que acaba sendo manexado por hábiles conspiradores como son os comunistas. En definitiva, controlando e manipulando a información.
Ben-Cho-Sei queixarase no 1941 de que non lle permitan acceder directamente ao líder, anotando así unha conversa con Alvaro Xil:
“Chamoume moito a atención o que desviase a conversa procurando cambiar de asunto cando lle pedín me dese a direición do Castelao. Aquelo fíxome a impresión de que quixese ser íl o único enlace entre os exilados na Arxentina e os que eiquí sufrimos; de que pretendese seguir no posto direitivo que tiña no 36”.
A estas alturas xa está de abondo clarificado os termos do confronto histórico entre interior e exilio (Institucionalización no Consello de Galiza/non recoñecemento deste no interior, Galeusca no exterior/ANFD pro socialista e anarquista no interior, defensa dos dereitos adquiridos na república no exilio/pacto cos monárquicos no interior, etc.). Mais iso podería ficar no campo do conxuntural e interpretativo senón houbese unha formulación teórica que lonxe de facer elucubracións abstractas, extrae as súas conclusións da experiencia mesmo persoal: O “Sempre en Galiza”. Porque en política, como agora é sabido, o difícil non é pasar das palabras aos feitos, senón ao revés, formalizar e fixar institucionalmente en termos precisos o que son emocións e sentimentos propios da acción combatente. Por iso a bomba de reloxería que deixaría Castelao aos que lle roubaron o partido no interior non podía ser outra que un libro. Lembremos o que dicía o anteriormente citado ao que tiñan vedado o contacto con Castelao cando chega as súas mans esta obra:
“A lectura do libro de Castelao “Sempre en Galiza” vólvese aos tempos da nova loita polo trunfo do galeguismo. A sua primeira parte érame conocida porque a pubricou na “Nosa Terra” baixo o epígrafe de “Verbas de Chumbo·, na segunda recolle unha serie de artigos escritos en defensa de Galiza, do Galeguismo e do Estatuto, que foron pubricados no semanario “Nueva Galicia” nos que pon de manifesto po profundo da sua convicción, a verdade da sua doctrina e o inxenioso dos argumentos con que a defende. É un libro escrito con sangue do meu corazón polo martirio da nosa patria e dos nosos amigos bós e xenerosos. No que levo leido do terceiro libro pon de manifesto o barullo que reinou entre os republicáns perante a guerra e a incompresnión dos políticos centralistas. Polo que se desprende da lectura a nemiga contra de Galicia é xeral entre os políticos de calqueira banda que sexan, e tan unificadores se mostraron os socialistas e os seudo demócratas como os falanxistas. Todos coinciden nos aldraxes e desprecio a Galicia. O inconcebible é que nesta obra de descreto figuren decote xentes nacidas aló, o tráxico para Galicia é que son fillos seus os que mais se distinguen na tarefa da desgaleguización da sua nai, empresa na que coinciden e prarecen rivalizar os Franco, os Casares Quiroga, os Calvo Sotelo e todolos satélites e seguidores dos uns e dos outros. Todos iles compórtanse como señoritos vilegos que renegan da terra nai. ¡Triste destino o do noso pobo!”. (25 de decembro de 1944)
Non era doado para os nacionalistas auténticos ter novas de Castelao. Tiñan que botar contas a partires doutros datos para deducir a súa posición. Lembremos o que anota Ben-Cho-Sei no seu diario o 13 de novembro de 1945.
“Parece que ao fin formouse o Goberno republicán español en México e que falaron varios diputados, entre iles o Castelao, o que quer decir que atenden as ordes do Partido. Polo visto Prieto manifestouse en contra de Galicia unha vez mais. Eu non me explico por qué iste home, que ten talento para outras cousas, se pecha diste xeito para ver as cousas da nosa terra. Para min é un dos piores nemigos que temos de Galicia. Xa por culpa sua armouse aquelo dos mariscos e sigue cada vez mais torpe para nos enxerguer, a non ser que podia nil mais o esprito centralista que o do seu partido”
Claro que Castelao permaneceu fiel ao partido, o problema foi que o seu partido -nas mans de Piñeiro- non permaneceu fiel a el e ao nacionalismo diluíndose e entrando individualmente nese que tan ben describe Fernández Oxea na anterior anotación, isto é: Ramón Piñeiro rematou de Deputado do PSOE como coherentemente era de agardar que acabara, mágoa que non empezara xa por aí.

Publicado no Sermos Galiza
Caderno de análise. Quinta-feira, 13 de marzo de 2014 • Número 58

quinta-feira, 6 de fevereiro de 2014

Cara unha ética de empresa no ensino

Certo que a relixión debera estar fóra da escola. Mais se nos deixamos enredar polas oportunistamente rescatadas liortas anticlericais de quen -cando tiña responsabilidades- non denunciou o Concordato, fixo estender a Relixión até 2º de Bacharelato e impediu que se impartira fóra do horario lectivo a pesar de adecuarse esta proposta do CIG-Ensino ao marco legal vixente, quizais nos desvíe a mirada do chamado currículo oculto que por primeira vez se presenta de xeito público e visíbel. Ou é que o apartado “A filosofía e a empresa como proxecto racional” non é suficientemente explícito?.
Nos momentos de crise é moi doado promover a cultura da teoría da conspiración para que a xente trate de buscar conexións ocultas que expliquen uns feitos tan irracionais como os que padece. E así cada quen constrúe no seu imaxinario os seus diferentes monstros a medida subxectiva. Mais se algo ten de bo este PP sen complexos é o striptease co que se presenta en sociedade, amosando claramente as intencións dunhas actuacións que en moitos casos concordan coas que viña levando a cabo na sombra a esquerda española. Pode que as veces se lle vai a man, como naquel preámbulo inicial da LOMCE que escandalizou ao seu propio electorado ao presentar o sistema educativo coma un casting de selección de persoal para unha multinacional.
Resulta rechamante o desprezo nos contidos de “Valores éticos” e “Valores Sociais e Cívicos” de todo o que ten a ver coa educación sexual por quen di ter moita preocupación polo aborto. Que mellor xeito hai para rematar cos abortos que a axeitada prevención dos embarazos non desexados a través dunha educación sexual axeitada. Mais do que se trata é de retirarlle ás mulleres a soberanía sobre o seu corpo, estendendo unha ideoloxía que aos nacionalistas nos resulta moi familiar a outros efectos. Porén, máis que unha a moral patriarcal e represiva que puidera xerar rexeitamento si se expresa con toda crueza, neste aspecto o que nos imos a topar nos currículos e o ensino da dobre moral. Para iso, mentres se repite infinitas veces a palabra diálogo, traballase para fender a conversa dun consigo mesmo, co fin de así un logre mentirse a mantenta. De aí que se promova a escisión alma-corpo ou mellor, en termos dos novos ares que reflicten estes textos, emoción-intelixencia. Pois a Intelixencia Emocional como base e fundamento do ideario destes contidos non é máis que o dualismo clásico sobre o que fundamentar ao tratar por separado, como realidades preexistentes e desconectadas, que a conciliación de ambas que se predica poida lograrse a través dun cálculo no que poder ir combinando aspectos dunha ou doutra dimensión segundo conveña para lograr o éxito individual no mundo empresarial e para proporcionar os logros que as grandes corporacións precisan.
A identidade persoal é disociada do corpo do mesmo xeito que a identidade social é desacoplada das condicións de clase e nacionais nas que un se atopa. Así, toda a retórica desmaterializada a prol do diálogo como xeito de resolver os confrontos non asume a necesaria corrección das desigualdades que permitiría estar ao mesmo nivel nunha conversa produtiva e resolutiva. Os mortos de fame non se sentan ao banquete platónico para impedir que o ruído das súas queixas egoístas impidan elevarnos até as ideas transcendentes. Mais non quer dicir isto que o currículo se esqueza deles, poderíamos poñer na súa boca aquilo de como poder gañar o ceo sen os pobres cos que facer obras caritativas. Así toda a moralina que se presenta ten a súa razón de ser neles mentres evitemos a pregunta de Galeano: “¿Será que os pobres son pobres porque a súa fame nos da de comer e a súa nudez nos viste?”.
Mais o PP xa empeza a chamarlle as cousas polo seu nome. Desaparecen os termos colectivos relacionados coas condicións sociais compartidas para ser substituídos polas circunscricións institucionais nas cales se insire cada quen a título individual, e que aí se busque a vida. Lembremos que o primeiro que fixeron ao chegar ao goberno foi mudar o currículo de Educación para a Cidadanía. O PSOE dáballe á terminoloxía de esquerdas un significado de dereita, mais xa abría a porta aos vocábulos de dereitas como o de “emprendedores” tan abafante agora nos presentes textos. Mais o PP xa naquela primeira medida lexislativa comezou a depurar a linguaxe. E así onde refería a axuda a “persoas e colectivos en situación desfavorecida” o PP simplemente eliminou “colectivos”, borrou onde falaba da participación nas “actividades sociais que contribúan a posibilitar unha sociedade xusta e solidaria”, ou o “rexeitamento das discriminacións provocadas polas desigualdades persoais, económicas e sociais” que substituíu polo aplauso á “Diversidade social e cultural. Convivencia de culturas distintas nunha sociedade plural dentro do marco constitucional”. Un marco xa beatificado coa bendición da esquerda española e que como sabemos non respecta iguais dereitos as diferentes culturas que compoñen o Estado. Así esta Constitución discriminatoria e cega á pluralidade nacional e lingüística do Estado será impartida como o catecismo. E aqueles conceptos, que mesmo se nomean e que xa figuran no repertorio universal dun ensino en valores quedan sen contido. Que importa aludir a interculturalidade se nos negamos a establecer accións afirmativas a respecto de linguas e culturas minorizadas do Estado e nin sequera as recoñecemos?. Ou só os inmigrantes teñen outra cultura e lingua distinta neste Estado?.
Claro que falan moito retoricamente dos Dereitos Humanos no currículo, como tamén falaban os da Asemblea Francesa que proclamaron os Dereitos do Home cando excluían as mulleres ou os da Declaración de Independencia Americana que falaba de que “todos nacemos libres” mentres un de cada catro dos seus habitantes era escravo. Mais hoxe iso non se sostén. O tratamento dos Dereitos humanos evolucionou e tanto o PSOE como o PP nas súas lexislacións educativas insisten en manipular os logros desta evolución. Así, nos Dereitos Humanos de Terceira Xeración, eluden o consagrado mundialmente Dereito de Autodeterminación e inventan eufemismos como “los derechos de los pueblos a la solidaridad, el desarrollo y la paz”, para evitar con esta brinde ao sol recoñecer o fundamental dereito das nacións a gobernarse por si propias. Mais que se pode agardar de quen non se ruborizan diante das denuncias da ONU por manter na súa lexislación que os crimes do Franquismo foron legais e non atentan contra os devanditos dereitos humanos?. De que dereitos humanos nos falan entón?.
A resposta a está e demais preguntas está en Daniel Goleman. Este psicólogo, asesor das grandes corporacións internacionais en procesos de selección de novos executivos e organización empresarial, ten desenvolto todo un corpus teórico co fin de obter máis beneficios destas multinacionais grazas ao control dos sentimentos dos empregados. El será o evanxelista que terá que memorizar o alumnado como si da biblia se tratara.
Así é usada a teoría da educación emocional como un xeito de tratar de culpar a cada quen individualmente pola súa situación e polos sentimentos que posúe (falla de autoestima, desmotivación, etc...) excluíndo a comprensión das causas sociais que os provocan. E esta non é presentada xa como unha teoría máis, é imposta como o indiscutíbel espazo “neutral” do que nos fala Zizek.
E que lle queda as Comunidades Autónomas se mesmo se fixa o nome de quen hai que comentar os textos en cada un dos apartados?. Nunca un nivel de concreción dos currículos do MEC chegou a tanto. Na práctica, como vén acontecendo ultimamente, os contidos mínimos que chegan de Madrid son tantos que non ten sentido incrementar nada máis pois sería imposíbel impartilos. Así, a maioría desta lexislación educativa faise a distancia, afastada da participación da comunidade educativa, a diferenza do que acontece noutros Estados que se usan de referencia como Alemaña, onde o Ministerio de Educación non pinta nada.

