Vídeos

sexta-feira, 5 de outubro de 2012

Eric Hobsbawm, un adeus desde o nacionalismo

Quizais a dilatada e rica traxectoria de Hobsbawm permitirá valorar -como procede nestes casos- a unha persoa recentemente falecida, fixándose naqueles aspectos positivos que cada quen queira atopar. Así vimos subliñar as súas achegas ao novo laborismo que desembocaría en Toni Blair ou tamén as súas críticas a este pola guerra de Iraq apesares de concederlle unha das máis altas distincións da Grande Bretaña. Efectivamente, temos onde escoller nas distintas etapas da súa longa vida e obra para participar nas honras fúnebres do xeito máis decoroso. Poderíamos quedarnos coa súa aposta por un modelo de historia social que mantén a frescura do marxismo máis xenuíno que nos desentraña moitos procesos complexos fronte a uns neohistoriadores que reparan nas frangullas e se disolven nas estatísticas para ocultar a autonomía da loita política e a clarificación do seu papel nos cambios sociais. Historiadores para os que a revolución francesa non existiu senón que só asistimos a un mero cambio no concepto de propiedade da terra que é anterior á posta en marcha da guillotina. Tamén temos oportunidade de apreciar a súa achegan en obras como “Rebeldes primitivos” a poñer sobre a mesa esas sociedades sen historia, uns grupos en liorta que non encaixan no mecanicismo vulgar marxista que admite unha soa liña de evolución e progreso. Mais sobre todo faríamos fincapé na súa militancia. Ese leninismo científico de tratar de socializar os coñecementos como instrumento de intervención no mundo. Hobsbawm non escribía só para ser lido e entendido polos seus colegas de profesión para gañar a súa aprobación e aplauso, potenciando a súa carreira académica. É un exemplo de autor útil ao servizo da autocomprensión dos movementos sociais e políticos do noso tempo. Mais non sería honesto intelectualmente dar por mortas as polémicas que abriu e despachar ritualmente unha figura da súa relevancia para o debate teórico actual sen indicar algunhas discrepancias de bulto: A posición de Hobsbawm a respecto do nacionalismo.
Pode resultar de mal gosto debater con alguén que vén de morrer, mais é obvio que aínda que estivera vivo non ía ler e contestar estas páxinas, e, sobre todo non ía dar entidade ao que un nacionalista puidera dicir pois -como indica na obra a que nos imos referir- un nacionalista non está autorizado para abordar esta materia que debe quedar en mans de profesionais da historia. Parece que esta prevención é bastante habitual entre os teóricos deste tema pois xa o topamos no adro do libro de Kedourie e sobre todo na práctica universitaria sectaria e excluínte coa que se enfronta esta cuestión. Que pensaría Hobsbawm se lle dixeran que a súa profunda obra sobre o comunismo quedaba descartada por ser escrita por un comunista?. Ou que debemos desprezar “O segundo sexo” por ser dunha autora feminista?. A que se debe esta mala conciencia?.
Seguramente o marxismo con que acomete outras temáticas ten que pasarlle factura ao suspender intermitentemente a aplicación desta metodoloxía segundo lle convén co fin de acadar as teses que pretende soster. É mais, nesta cuestión é bastante discutíbel a etiquetaxe de esquerdas co que se arrumba a este autor xunto con Benedict Anderson como “construtivistas” e se enfronta cos “primordialistas” e “perennialistas” que se lles imputa ser de dereitas. É discutíbel isto polo antinacionalismo que destila os seus textos nun momento histórico no que precisamente non hai nada máis de esquerdas que ser nacionalista a pesares do seu anuncio do declive do Estado-Nación e do mesmo nacionalismo equiparándose coa curuxa de Hegel que levanta o voo cando remata o día. É de supoñer que encaixaría mal no seu modelo teórico e nas súa afinidades emocionais o que está acontecendo na Escocia e no Quebec.
A esquerda ten que ver coa toma de partido a prol dos oprimidos e a favor da superación das relacións de dominación cara unha sociedade máis xusta e igualitaria, e é obvio que en moitas dimensións da súa vida ese foi o perfil de Hobsbawm. Mais cantos de esquerda na cuestión de clase esquecen ese posicionamento noutros ámbitos como é o de xénero?. Debemos estender a súa clasificación a todos os campos independentemente da súa posición ou denunciar a incoherencia?.
O problema non é que Hobsbawm sexa construtivista, pois tamén o é Benedict Anderson e del non tiramos as mesmas conclusións. Non dixo Simone de Beauvoir “non se nace muller, chégase a selo” mais non por iso a deixamos de situar á esquerda. Hobsbawm deserta ao noso xuízo da esquerda porque na súa denuncia do carácter inventado das nacións o autor do libro “Nacións e nacionalismo desde 1780” administra a súa erudición para fixar exemplos discrecionais que o conducen a conformar un concepto de nación e de nacionalismo borroso – ou nebuloso segundo a súa terminoloxía- que se presta a asociacións interesadas para construír unha narrativa lexitimadora dos seus preconceitos e a desautorización do dereito de autodeterminación. Mais abonda con confrontalo coa consecuencia dos seus presupostos para que el mesmo se decate -resituandose na esquerda que nunca debeu abandonar- que “as posibilidades de que unha soa autoridade global desempeñe unha función política e militar eficaz son igual a cero”.
O nacionalismo ten moito que agradecerlle pois hoxe as súas documentadas críticas son esenciais para o desenvolvemento desta teoría emancipadora. Que ninguén cometa o erro de tomar esta esquemática e simplista discrepancia como unha recomendación para non léelo. É todo o contrario. E quizais con iso, ao fin, cumprimos co que procede nestes casos de renderlle homenaxe agradecéndolle que lle tivera prestado atención a este movemento político que a pesares dos seus vaticinios segue máis vivo e activo que nunca.

Sem comentários:

Enviar um comentário