En definitiva, o currículo de “Valores éticos” e “Valores Sociais e Cívicos” reflicte a ideoloxía da clase dominante, coa novidade de que desta volta xa non o disimula.

* Publicado en Sermos Galiza, nº 82. 30 de xaneiro de 2014

sábado, 23 de março de 2013

Crítica da razón conquistadora

No Estado Español entrase na modernidade de súpeto e do xeito máis violento coa descuberta da América. Constitúese en Estado Moderno coas características que este ten de centralización do poder e disolución da diversidade no contexto mediatizado pola urxente invasión polo que o proxecto ilustrado (iluminar aos ignorantes) establécese aquí nuns termos que xa no seu momento resultaron incómodos para unha intelectualidade que aspiraba a apoiarse na razón como soporte da expansión: quedaba en evidencia un uso obsceno da forza difícil de xustificar polo elevado e nobre obxectivo de “ensinar ao que non sabe”.
O desprestixio internacional que supoñía a lenda negra sobre o xenocidio que se estaba a cometer nas chamadas “Indias” obrigou a celebrar a “controversia de Valladolid” para debater sobre a lexitimidade que se arrogaba o emperador o dereito a dispoñer das terras e das xentes do continente americano. O paternalismo de Juan Ginés de Sepúlveda confrontábase alí coa denuncia das barbaries expostas por Bartolomé de las Casas. De fondo estaban os escritos de Francisco de Vitoria e doutros membros da Escola de Salamanca que chegaban a colocar o debate en termos xurídicos, mesmo independentes a respecto da relixión e que contribuíron a fixar o nacemento do dereito internacional. Non é desatinado atopar nestas polémicas os prolegómenos duns dereitos humanos universais ou bosquexos do dereito de autodeterminación dos pobos.
Se Francisco de Victoria cuestionaba os “títulos lexítimos” do Emperador e do Papa sobre América, Francisco Suárez chega a refutar a teoría patriarcal do goberno e o dereito divino dos reis argumentando a prol do contrato social. O seu pensamento prenderá nas xeracións de libertadores que co tempo acometeran a emancipación das colonias. Tería menos éxito na península.
En definitiva, aínda que nas rúas e prazas españolas e nos seus libros de texto a quen máis se honra daquela época é a Pizarro, Hernán Cortés ou a outros criminais polo estilo, compre lembrar que o pensamento español foi quen de parir visións alternativas que significaron unha grande achega ao desenvolvemento dunha humanidade máis democrática e respectuosa cos dereitos humanos. O totalitarismo e o imperialismo non é intrínseco ao pensamento español. É mais, será precisamente o esforzo por tratar de superar ese condicionamento histórico o que favorecerá que se produzan achegas tan interesantes.
Non eran santos. As cabezas máis lúcidas españolas eran conscientes de que basear o propio desenvolvemento no saqueo e na opresión dos demais non era sostíbel e tería consecuencias internas nefastas. Logo do chamado “desastre” do 98 produciuse a última grande oportunidade para pensar a democracia no Estado desde a asunción da necesidade de superar a visión centralista e totalitaria dun imperialismo que fracasaba máis unha vez. Para iso, o primeiro paso era admitir o pluralismo e abandonar a crenza de ter a potestade de impoñer pola forza a propia concepción do mundo aos demais. Quizais o perspectivismo dun Ortega é ao máximo que podía chegar o pensamento español a hora de abrir canles mentais sobre os que camiñar cara un réxime democrático como o que no seu momento significou a república.
A metáfora do Guadarrama servía a Ortega para explicar como ese monte era visto de xeito distinto desde diferentes situacións (Segovia ou Madrid) e que coa integración destas visións poderíamos ter unha idea máis completa da realidade. Hai unha apertura nesta teoría á intersubxectividade e a alteridade. Mais é certo que a Ortega, Unamuno e outros autores españois proclives inicialmente a esta “tolerancia” non lle gustou o que escoitaron do outro lado da Serra e prodúcese un repregue cara o totalitarismo. De feito, o pensamento hexemónico español non se presenta de antemán como antidemocrático, senón, pola contra, en moitos casos se presenta como hiperdemocrático, iso si, mentres se decida o que a eles lles convén.
O caso é que a esta altura podemos afirmar que a tradición de pensamento da Escola de Salamanca, dos Dominicos e Xesuítas críticos coa colonización teñen moi escasos continuadores no pensamento español actual. Castelao aínda lembraba cando el non era separatista pois confiaba en que da outra banda houbera con quen tratar para camiñar cara unha confederación ibérica coa inclusión de Portugal. Hoxe, a medida que se van pronunciando diferentes intelectuais españois, ponse en evidencia que lamentablemente non hai capacidade de superar a súa concepción xerárquica das relacións entre pobos (tanto de obediencia a respecto das potencias estranxeiras como de mando a respecto das nacións do Estado) e, xa que logo, non queda outra que reconsiderar a posibilidade de federarse con quen non nos quere en pé de igualdade. Isto é, apostar pola independencia.

Publicado en Sermos Galiza. Nº 31. 18 de xaneiro de 2013

Autodeterminación, pobo e socialismo

A esquerda está na rúa facendo fronte á maior acometida dereitista en décadas, un asalto a dereitos sociais que se crían incuestionábeis así como servizos públicos que se pensaban solidamente consolidados. É momento de loita, mais tamén de análise. A teoría debe acompañar a práctica para autocomprender a acción e reacción social na que nos movemos. E o debate produtivo implica ser audaces, achegar voces diversas e contrastar experiencias distintas. Escoitar un amplo repertorio de respostas que nos axuden a explicar o que acontece. Mais tamén suscitar preguntas que non nos tiñamos proposto. É o encontro con enfoques diferentes o que nos dá que pensar. E aínda que non coincidamos cos interlocutores nas solucións que presentan, si que tomamos conciencia de problemas dos que non nos decataramos.
Ese é o espírito co que se achega estas reflexións sobre autodeterminación, pobo e socialismo desde un punto de partida nacionalista e comunista, mais no contexto dun país sen Estado, e xa que logo, pode chamar a atención a especial fame de soberanía. Trataremos de ser útiles para profundar nas interrogantes aínda que se discrepe nas conclusións.

Porqué a autodeterminación non é suficiente?

A esquerda, por definición, está a prol do dereito de autodeterminación dos pobos. Forma parte da súa sinal de identidade e así o exhibe nas ocasións. Mais non toda a esquerda é nacionalista. Hai quen considera que para adscribirse á esquerda abonda con avogar nominalmente pola emancipación dunha clase universal, homoxénea e abstracta á que din pertencer. E así xa se poden desentender do patriotismo como algo subsidiario e residual deste ideario. Así, cando enumeran o dereito de autodeterminación entre outros moitos que citan ritualmente, non se dan por aludidos se obstaculizan a súa posta en práctica. As veces, mesmo pasan a ofensiva arremetendo contra o nacionalismo porque din que apaga o conflito de clase recorrendo aquel vello comodín da “contradición principal” que serviu historicamente para xustificar de o inxustificábel por si mesmo.
Esa esquerda antinacionalista é a mesma que renuncia a facer políticas de esquerda coa coartada de que o país carecía de soberanía para levalas a cabo e, xa que logo, fai políticas de dereita. É a mesma que deixa en suspenso a lealdade á propia comunidade ou abraza directamente a traizón, en calquera caso inhíbese da concienciación a prol de fomentar a confianza do pobo en valerse por si mesmo, en quererse, en acreditar nas súas propias forzas.
Por se iso fose pouco, para desculpar a súa deserción dedícase a teorizar sobre a adscrición do nacionalismo ao campo da dereita, regalándolle esta ideoloxía ao inimigo, o cal, por certo, non amosa ningún interese en apreciar o agasallo. Mesmo tratou de identificarse o nacionalismo co fascismo co fin de escorrentar as forzas progresistas de abandeirar a defensa da nación.
O certo é que non hai nada máis alleo á dereita e o fascismo que o nacionalismo. Foi, precisamente, a destrución do Estado-Nación unha teima dos panmovementos nazi-fascistas que atopaban na raza ou noutras formas de identidade como a civilización occidental, a hispanidade, a cristiandade, etc... o xeito de expandirse alén das restrinxidas fronteiras do Estado-Nación. Nunca foi máis evidente como na actualidade que a dereita se caracteriza por traizoar os intereses nacionais ao servizo do capital especulativo transnacional.
Precisamente a esquerda naceu para responder a unha burguesía que ocultaba as desigualdades entre colectivos na exaltación dunha universal liberdade individual abstracta, da cal ficaban fóra aquelas categorías invisibilizadas que non se correspondían coa identidade dominante (xéneros, clases ou nacións sometidas). A ninguén se lle ocorre falar dun feminismo ou dun comunismo de dereitas, mais inventouse a idea do nacionalismo de dereitas para poder combatelo sen perder o propio pedigree. Con este fin fabularon sobre o carácter egoísta e regresivo do nacionalismo. Egoísta para quen é solidario coa liberación de todas as nacións menos a súa, deslocalizando así a súa práctica cara un lugar remoto no que esta non ten incidencia ao mesmo tempo que se sitúa no propio país na superioridade moral do altruísta mentres se abstén de intervir no seu favor ou mesmo colabora cos invasores. É regresivo para quen está a prol dun progreso ao final do cal non haxa nacións, toda a terra sexa uniforme e plana.
O nacionalismo é unha conquista da humanidade: asumir a diversidade, respectar o dereito a decidir de cada pobo, recoñecer o insubstituíbel punto de vista que achega cada nación. Até que aparece o nacionalismo en escena é impensábel un mundo no que as diferentes comunidades teñan o mesmo status independentemente do seu tamaño e poder e que ninguén ten dereito a inxerirse nos seus asuntos internos, mais, sobre todo, o nacionalismo é a ideoloxía que se arrepón a unha visión capitalista do universo como un un espazo-tempo baleiro e uniforme no que todos os obxectos son intercambiábeis, e xa que logo, substituíbeis por diñeiro.
Por iso aceptar retoricamente a autodeterminación non é suficiente, sobre todo si se reduce esta a defensa de que logren a independencia aqueles que non a teñan. Cantos países formalmente independentes con gobernos que dimiten do seu nacionalismo están intervidos e xestionados desde o exterior?. Quizais agora a esquerda se bote as mans a cabeza ao contemplar a escasa marxe de manobra, mais haberá que xulgar que grao de complicidade teñen neste proceso os que renegaron e incluso atacaron ao nacionalismo. Como van agora achegarse a un pobo aterrorizado polos mensaxes que lle insisten na súa incapacidade para valerse por si mesmo, no inferno que suporía deixar de ser monitorizados desde fóra?.
Por enriba, hai quen inxenuamente considera que destruíndo o Estado-Nación xa non importaría ser gobernado por alleos pois os estranxeiros deixarían de actuar en función de intereses nacionais. Certo que non reparten o botín equitativamente entre os habitantes dos seus países. As veces mesmo colocan ao fronte de organismos supranacionais a individuos dos pobos expoliados. Mais o caso é que cando se peta á porta do propio Estado para reclamar xustiza atópa un co letreiro de pechado por defunción e trasladan a demanda a unha estratosfera difusa. Hai interese en borrar o rastro do diñeiro. En eliminar calquera posible imputación. Mesmo se chega ao extremo de bombardear e invadir países e ninguén sabe o Estado que o fixo, cando se pregunta remítennos a unha etérea “comunidade internacional” como culpábel. Mais, polo de agora, sobre o terreno, na realidade, as nacións existen, e non é o mesmo vivir nunha que noutra. Se queren tapar iso será para ocultar os intereses particulares que sosteñen, algo dificilmente defendíbel publicamente.
A dereita benefícialle esta situación para poder aplicar as súas receitas coa excusa de que non pode facer outra cousa. Que están amarrados de pés e mans, que non teñen outra opción. Axitan o medo ao illamento e explotan a fusión mística co universo fronte a un nacionalismo que é presentado como un monstro irracional e codicioso. E ben que lles vai con ese discurso. O que se entende menos é que haxa esquerda subida a ese carro.
Do mesmo xeito que unha muller antifeminista ou un obreiro anticomunista non se fía do seu xénero ou na súa clase para autogobernarse, un pobo inoculado no antinacionalismo é susceptíbel de asumir con resignación a indignidade de ser dirixido por potencias alleas coas consecuencias sociais e políticas que isto ten.

Porque o pobo é necesario?

Non só se fantasea cun planeta sen nacións senón que tamén se alimenta a ficción dun pobo sen clases sociais. Ambas as dúas ideas fomentan o imaxinario dun mundo sen política. Ideario dos que acreditan nos “tecnócratas” para resolver os problemas sociais, e que consideran que a causa das desfeitas foi ter posto en mans de diletantes a “cousa pública”.
Neste contexto hai certa esquerda que dispara contra os chamados partidos “tradicionais” e mesmo sindicatos “tradicionais”. Emprégase esa terminoloxía para dar pé a anunciar o advento de partidos “novos” ou sindicatos “novos”, cando non simplemente se avoga pola liquidación de calquera tipo de estrutura que se denomina “vertical”. O certo é que estas innovacións carecen de calquera novidade. Mais o desprezo polo vello permítelles apoiarse na ignorancia do pasado. A pouco que se coñeza un mínimo de literatura sobre o movemento obreiro ou historia das loitas sociais descubrirase que os posmarxistas realmente son premarxistas. E mira que se cometeron erros dos que cómpre aprender como para permitirse o luxo de volver a bater na mesma pedra por negarse a lembrar os camiños percorridos.
Erros na práctica, mais tamén na teoría. Ningún marxista pode considerarse como tal senón é quen de detectar ditos erros e botarllos en cara ao propio Karl Marx. Quizais el non tivera culpa das lecturas que se fixeron da súa obra mais as súas profecías sobre un paraíso sen clases sociais (isto é, sen política) levaron a que houbo quen quixo queimar etapas para alcanzalo suprimindo calquera pluralismo.
Ambos os dous xeitos de “superar” os partidos e sindicatos, pola disolución e atomización individualista ou pola doutrina do partido e sindicato único, conducen ao mesmo obxectivo: converter o pobo en masa, en definitiva, destruír ao pobo.
Porque un pobo non é unha ringleira homoxénea de individuos feitos en serie. Un pobo é unha sociedade articulada, dinámica e susceptíbel de asumirse como suxeito colectivo en base a obxectivos comúns. Claro que fai falla unidade, para iso está a política, para tratar de conformar bloques amplos que permitan aos pobos avanzar nas súas conquistas. Porén, a unidade non se constrúe pola negación do pluralismo e tampouco se logrará se cada quen quer salvagardar a súa identidade particular buscando o que o diferenza para imposibilitar os acordos. É neste proceso no que a esquerda terá que educarse para a unidade, e así, estará a producir pobo onde antes non había apenas xente, masa, fragmentación...
Non se pode prescindir do pobo, el ten que ser o protagonista da súa emancipación, agora ben unha asemblea que impón as súas resolucións non son o pobo, por moito que esa convocatoria fose aberta e masiva. Pode converterse nunha tiranía se atendemos a definición desta que fai Hanna Arendt ao entendela como un réxime no que o poder non da conta dos seus actos. Unha estrutura estábel é quen de responsabilizarse de executar o que se decide e explicar os incumprimentos. Ser interlocutor, ter palabra, asumir compromisos, pagar o que se debe. Mais o proceso de decisión debe pasar en calquera caso por propoñer á sociedade, polos máximos canles de participación posíbeis, as propias iniciativas para responder as demandas reais que nos chegan desa mesma comunidade. Isto é, radicalizar a democracia. Mais debemos negarnos a subministrar placebos ou facer circos nos que montemos un paripé co fin de dar a impresión de que é xente quen manda para logo facer o nós o que nos pete. Ese timo mais cedo ou tarde remata descubríndose. É preferíbel ser honesto e recoñecer as limitacións que se teñen, facer o que se poida, e sobre todo, responsabilizarse do que se fai.
No proceso dinámico entre organizacións e sociedade é no que se forxa pobo. A burocratización, a institucionalización e todas esas eivas que teñen os partidos políticos non se corrixiren con promover a súa disolución. Quen esté instalado nesas posicións non pode obviar que esas mensaxes só erosionan aos partidos de esquerda. As organizacións da dereita son inmunes a ese discurso e nin sequera a corrupción lle pasa factura. Senón somo quen de ir alén crítica destrutiva a dereita poderá perpetuarse nos gobernos apesares de non ter ningún mérito para facelo, só pola incapacidade da esquerda de presentar fórmulas que sexan quen de substituílos a ollos do pobo. Fórmulas que en calquera caso pasan -inevitabelmente- pola existencia de partidos políticos. Partidos que expresen a diversidade do pobo mais que cumpran unha mínima condición: ser soberanos, non sucursais de intereses foráneos.
Os partidos de clase non deberían aceptar ser subsumidos na disolución do pobo en masa, alguén ten que manter a representación da clase, non se pode ser cego a súa existencia. Agora ben, isto é compatíbel con acatar que “quen máis ordena” é o pobo, e non todo o pobo colle na clase, de feito, nin siquera toda a clase ten conciencia de tal e proxecta formas de expresión complexas e dinámicas. Isto implica que estas organización renuncien aos seus obxectivos particulares, ao socialismo?.

Porque o socialismo é posíbel?

Abondaría responder: “porque o capitalismo é imposíbel”. Mais sería tanto como crer nun karma, nunha xustiza natural ou divina universal que regularse por si só o mundo e que puxese as cousas no seu sitio unha vez que se amosa o irracional, suicida e destrutivo que é o actual sistema imperante. Claro que outro mundo é posíbel, mais non por iso deixará de existir este senón somos quen de cambialo. Espontaneamente non se mudará por si so. É preciso organizarse e loitar pola súa transformación. Mais temos clara cal é a alternativa ao capitalismo?. Basta con dicirse anticapitalista?.
Non debemos esquecer nunca que o fascismo se presentou en sociedade tamén como anticapitalista. Ese medo a chamarse socialista ou comunista, mesmo anarquista non contribúe a construír unha alternativa a partir do recoñecemento do pluralismo. Certo que o inimigo invoca a todos os fantasmas do pasado para criminalizar esas ideoloxías, e sobre todo, para identificalas co totalitarismo. A dereita di: “Queredes democracia?. Pois tendes que apandar co mercado”. O problema é cando desde a esquerda se interioriza que para que che consideren demócrata debes renegar do socialismo. Mesmo hai quen para facer méritos se apunta ao anticomunismo máis exacerbado.
A esquerda terá que pagar por erros cometidos no pasado. A dereita -en moitos casos filla dos réximes autoritarios- non ten esa peaxe. Sen embargo hai que estar dispostos a asumir o custe de todas as experiencias que se trataron de implementar para sacar leccións útiles para o presente. Por exemplo, avaliar como o desprezo cara o que no seu día se chamaron “democracias burguesas” e as súas “liberdades formais” co tempo se pagou caro e algúns que apelaban á destrución deste réxime parlamentar non tardou en reclamar a súa restauración.
Esa historia de encontros e desencontros entre esquerda e democracia non se resolve con facer o camiño de volta do “socialismo utópico ao socialismo científico”, ou sexa, diante dos fracasos optar por refuxiarse no “utópico”. Pois non se trata de proporcionarlle ao pobo desafogos momentáneos ou sublimacións poéticas das súas queixas contra o capitalismo. Haberá que propoñerse repetir a Lenin, mais desta volta facelo mellor. Xa sabemos que non podemos prescindir da democracia.
Así pois, na seguranza nas propias conviccións, cómpre baixar ao campo de batalla, asumindo que estamos diante dunha guerra de trincheiras e xa non hai un Pazo de Inverno que conquistar para dun só golpe alcanzar o poder. Pode parecer na práctica que fai o mesmo quen considera que abonda con administrar do xeito máis social o actual sistema e quen percibe como terreo arrincado aos mercaderes cada palmo de xestión contraria a este modelo. As aparencias enganan, aínda así estas son as que contan a hora de alcanzar alianzas. Que importan as razóns subxectivas de quen fai o mesmo?.
Agora ben, hai momentos en que esa práctica, chamémoslle “reformista” para entendernos, non é posíbel e imponse poñer en claro que este non é o noso modelo económico e, xa que logo, non somos responsábeis das súas desfeitas, senón dariamos a imaxe de que somos cómplices e non hai alternativas. Isto non se resolve con chamarse anti-sistema como si ese fose un título nobiliario. Demagóxicamente a curto prazo pode ser útil para alcanzar éxitos electorais ou de mobilización social, mais a medio prazo, ao comprobar como se xestionan eses éxitos no marco do actual sistema (pois un non é quen aínda de inaugurar outro), a decepción pode ser demoledora para as causas populares.
En definitiva, si do que se trata é de desprazar os marcos cara ampliar o espazo de dignidade conquistado por un pobo, ou cando menos, impedir que se reduza este aínda máis, hai que empezar por loitar pola soberanía para poder dotarse do sistema social e económico que máis se axeite as propias necesidades. Nese camiño cara unha terra prometida que ao fin será a que sempre tiveron baixo os seus pés, é como un pobo se constitúe como tal. Os partidos que sexan expresión dese pobo, ao mesmo tempo teñen que ser a súa guía, non poden abandonar á deriva a nave por non querer pagar o prezo de errar no rumo, o peor é deixar o timón vacante mentres se erguen as velas ou se encirra aos remeiros. Iso si, sen caer no paternalismo, e sobre todo, sen mentir. Pois si o pobo sabe que lle enganan, como as cousas saian mal, romperá filas e abandonará as súas posicións. Si sabe que lle din a verdade, aínda que a cousa se poña dura ou se constate que se meteu a pata, aceptará apandar coas consecuencias da opción escollida. E unha das cousas que haberá que resolver cando chegue o momento será o dilema entre capitalismo e socialismo. Por iso, quen aposte polo segundo, debería de deixar de ocultar as súas intencións.
En xeral, os que se consideren comunistas ou socialistas nas súas múltiples tradicións, mesmo anarquistas, ou outros movementos sociais, deben abandonar o vicio de inventarse a si mesmos cada vez que a cousa lle sae furada. Para rectificar, o primeiro é recoñecer no que se equivocaron. Os que oportunistamente acochan o pasado e aproveitan os ventos favorábeis para presentarse como “creation ex-nihilo” non auguran un mellor futuro, e fai sospeitar do fraude que pretenden cometer. Hai que dar a cara e chamar as cousas polo seu nome para minimizar a confusión ao comparecer no debate a prol de programas concretos para poñer freo a enxurrada neoliberal. O momento é dramático mais tamén é ilusionante e debéramos considerar si se trata só de construír diques ou hai que pasar a contraofensiva, en aproveitar o desprestixio do capitalismo para lograr obxectivos revolucionarios no avance do dereito á felicidade de todos os seres humanos, sen ningún tipo de exclusión. Despois de todo é para iso que naceu a esquerda.

Publicado na revista portuguesa A COMUNA:
http://www.acomuna.net/index.php/contra-corrente/4378-autodeterminacion-pobo-e-socialismo

sexta-feira, 26 de outubro de 2012

Roteiro Amoroso de Castelao na Estrada

Ao xeito dos salmóns do Ulla, a estirpe de Castelao descendeu polo río até Rianxo para logo volver remontar o curso até A Estrada na que veu casar Daniel impulsado polo amor que despertara nel a filla dun avogado Estradense, Camilo Pereira Freijenedo.
Castelao terá unha intensa relación con esta bisbarra. As súas estadías, na pensión de Mato, veñen dos tempos en que lle fai as beiras a Virxinia. Logo do seu casamento no 1912 acudirá intermitentemente a este municipio a pasar longas temporadas. Aquí nacerá dous anos despois ao seu malfadado fillo Alfonso Xesús de Braga e, traspasando o ámbito familiar até a perspectiva política compre lembrar que foi na praza principal estradense na que deu o seu último mitin e, seguramente, nesta comarca, concretamente no concello de Forcarei, tería celebrado o seu primeiro, na campaña electoral coas Irmandades da Fala a prol da candidatura de Losada Diéguez no 1918.
O fogar dos Pereira está moi politizado e podemos subliñar nel o seu patriarca, Don Camilo, quen fora Deputado Provincial do Partido Liberal na restauración, até os primos de Virxinia entre os que atopamos militantes do PG e mesmo un Concelleiro nacionalista na república, pasando polo cuñado Alfredo Pérez Viondi, quen fora o último en retar ao Marqués de Riestra nunhas eleccións antes do golpe primoriverista. Constatamos pois un ambiente plural e inclinado cara a “cousa pública”. Se tivéramos que fixar o abano ideolóxico da parentela teríamos que situar nun extremo a Castelao e noutro a Angel Pereira Renda, irmá de Virxinia, quen no 36 terá un papel destacado na coordinación do golpe de franquista ao dispoñer dunha radio coa que poder burlar o control que mantiña o Goberno Civil das liñas telefónicas. Se queremos estender máis os vencellos poderíamos chegar até Manuel Guillán Abalo, cuñado do Comandante Angel Pereira, e que será un dos seis paseados na noite do 9 de decembro de 1936 a un quilómetro da Vila.
Por iso non é de estrañar a pegada que deixou A Estrada e a súa contorna en Daniel. Na súa vida, e no seu pensamento. Así, seguramente tería nel impacto a experiencia de como a loita agraria desembocou no primeiro confronto electoral que librará o nacionalismo da man das Irmandades da Fala e como ese proxecto foi abortado polo caciquismo -nada menos que do Marqués de Riestra- que aferrollaba a un Concello que sendo no 1900 o de maior número de habitantes da provincia (maior que Vigo e Pontevedra), por confiarse no feito de ter parido a tan grande saga caciquil, foi esmorecendo até ficar fóra dos polos de desenvolvemento.
Mais será a paisaxe estradense a que máis claro testemuño nos deixa da influencia na súa obra artística ao figurar de fondo de moitos dos seus deseños. Aínda que non debemos descartar o potencial que este feito ten para esclarecer tamén algún dos seus relatos. Mesmo como nesa fusión de texto e debuxo que el nos presenta, algunha peza como “A Marquesiña”, na que podemos recoñecer na ilustración á fonte do pazo de Oca, ou “El último hidalgo de gotera”, publicado en Madrid, anticipo en xermolos do que serán as súas “Cousas”. Neste retrato da fidalguía en extinción topamos como xoga no seu deseño coa Torre medieval e o Pazo de Guimarei en diferentes planos, fixando estratos nos que desde os Irmandiños até a actualidade, pasando polo pequeno esplendor dos pazos da ilustración, unha clase parasitaria é relegada e disolta no esquecemento, como as ruínas que son comidas polas edras.
Guimarei e Ouzande, dúas parroquias limítrofes coa vila, serán destino preferente das súas andainas fuxindo do balbordo cara un entorno natural e patrimonial co que se sentirá confortado. Cara Ouzande xa ía da man de Virxinia cando eran mozos pois era posíbel ficar baixo a supervisión dos tíos da rapaza que velaban pola súa virtude desde o tellado da súa casa da rúa que logo levaría o nome do devandito Pérez Viondi. Mais até aquí tamén o acompañou seu sogro, con quen atopou nunha desas percorridos unha estela galaico-romana – reciclada como poste dunha cancela- e que logo doaría ao Museo de Pontevedra no que se atopa hoxe. A estela e os cruceiros foron obxecto dos seus deseños, mais será a igrexa románica co seu Agnus Dei e abundantes canzorros a quen lle dedicará maior atención na súa obra, mesmo figurando nun dos seus óleos. Esta impresionante igrexa do século XII é un dos fitos do abundante románico estradense e seguramente as curiosas pegadas antropomórficas ou animais labradas en pedra polos canteiros medievais foron fonte de inspiración e alimento do seu estilo xenuíno máis co interese posto en conectar coa tradición galega de arte popular.
Guimarei, tamén a un quilómetro do centro urbano, contén elementos singulares que despertaron o interese do caricaturista para representar o mundo foral ou o relixioso que pretendía servir de escenario dalgunha das súas enxeñosas viñetas. A Torre do século XII, co seu peculiar teito de pedra, e a súa figura irregular pola desfeita do tempo e por algún derrube parcial, así como o pazo en ruínas que se atopa á súa beira, este xa do século XVIII son habituais secundarios das súas estampas (Por exemplo no albume “Nós” na de “Dous vellos amigos os foros e as oblatas”), aínda que tamén atopamos algunha aguada na que ocupan en solitario todo o protagonismo como naquela que publicou no 1924 co lema “as casas dos señores van ás mans dos labradores”. E por suposto, outros referentes do patrimonio artístico da parroquia serán retratados como é as curiosas escadas da igrexa ou o cruceiro.
E polo camiño da vila, pasando polas outras parroquias limítrofes de Lagartóns e Callobre, máis cruceiros e, sobre todo, a ponte vella sobre o rio Liñares entre as devanditas parroquias. Máis afastado, na parroquia estrema de Oca, o seu impresionante Pazo do cal curiosamente recolle só recantos peculiares, e xa nas aforas da demarcación municipal: o Candán e Acibeiro nos seu lapis e, sobre todo, o Pico Sacro, que ademais de presidir o Val de Ulla noutro dos seus debuxos, resoa no testemuño do escritor Manuel García Barros dá viaxe ao seu cumio, no que Castelao, xunto co autor dos “Contiños da Terra” e o director de “El Emigrado” aparecen nunha coñecida fotografía de Pedro Brey. 

Publicado en Sermos Galiza nº 21.

sexta-feira, 5 de outubro de 2012

Eric Hobsbawm, un adeus desde o nacionalismo

Quizais a dilatada e rica traxectoria de Hobsbawm permitirá valorar -como procede nestes casos- a unha persoa recentemente falecida, fixándose naqueles aspectos positivos que cada quen queira atopar. Así vimos subliñar as súas achegas ao novo laborismo que desembocaría en Toni Blair ou tamén as súas críticas a este pola guerra de Iraq apesares de concederlle unha das máis altas distincións da Grande Bretaña. Efectivamente, temos onde escoller nas distintas etapas da súa longa vida e obra para participar nas honras fúnebres do xeito máis decoroso. Poderíamos quedarnos coa súa aposta por un modelo de historia social que mantén a frescura do marxismo máis xenuíno que nos desentraña moitos procesos complexos fronte a uns neohistoriadores que reparan nas frangullas e se disolven nas estatísticas para ocultar a autonomía da loita política e a clarificación do seu papel nos cambios sociais. Historiadores para os que a revolución francesa non existiu senón que só asistimos a un mero cambio no concepto de propiedade da terra que é anterior á posta en marcha da guillotina. Tamén temos oportunidade de apreciar a súa achegan en obras como “Rebeldes primitivos” a poñer sobre a mesa esas sociedades sen historia, uns grupos en liorta que non encaixan no mecanicismo vulgar marxista que admite unha soa liña de evolución e progreso. Mais sobre todo faríamos fincapé na súa militancia. Ese leninismo científico de tratar de socializar os coñecementos como instrumento de intervención no mundo. Hobsbawm non escribía só para ser lido e entendido polos seus colegas de profesión para gañar a súa aprobación e aplauso, potenciando a súa carreira académica. É un exemplo de autor útil ao servizo da autocomprensión dos movementos sociais e políticos do noso tempo. Mais non sería honesto intelectualmente dar por mortas as polémicas que abriu e despachar ritualmente unha figura da súa relevancia para o debate teórico actual sen indicar algunhas discrepancias de bulto: A posición de Hobsbawm a respecto do nacionalismo.
Pode resultar de mal gosto debater con alguén que vén de morrer, mais é obvio que aínda que estivera vivo non ía ler e contestar estas páxinas, e, sobre todo non ía dar entidade ao que un nacionalista puidera dicir pois -como indica na obra a que nos imos referir- un nacionalista non está autorizado para abordar esta materia que debe quedar en mans de profesionais da historia. Parece que esta prevención é bastante habitual entre os teóricos deste tema pois xa o topamos no adro do libro de Kedourie e sobre todo na práctica universitaria sectaria e excluínte coa que se enfronta esta cuestión. Que pensaría Hobsbawm se lle dixeran que a súa profunda obra sobre o comunismo quedaba descartada por ser escrita por un comunista?. Ou que debemos desprezar “O segundo sexo” por ser dunha autora feminista?. A que se debe esta mala conciencia?.
Seguramente o marxismo con que acomete outras temáticas ten que pasarlle factura ao suspender intermitentemente a aplicación desta metodoloxía segundo lle convén co fin de acadar as teses que pretende soster. É mais, nesta cuestión é bastante discutíbel a etiquetaxe de esquerdas co que se arrumba a este autor xunto con Benedict Anderson como “construtivistas” e se enfronta cos “primordialistas” e “perennialistas” que se lles imputa ser de dereitas. É discutíbel isto polo antinacionalismo que destila os seus textos nun momento histórico no que precisamente non hai nada máis de esquerdas que ser nacionalista a pesares do seu anuncio do declive do Estado-Nación e do mesmo nacionalismo equiparándose coa curuxa de Hegel que levanta o voo cando remata o día. É de supoñer que encaixaría mal no seu modelo teórico e nas súa afinidades emocionais o que está acontecendo na Escocia e no Quebec.
A esquerda ten que ver coa toma de partido a prol dos oprimidos e a favor da superación das relacións de dominación cara unha sociedade máis xusta e igualitaria, e é obvio que en moitas dimensións da súa vida ese foi o perfil de Hobsbawm. Mais cantos de esquerda na cuestión de clase esquecen ese posicionamento noutros ámbitos como é o de xénero?. Debemos estender a súa clasificación a todos os campos independentemente da súa posición ou denunciar a incoherencia?.
O problema non é que Hobsbawm sexa construtivista, pois tamén o é Benedict Anderson e del non tiramos as mesmas conclusións. Non dixo Simone de Beauvoir “non se nace muller, chégase a selo” mais non por iso a deixamos de situar á esquerda. Hobsbawm deserta ao noso xuízo da esquerda porque na súa denuncia do carácter inventado das nacións o autor do libro “Nacións e nacionalismo desde 1780” administra a súa erudición para fixar exemplos discrecionais que o conducen a conformar un concepto de nación e de nacionalismo borroso – ou nebuloso segundo a súa terminoloxía- que se presta a asociacións interesadas para construír unha narrativa lexitimadora dos seus preconceitos e a desautorización do dereito de autodeterminación. Mais abonda con confrontalo coa consecuencia dos seus presupostos para que el mesmo se decate -resituandose na esquerda que nunca debeu abandonar- que “as posibilidades de que unha soa autoridade global desempeñe unha función política e militar eficaz son igual a cero”.
O nacionalismo ten moito que agradecerlle pois hoxe as súas documentadas críticas son esenciais para o desenvolvemento desta teoría emancipadora. Que ninguén cometa o erro de tomar esta esquemática e simplista discrepancia como unha recomendación para non léelo. É todo o contrario. E quizais con iso, ao fin, cumprimos co que procede nestes casos de renderlle homenaxe agradecéndolle que lle tivera prestado atención a este movemento político que a pesares dos seus vaticinios segue máis vivo e activo que nunca.

domingo, 26 de agosto de 2012

Por que Bóveda habendo un Lorca?


Hoxe, cos datos que temos, resulta evidente que Bóveda quixo xogar a súa última baza política a prol do país ao optar por inmolarse á beira dunha morea anónima de pobo e dotar a causa galega dun referente indiscutíbel de loita pola liberdade, fronte a idea que se pretendía proxectar dunha Galiza voluntaria e entusiastamente amante da súa escravitude. Dalgún xeito, non fuxiu nas ocasións que se lle presentaron -fronte aos consellos que transmitía aos demais- porque pretendía prolongar co seu sacrificio o seu labor de organización do país con entidades propias (políticas, sindicais, económicas e institucionais), ou como diría diante do tribunal que o condenou: “Se non podo seguir traballando máis por ela, gustaríame morrer pola miña Patria”.
En definitiva, Bóveda quixo ser usado políticamente para contribuír ao proxecto que daba sentido á súa vida. E Castelao así o entendeu. E por iso creou o Día da Galiza Mártir.
Walter Benjamin fai referencia nas súas “Teses de filosofía da historia” ao sentido das conmemoracións en dúas direccións que semellan contraditorias. Por unha banda o disparar contra os reloxos dunha revolución que máis que representar unha evolución lineal supón unha rotura do continuum da historia. Por outro lado, lembra como os xudeus que tiñan prohibido adiviñar o futuro si tiñan obriga de conmemorar o pasado, de repetir o pasado. Remata dicindo: “Pero non por iso se convertía o futuro para os xudeus nun tempo homoxéneo e baleiro. Xa que cada segundo albergaba unha pequena porta pola que podía entrar o Mesías en calquera momento”. Mais, é coherente entender a conmemoración como a inauguración dun calendario novo, posta a cero dos reloxos, e ao mesmo tempo como unha volta á antigüidade remota pois, en definitiva, o mellor futuro é aquel que máis se lle parece ao pasado anterior ao comezo da opresión. Mais, sobre todo, para un Marxista como Benjamin o que se pretende na conmemoración é rachar coa imaxe burguesa do tempo como homoxéneo e baleiro: “A historia é obxecto dunha construción cuxo lugar non está constituído polo
tempo homoxéneo e baleiro, senón por un tempo pleno, «tempo – agora»”.
Nun tempo desas características a conciencia nacional e de clase disólvense no solipsismo individualista. A acción colectiva pulverízase e o inimigo, máis débil fronte ao grupo, vence doadamente ao liquidar aos revolucionarios de un en un.
Castelao fai unha lectura da Guerra Civil como un conflito nacional e de clase. Non como produto do temperamento racial dun pobo salvaxe e inculto (tal como logo fixou o consenso intelectual e popular tanto da dereita como da esquerda española). Castelao rexeitaba a interpretación de Azaña imputando o fracaso da república a que o pobo non estaba suficientemente maduro para vivir en democracia. Consideraba todas estas apreciacións como profundamente racista e dun papanatismo europeísta que lles impedía ver o que estaba acontecendo en países tan “maduros” como Alemaña e Italia. Castelao falaba da cegueira voluntaria dos “repúblicos” e non se fiaba deles e por iso disparou contra o reloxo o día que fusilaron a Bóveda e non agardou a que o santoral Español fixara os festivos galegos. Sospeitaba que acabarían abrazándose por enriba do millón de mortos e entendéndose naquilo que os une: desmantelar as conquistas das nacións do Estado.
Por unha circunstancia relativamente casual o 18 de xullo fixaba de facto a distinción na estrutura territorial do Estado entre nacións e rexións, ao terse plebiscitado até ese momento só os Estatutos Vasco, Catalán e Galego. Cando se comeza a falar na esquerda española de que por enriba da república está España e que hai que chegar á reconciliación, é entón, cando dentro desta lóxica se decreta o esquecemento dos mártires. Para Castelao, que por enriba da república está Galiza, considera que nestas circunstancias o “borrón y cuenta nueva” que lanzara Negrín e que se estendía como un regueiro de pólvora entre un exilio que ansiaba volver de calquera xeito, non beneficiaba á Galiza que viña de ver eliminados os seus cadros políticos e tiña adquirido un status diferenciado que perdería na desautorización da legalidade republicana que llo outorgou.
En calquera caso, a aposta de Castelao pola memoria non é simplemente oportunista senón que se engarza nas súas conviccións, que deixará brillantemente recreadas no seu Alba de Gloria, e que ten que ver coa distinción que fai entre historia e tradición, na liña do que Benjamin sinala da diferencia entre tradición dos vencedores e dos vencidos. A esquerda española ten unha difícil relación coa memoria, o que facilita o traballo estrutural dunha socialdemocracia defensora da tese contraria a lembrar. Dalgún xeito albiscábase antes de rematada a guerra que os mortos republicanos ían ser condenados ao esquecemento por unha esquerda española preocupada por lavar os seus propios pecados e retornar ao continuum que Castelao pretendía tronzar.
Cando desembarca en Arxentina isto é co que se topa: “cáseque todo Bos Aires era unha pura “españolada”, tanto nun bando como no outro, e no dos republicáns tiña un soio arcanxo: García Lorca”. E cunha chamada ameazante á unidade da esquerda fronte ao franquismo que a el lle resultaba un engado máis a favor da outra “sagrada unidade”, ademais de que a experiencia a respecto do frontismo español é que nesa “Arca de Noé” mentres eles rifaban entre si aos galegos se lle impoñía adhesión silenciosa. Fronte a iso Castelao optou por crear un día exclusivo dos mártires galegos e sinala que co “eisaltanto a figura de Bóveda, fixemos chorar ás xentes galegas que aisitian aos actos e así logramos que os galegos se sintan o que realmente son”.
O caso é que o Día da Galiza Mártir mantívose co tempo como único facho da memoria dos vencidos do Estado Español, unha vez que a esquerda española non só se desprendeu de García Lorca senón de calquera simboloxía (bandeira incluída) que lle dificultara a súa confluencia e entendemento co franquismo reciclado.
A partir do 2000 a esquerda española acordouse da memoria. O Aznarismo campante fixo desta un refuxio e un motor do seu revival. Mais esta memoria é selectiva. Esquece o esquecemento do que foron responsábeis e hoxe desempoan con soberbia a súa bandeira tricolor e mesmo consideran unha ofensa ter lembrado a Bóveda (“como se non houbera máis vítimas”, escoitamos no Congreso de Narón). O caso é que senón fora por Bóveda, polo Día da Galiza Mártir e por Castelao, durante décadas aquí non se lembraría a ninguén, e con Bóveda, sempre se tivo presente a todas as persoas que correron a súa sorte, a García Lorca tamén. A esquerda española non só estivo interesada en que desapareza Galiza, tamén foi cómplice da desaparición dos desaparecidos. E isto hai que ter a honestidade de recoñecelo antes de erixirse en usufrutuarios dos milleiros de persoas torturadas, encadeadas, paseadas, fusiladas que sempre consideraron que o seu sacrificio fose útil, que valese para algo.

* Publicado en Sermos Galiza, nº 11.

domingo, 29 de julho de 2012

Resiliencia en Castelao


A extensión do uso do termo resiliencia nas ciencias sociais, nas que entrou a través da psicoloxía provinte da física, e que nos fala da capacidade de repoñerse fronte unha grave perturbación, tróuxonos a actualidade a Castelao, sobre todo a raíz da súa consagración da aplicación aos pobos no cumio da ONU Río+20.
O primeiro que nos fixo pensar en Castelao foi o uso que se fai a miúdo da metáfora de orixe oriental referida ao xunco para explicar o concepto. O feito de que se emprega profusamente esta figura nos manuais de “autoaxuda” provocou reticencias académicas iniciais: non vaia ser que se descatalogue o estatus diferenciado que xustifica o propio soldo. Mais ao fin as xunqueiras entran na universidade como de xeito menos metafórico aconteceu nas beiras do Lérez co campus de Pontevedra.
Esta imaxe serve para ilustrar a súa obra teórica, o Sempre en Galiza: “Teño máis fe nos xuncos —dobrados pola enxurrada, pero firmes, coas raíces na terra— que os albres que arrastou a corrente, porque cando as augas volvan ao seu canle natural, o xuncal revivirá, póndose en pé”. Mais tamén é unha idea sobre a que se espalla na súa obra literaria, artística e mesmo na súa correspondencia. Lembremos o que lle di a Marcial Fernández en carta do 30 de xaneiro de 1945: “En xeral convén preparar o ánimo en toda caste de eventualidades, sen que endexamáis sexamos doutrinarios, pois un xunco é máis firme que un poste de telégrafo; pero aínda non chegou o intre de ceder en nada. Temos tempo dabondo para tomar decisións últimas, e cicais non sexamos nós quén ceda, senón eles, os que se empeñan en desobedecer o logos do noso tempo. En fin; somos galegos por riba de toda discipriña que non xurda de nós mesmos”.
Resiliencia (do verbo latino resilio, resilire: «saltar cara atrás, rebotar») ten varios significados segundo o contexto: En enxeñería, a resiliencia é unha magnitude que cuantifica a cantidade de enerxía por unidade de volume que almacena un material ao deformarse elasticamente debido a unha tensión aplicada; en ecoloxía, a resiliencia é a capacidade das comunidades de soportar perturbacións; en psicoloxía, a resiliencia é a capacidade das persoas ou grupos de sobreporse á dor emocional para continuar coa súa vida; en dereito, a resiliencia xurídica é a capacidade das persoas, dentro do marco xeral dos dereitos humanos, de recuperar o seu estado orixinal de liberdade, igualdade, inocencia, etc. logo de ser sometido ás accións de forza do Estado.
O proceso de resiliencia soe asociarse as seguintes fases: O equilibrio que enfronta á tensión,
o compromiso e o desafío, a superación, a significación e valoración, a positividade de si mesmo, a responsabilización e finalmente a creatividade. Non imos aquí a profundar en como Castelao concibe cada unha destas etapas no caso do pobo galego, mais si que como isto sen engarza coa súa concepción da historia na liña das teses de Walter Benjamin. Isto é, rexeitamento da visión socialdemócrata desta como progreso e a súa denuncia como unha concepción aliada dos dominantes e, sobre todo, desmobilizadora dos dominados.
Mais non se trata só de nadar a contracorrente, senón, fundamentalmente, de lograr quedarse no sitio até ter ocasión de erguerse de novo. Iso si, a idea de resiliencia presenta en Castelao ese xeito de mudar e adaptarse imaxinativamente ás novas situacións para conseguir este obxectivo. Critica esa concepción tan perversa de esquecer o pasado e deixarse levar cara un futuro glorioso que se desencadeará por si só, sen praxe humana que o provoque: “Eles foron os supersticiosos do progreso. Adoraban o misterio da electricidade no miragre do arco voltaico, creían que a cultura viña polos aramios, ollaban nas máquinas a salvación do mundo...”. E criticaba esa visión porque ademais fai que o inimigo poida pillar ao pobo descoidado. Esa idea da ollada ao pasado para esculcar as sinais que nos permitan estar alerta no presente, esa concepción tan Benjaminiana de estar a espreita, de lembrar os trucos dos adversarios repetidos unha e outra vez ao longo do tempo.
O caso é que o pobo galego por moito que emigrara e recibira capas de etnias diferentes non deixou de seguir estando no mesmo lugar, á beira doutros que unha e outra vez trataron de sometelo até que, finalmente, o conseguiron. Non hai unha rotura biolóxica na especie humana que leve a pensar que van cesar nas súas pretensións de dominación e retirar a súa influencia sobre nós. Si existen logros culturais que tratan de poñer límites as súas ansias desde a perspectiva do recoñecemento dos dominados como iguais. Referímonos, por exemplo, ao concepto de nación. Isto é, a idea de que ao longo da pel do planeta as diferentes colectividades humanas teñen o mesmo status e non hai unhas superiores e outras inferiores que deban ser tuteladas polos máis capaces.
Non sempre existiu a nación pois, até a revolución burguesa, as relacións de conquista e a concepción de que titularidade da propiedade dun Estado se adquiría por ese medio e se transmitía de pais a fillos non daba cabida a ese concepto, e con el, a idea de democracia. Ambos os dous termos fóronse abrindo paso collidos da man. Con todo, o seu nacemento é moi recente, e tardará en asentarse. Tres séculos non son nada para o xénero humano. Mais a idea de resiliencia permite en Castelao e no nacionalismo en xeral remexer nos sedimentos obxectivos que constitúen o corpo do pobo que agora viste o traxe nacional e remontarse até o comezo da humanidade, ou máis exactamente até a orixe da dominación. Neste debate hai quen lle gustaría arrincarnos polo pé e botarnos polo sumidoiro da historia e para iso lle estorban as raíces. Mais Castelao insiste nos límites da plasticidade fronte a aqueles que sosteñen a infinita maleabilidade a vontade do vencedor.
É Castelao primordialista?. Poderíamos conceptualizalo segundo as categorías das ciencias políticas actuais a respecto desta corrente?. Non é esa a cuestión. Moito menos imos demorar en desmontar a súa adscrición unívoca ao concepto de Stalin, esquecendo a súa teoría do plebiscito de sangue co que entronca con Renan, a quen cita expresamente. Se nos demoraramos nas súas achegas que anticipan aos posmodernos e a un Benedict Anderson e veríamos o difícil que resultaría reducilo aos termos gastronómicos nos que se debate a teoría do nacionalismo actual.
A nación, ese invento, ese produto da imaxinación, existe. Pode que non sempre existise porque non se era quen de pensalo polas relacións sociais e materiais que se tiña, mais agora que o é, cobra plena existencia obxectiva. Claro que é un produto humano, mais un angazo non é subxectivo polo feito de que fose inventado nun determinado momento por alguén. Claro que lle hai que botar imaxinación porque non hai un trazo físico que separe unha nación doutra. Mais unha nación non é un capricho arbitrario dunha “intelligentsia”. Hai nación onde hai resiliencia popular. A nación non se crea ex-nihilo. A nación non se impón pola forza dun individuo. A nación é o xeito de erguerse un xunco no contexto actual e onde non hai xunco non hai nación. Aqueles que renuncian a levantar cabeza, senón que prefiren quedar “latentes”, a ficar ocultos no lodo, quixeran afirmar que hai outros xeitos de manter a dignidade que non pase por chamar as cousas polo seu nome. Pensan que polo feito de retirarlle a Galiza o seu carácter de nación facilítase o seu acomodo baixo as alas dalgún invasor. E isto non é unha exclusiva dos de dereita senón que hai quen opta pola esquerda allea, por aquilo de que tranquiliza máis a conciencia a promesa que a traizón vai ser recompensada por un reparto máis equitativo do botín polo espolio ao propio país. Mais a verdade é que, para Castelao, Galiza non pode ser outra cousa que unha nación. E iso fai que xa nada sexa igual.
Saberse nación esixe responsabilizarse do propio ser. Un quixera ser outra cousa. A vontade é o que ten. Ninguén quer ser oprimido. A intensidade con que algún galego pretende ser español contrasta co relaxamento con que se toma isto en Madrid (compárense as bandeiras nos balcóns nun e noutro lugar). Mais é indicativo precisamente da dificultade do galego de conseguilo.
Un non elixe onde nace, pero si ten na súa man asumilo. Iso si o podemos escoller, é mais, estamos na obriga de facelo: optar entre traizoar ou non o que somos. Gustaríanos crer que depende exclusivamente da nosa vontade ser outra cousa. Mais un xunco non se fai nenúfar só polo feito de que se desprenda do chan.
No Alba de Gloria de Castelao atopamos quizais a reflexión máis profunda sobre a resiliencia. Dá conta de determinadas personalidades nas que se condensou o xeito de destilarse unha Terra para producir un espírito senlleiro, describíndonos unha Santa Compaña que nos lembra os “revivals” de moitos pobos derrotados, desde o mesías dos xudeus até o sebastianismo portugués, pasando polas lendas dos indíxenas americanos. Mais -sobre todo na edición de A Nosa Terra do 48- fai unha chamada de atención sobre a distinción entre historia e tradición ao fixar a súa mirada no pobo anónimo protagonista desta última: “vemos xurdir do humus da terra-nai, saturada de cinzas humáns, unha moitedume infinida de luciñas, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que, xuntos, compoñen o substractum insobornable da nosa Patria. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma, a cultura, as artes, os usos e costumes, o feito diferencial de Galiza.” Remata a Alba de Gloria en Bóveda, quen “non perteñece á hestoria, senón á tradición”. Con Bóveda dáse o salto do anonimato ao nome propio sen facer ningunha concesión aos que escriben a historia, aos vencedores, senón que, pola contra, ficando plenamente fixado na tradición do pobo. Fundindo a Castelao con W. Benjamin podemos dicir que está por unha banda a tradición dos vencidos e pola outra a historia dos vencedores. E con Bóveda queda perfectamente fixada a fronteira que delimita ambas ribeiras.
Bóveda puido escoller ser outra cousa para facer durar o seu corpo un pouco máis e optou por seguir a ser quen era e con iso encarnar a resiliencia que o conecta coa autenticidade, coa verdade. Porque no fondo iso é do que se trata. Diante destas situacións un quixera facerse relativista, subxectivista, voluntarista e, en definitiva, escéptico, coma o Francisco Sánchez que vén de sufrir un atentado en Tui como mostra da ignorancia triunfante sobre o propio. Francisco Sánchez, o que non quixo correr a sorte dun Giordano Bruno na fogueira. Bóveda seguramente tamén estivo tentado en afirmar: a verdade non existe, sálvese quen poida!. Mais, que responsabilidade!. Como vivir co peso da culpa de saberse cómplice dun mundo no que se administra a mentira a arbitrio do máis forte?.
E para concluír, permítaseme que copie literalmente a Hannah Arendt para sinalar o obxectivo final deste artigo, a respecto de como a resiliencia sitúa o marco de actuación política pois eu non sería quen de facelo mellor: “o que pretendía mostrar aquí é que toda esa esfera, a pesar da súa grandeza, é limitada - que non envolve a totalidade da existencia do home e do mundo. É limitada por cousas que os homes non poden mudar a vontade. E é apenas respectando os seus propios limites que ese dominio, en que somos libres de actuar e de transformar, pode permanecer intacto, conservar a súa integridade e manter as súas promesas. Conceptualmente, podemos chamar verdade a aquilo que non podemos mudar; metaforicamente, ela é o solo sobre o cal nos mantemos e o ceo que se estende por cima de nós”.

* [Este artigo foi publicado resumido no xornal en papel SERMOS GALIZA, 20/07/2012]

domingo, 25 de julho de 2010

Ou Lenin ou nada


Quizais lembrando aquel “Aut Cesar, aut nihil” que tiña por lema o Borgia que inspirou a Maquiavelo para o seu Príncipe. Pois Cesar Borgia, ao seu xeito e no seu contexto, tratou tamén cos métodos propios do seu tempo e que tan ben describe o politólogo florentino, levar a cabo un proxecto político de grande empaque e de irreversible avance para a humanidade como sería a unificación italiana. Gramsci facía ben en gabar a Maquiavelo por ensinarlle ao pobo como realmente funciona a política amosando as artes que se camuflaban baixo a retórica pomposa do “bonum commune” ocultando os verdadeiros intereses que estaban en xogo.  Mais Borgia, como Maquiavelo, ían por diante da súa época, sobre todo o segundo, a quen puideramos chamar o primeiro nacionalista senón fora que daquela era impensable o mundo neses termos. As nacións terán aínda que agardar até o século XVIII para xurdir como tales, non desde a nada, máis si para algo, isto é, co obxecto de dar sustento a un novo réxime que viña de ser inventado,  a democracia, filla da revolución francesa e da liberación das colonias americanas (salvo que aceptemos coma democracia a escravista ensaiada en Grecia).
O Cesar Borgia que máis nos lembra ao leninismo é o do filme Los Borgia de Antonio Hernández, e máis concretamente a recreación do seu previsible aínda que aprazado final cando logo de gardarse exiliado na Navarra, lonxe das poutas dos seus inimigos, nun arrouto,  bótase a perseguir a uns adversarios do seu cuñado que o acollía, sen agardar a que as súas tropas o acompañaran para preparar o ataque, tal como el sabía facer pola súa formación militar. A sensación que dá nesas imaxes é que o chamado príncipe Valentino, logo de probar a realidade auténtica da política do seu tempo, esgotou a paciencia de verse retirado fóra de xogo, apartado dos escenarios onde se decidía o rumbo da historia, e non aturou máis esa existencia baleira e inoperante do exilio até que rematou por deixarse levar pola espontaneidade suicida de quen logo de ter botado todas as contas como frío e calculador que era, toma consciencia que xa non tiña nada que facer para retomar as rendas dos seus proxectos. Certamente Cesar xa estaba morto antes de botarse contra os homes do Conde Lerín. Quizais desde que envelenaron ao seu pai, o Papa, e con el un aliado fundamental nos seus planos, ou cando se esgotaron as posibilidades de usar a súa irmá Lucrecia como moeda de cambio para tecer novos pautos, o caso é que había tempo que Cesar xa non era o mesmo Cesar, e entón só lle quedaba ser “nihil”, segundo el mesmo proclamaba. Por iso quizais mesmo ese arrouto espontáneo semellaba que respondía a un programa premeditado de autodestrución.
E que terá que ver isto co leninismo? Pois se damos por boa a análise de Gramsci e entendemos que o partido é o Príncipe contemporáneo, entón, o Cesar Borgia sería o equivalente ao partido no renacemento.  E para que lle damos tantas voltas para tratar os problemas contemporáneos? Pois para valorar a importancia da temporalidade, e xa non digamos da espacialidade, a hora de comprender o mundo (o análise concreto da situación concreta).  Mais tamén, de que serve lermos “Cesar Borgia, el hijo del papa” de José Luís Urrutia senón o podemos traducir ás preocupacións e intereses intelectuais de hoxe en día. É un san exercicio leninista detectar o axeitado que é en cada momento unha estratexia política adaptada á formacións social e ao contexto histórico dese intre e pretender tirar conclusións para clarificar o presente. E non hai nada máis antileninista que copiar ao pé da letra as receitas doutro tempo ou doutro lugar, mesmo as que o propio Lenin aplicou para que trunfara a revolución na Rusia do 1917. Se o Cesar Borgia é o partido bolxevique da Italia do quattrocento, cando a primeira vista non teñen nada que ver, como atopar as correspondencias na actualidade sen caer nos elementos aparentes e superficiais que puideran chamarnos a engano pola súa exhibición pomposa ou pola súa ocultación interesada. En definitiva, cal é a esencia do leninismo que Gramsci atopou entre figuras tan afastadas como puidera ser o Valentino e o partido comunista?
Gramsci nun dos seus escritos da cadea que deu en titularse “espontaneidade e dirección consciente” aborda un dos problemas centrais do leninismo, isto é, superar o divorcio entre a dirección e a base, o partido e o pobo, nun proceso no que responder ao inmediato non é incompatible con ser previsor. E recorre a Ilich, como el lle chamaba, non para plaxialo, senón para referendar como nas situacións de crise, a diferenza entre unha superación “progresiva” ou “regresiva” desta depende da asunción da responsabilidade que supón ter coñecemento directo da realidade tamén a través dunha análise dos sentimentos espontáneos das masas sen as cales é imposible ter éxito para levar a cabo calquera mudanza positiva. Para iso pode ser conveniente efectivamente cultivar dita espontaneidade por canto se recoñece que responde a existencia de problemas reais e non ideados por capricho alleo segundo intereses foráneos, mais compre non caer na deserción de abandonar as responsabilidades que se teñen coa escusa de deixarlles todo o protagonismo ao pobo para así lavarse as mans sobre o que aconteza; e moito menos utilizar a apoloxía da espontaneidade como fan os ‘politicastros’-tal como el lle chama- co fin de deslexitimar a dirección actual simplemente polo feito de estar “arriba”, acochando así o obxectivo inconfesable de ocupar o seu lugar.
Gramsci recorda tamén o apoliticismo sindical dos franceses durante os seus trinta anos de pasividade ou o movemento anarquista catalán, e como a súa loita exclusivamente económica era do agrado do sistema –salvo no último caso cando reforzou obxectivamente o “separatismo republicano catalá”. Mais o feito de que haxa alguén que defenda a espontaneidade xa fai imposible a existencia de dita espontaneidade. Unha espontaneidade fomentada non é espontánea.  Detrás dos que promoven dita espontaneidade hai estratexias moi concretas para provocar a compartimentación do conflito e a disociación entre a teoría e a praxe.  Isto último dexenera nun anti-intelectualismo no que se condena a todo aquel que trata de encadrar cada movemento particular dentro dun marco teórico global, cousa que só é posible tamén se por parte dos intelectuais hai unha dispoñibilidade a ocuparse de xeito directo das loitas sociais concretas. En calquera caso o método con que os teóricos apliquen os seus esquemas á realidade non debe limitarse excluír como anomalías ou rarezas aquilo que non encaixa, pois como di Gramsci, “é o teórico o que debe identificar nesas rarezas a confirmación da súa teoría, traducir a linguaxe teórica os elementos da vida histórica, e non ao revés, esixir que a realidade se presente segundo o esquema abstracto”. En definitiva, o problema non é que só se afaste aos “pensadores” dos movementos sociais ou que estes se autoesclúan nas súas peregrinas preocupacións eruditas, senón que se remata por descartar ao propio pensamento do proceso de actuación social. Entendendo por pensamento relacionar a parte co todo ou identificar as contradicións principais que fan cambiar o mundo en sentido positivo. Porque nada disto preocupa ao espontaneista.
A historia danos moitos exemplos –a verdade que son a maioría- de como os movementos espontáneos derivaron en efectos regresivos. Quizais compre seguir a citar ao filósofo italiano: “Descoidar -e aínda máis, desprezar- os movementos chamados espontáneos, ou sexa, renunciar a darlles unha dirección consciente, a elevalos a un plano superior inseríndoos na política, pode a miúdo ter consecuencias serias e graves. Ocorre case sempre que un movemento, espontáneo das clases subalternas coincide cun movemento reaccionario da dereita da clase dominante, e ambos por motivos concomitantes: por exemplo, unha crises económica determina descontentos nas clases subalternas e movementos espontáneos de masas, por unha banda, e, por outra, determina complots dos grupos reaccionarios, que se aproveitan da debilitación obxectiva do goberno; para tentar golpes de estado”
Efectivamente así foi en numerosas ocasións. Por iso a defensa que se fai na actualidade da espontaneidade nos termos de renunciar a comprender a realidade e a intervir nela de xeito organizado, non é un alegato inocente.
A miúdo acusouse ao leninismo de paternalismo, de tratar de dirixir ao conxunto desde un grupo minoritario de xeito antidemocrático, de impoñer pola forza determinado tipo de consignas, e no cumio do que molesta do leninismo está a “disciplina” exposta como unha renuncia a pensar por si propio. Certo que as caricaturas que se lle fan nestes imputacións retratan a miúdo a quen as lanza e nada teñen que ver co que representaba o ideario de Lenin, e só pretende a descalificación do leninista como demócrata, como persoa libre e reflexiva, mesmo como ser humano ao debuxalo en termos maquinistas.
Os esponteneistas sempre logran amosar aos “organizados” como espurios grazas a atribución que se lle fai de responder a unha disciplina allea: se obedecen o que lles mandan desde fóra entón non teñen dereito a participar, se participan o que digan non ten valor, se votan o seu sufraxio non responde á súa vontade e polo tanto non ten lexitimidade. Os espontaneistas ou antisiglas logran trunfar diante das masas con estes argumentos porque xogan con vantaxe, a diferencia deles os leninistas non ocultan as súas cartas. Os espontaneistas en cambio acochan a dirección que pretenden dar as cousas e esconden a súa implicación con estruturas afastadas das masas. Mais o caso é que a miúdo conseguen que a xente lles faga caso e se até un determinado momento non daban importancia ou non se decataran da membrecía partidaria de alguén, a partires da denuncia do espontaneísta, xa nada do que faga o “disciplinado” terá o mesmo sentido. O espontaneista consegue así neutralizar calquera conexión do conflito local ou sectorial co confronto global. Rachase o vencello e sobre todo córtase a comunicación. Pois a dirección consciente sen esa comunicación non é consciente de nada pois dirixir para un leninista é relacionar, contrastar información, contextualizar no conxunto. Porque ao fin, é obvio que o elemento organizado, o afiliado, o militante político, coa súa participación nos movementos de masas non é quen de obrigar aos demais a facer o que el quere tal como ridiculamente é presentado polo espontaneísta, mais sen esa conexión o que está claro é que se desintegra a acción colectiva na fragmentación solipsista e á larga coa perda de vista do conxunto quizais está a facérselle o xogo ao inimigo e traballando en contra dos obxectivos que un movemento espontáneo declara posuír.
Lembremos a definición que fai Gramsci neste texto: “a disciplina é a unidade da espontaneidade coa dirección consciente”. É esa unidade a que pretende destruír o espontaneista e non o feito de que haxa uns que manden e outros que obedezan pois precisamente unha vez que se fende ese vencello entón si que o que queda no sitio é unha submisión caudillista a través da conexión emocional cun líder non sometido a ningún tipo de control democrático orgánico. Efectivamente, para Lenin, como di no seu Que facer?, “a vangarda cumpre as súas tarefas como tal vangarda só cando sabe non illarse da masa que dirixe”. Mais a función fundamental desta vangarda é ter unha visión de conxunto, contrastar os seus datos cos do resto para facerse unha composición de lugar o máis ampla posible para evitar que a cegueira local ou sectorial nos impida apreciar as consecuencias dunha determinada loita. En definitiva, fronte ao anonimato que dá impunidade o leninista quer dar a cara e asumir as responsabilidade, contra a disolución das ideoloxías trata de formalizar as sensibilidades e  combatendo as identificacións emocionais busca racionalizar as relacións co fin de organizar do xeito máis adecuado a cada contexto a intervención no mundo para transformalo.
Para conseguir esa unidade que o espontaneista pretende destruír a través das barreiras preventivas que coloca contra todo militante político, é certo que compre escoitar á xente, adaptarse ao seu nivel de consciencia, responder as súas queixas puntuais, mais non se pode perder de vista o proxecto global e estar prevido de que o pobo está condicionado á súa vez polo poder que conforma a súa conciencia e os seus desexos. Castelao no seu Diario 1921 reflexiona moito sobre isto a respecto do arte e distingue entre o gosto e o parecer do pobo, o gosto popular as veces está deturpado e contaminado polo poder que inflúe nel logrando que se apunte a unha determinada moda, o que el chama, o parecer de cada momento. O gosto é algo máis estrutural que un demócrata auténtico, un nacionalista, como Castelao era quen de saber pescudar co fin de conectar con el.  Dalgún xeito Bóveda e Castelao lograron ese ideal leninista de fundirse co pobo sen confundirse nin confundilo.
Mais para os antileninistas que predican o divorcio entre os movementos sociais e o partido político, entre a espontaneidade dun conflito e a súa orientación dirixida, entre o local e o nacional, entre o sectorial e o global, habería que preguntarlle que queda no sitio unha vez derrubado Lenin. O caso é que este labor de demolición non vai acompañado de ningún plano alternativo, ao fin deixan baleiro o terreo que pasa a ser ocupado pola reacción que pouco a pouco vai tomando posicións.
Na arroutada desesperada por inmolarse de Cesar Borgia apreciabamos certa planificación que tampouco é allea aos que cantan a espontaneidade do pobo fronte a supervivencia dos partidos políticos cos seus por eles chamados “vicios” leninistas. É ben certo que tal como está o “parecer” do pobo é difícil navegar a contracorrente na defensa da militancia política partidaria con todo o que iso comporta de “disciplina”, acción colexiada, participación na vida orgánica e intervención organizada nos movementos sociais desde unha perspectiva leninista. Mais o caso é que se Cesar Borgia quedou anulado en vida como instrumento do cambio social, e pasou de ser todo a non ser nada como reza o seu epitafio, de momento aínda non se inventou outra ferramenta máis axeitada de transformar a sociedade que non sexa o partido nos termos inspirados pola obra do devandito pensador ruso que foi quen a través del de levar á práctica as súas ideas e recoller nas súas ideas a experiencia da súa práctica.



Publicado en Guieiro, nº 31. 2010