Vídeos

domingo, 5 de outubro de 2014

Cando ser de esquerdas non é escusa para desertar da nación

As afinidades de Picallo no ideolóxico (socialista) e no persoal (no republicanismo español) fixeron que se dubidase da súa lealdade nacionalista. Confesou nunha carta do 1940 “Sigo mantendo dous principios: Galiza sobre todas as cousas; e despois os meus amigos persoais, intelectuais e espirituais...". Recoñece o condicionante que ten no seu ánimo as relacións afectivas, mais deixa clara a súa prioridade. Vexamos como na xestión das súa rede de amizades e tamén no plano teórico prima o servizo a Galiza.
Ter un ideario sobre o modelo social xa fai que se lle asigne á organización estatal que di posuílo. Mesmo se presenta como incompatíbel coa pertenza a forzas galegas nas que se convive con persoas de sensibilidade diferente. Así usase eses idearios como instrumento desnacionalizador galego ao mesmo tempo que se recruta sen necesidade de xustificalo a quen os posúe ao servizo do centralismo. O poder, desde a súa posición dominante adxudícase sempre a si mesmo o espazo neutro mais nisto, nas realidades plurinacionais, como no demais, esa neutralidade é unha toma de partido a prol do hexemónico.
Picallo viña da militancia socialista e comunista na Arxentina, chegou a través do republicanismo da ORGA a Galiza, mais veu coa clara intención de traballar a prol da soberanía para o país. Por iso, cando esta organización virou cara unha forza estatal e relegou o obxectivo do autogoberno, el ficou nas filas do Partido Galeguista. Subordinou calquera outra opinión que o afastase dos seus correlixionarios nacionalistas ao fin de acadar o poder para a nosa Terra. Deixouno claro na IV Asemblea do Partido Galeguista no 35, cando polemizou con Otero Pedrayo sobre o marxismo, ao soster que a pesares el provir desa corrente ideolóxica e ter esa sensibilidade de esquerdas consideraba que o Partido non podía definirse por unha soa ideoloxía por ter que asumir a respresentación de toda unha nación e ser esta plural, o que non quita que nos confrontos que están a darse no mundo se vexa na obriga de ter que escoller bando e loxicamente opte polos oprimidos antes que cos opresores. E é así que no 18 de xullo toma partido xunto coa España progresista, mais en ningún momento se dilúe nela, sendo unha das súas preocupacións que se visibilize a Galiza democrática, e para iso animou publicacións (“Nova Galiza”) ou mesmo forzas armadas con distintivos propios.
A Suárez Picallo cóllelle o golpe militar en Madrid e desde o primeiro día ponse a traballar incesantemente a prol da vitoria antifascista desde posicións galeguistas. O 20 de xullo, xunto con Castelao, crea as Milicias Galegas con preto dun millar de paisanos que entran en combate axiña para frear o avance dos militares contra a capital. Ao mesmo tempo participa na constitución dunha estrutura provisional de Dirección do Partido Galeguista no exterior, dada a imposibilidade deste desenvolverse na Terra, e tamén a Consello Galego de Galeusca co fin de coordinarse con Vascos e Cataláns a hora de participar na loita republicana desde a propia perspectiva de defensa dos dereitos nacionais dos tres países. Isto tería consecuencias na rotura de relacións preferentes con Izquierda Republicana (ao ficar fora do seu grupo por apoiar o PG ao Estatuto Vasco) mais tratouse de establecer lazos con todo o republicanismo español apoiándose naquelas personalidades máis proclives a comprensión do nacionalismo. É de subliñar o caso Martínez Barrio (que será fundamental para a tramitación do Estatuto nas Cortes de Montserrat logo da manobra dilatoria nas de Valencia para non constituír a Comisión), mais non houbo ningunha organización do abano democrático coas que tiveran escrúpulos a colaborar, mesmo a masonería (que será fundamental para -por exemplo- atopar o Estatuto Galego perdido en Madrid).
Botase man das relacións persoais tamén cos afíns. Compre lembrar que os galeguistas, xa instalados en Barcelona coa sede do Partido e do Consello de Galeusca, tamén atoparon un trato diferente do nacionalismo Vasco e Catalán segundo con que personalidade trataran. Irujo chibábase a Largo Caballero das xestións que estaba a facer Castelao diante dos seus “amigos” no goberno Vasco cara promover un desembarco na Galiza, e na Generalidat é Companys en persoa xunto con Miratvilles quen finalmente porá o aparello de propaganda do seu goberno e un local ao servizo dos Galeguistas, fronte a actitude dun Tarradellas ou mesmo Pi y Sunyer que lle dan largas.
Fálase das relacións fraternas de Picallo cos anarquistas na fronte de Aragón que lle levarán a aliñarse con eles e mesmo se lle imputa a esta época ingresar no anticomunismo, mais serán precisamente os comunistas quen logre enviar a Castelao de xira de propaganda a prol da República a América tal como demandaban os galeguistas.
Picallo asume en Barcelona a Secretaría Xeral do PG e, cando se vai Castelao a Unión Soviética, é el quen presidirá o partido. Certo que logo da guerra se produce un enfrontamento con Castelao que desemboca mesmo no insulto cruel. Ambos os dous tiñan unha posición diferente a respecto dos bandos nos que se dividiron os republicanos españois derrotados. Suárez Picallo asina o manifesto da Junta Española de Liberación (JEL) de Prieto mentres Castelao non está disposto a unir a causa galega a ningún dos pleiteantes españois que disputaban a herdanza do réxime democrático. Mais será Picallo quen poña a Prieto no seu sitio nas Cortes de México cando este tentou, máis unha vez, facer descarrilar o Estatuto Galego.
A guerra afectou moito o ánimo de Picallo, sobre todo o asasinato do seu irmá que lle pesará coma unha lousa toda a súa vida. Durante a guerra fixo amigos e inimigos propios de situacións extremas e circunstancias terríbeis. O certo é que a fractura na esquerda española era tal que as veces o máis mínimo xesto xa era motivo de reproche por estar ao servizo dunha ou outra facción. Lembremos como o propio Castelao non puido librarse diso ao acusárselle de “piltrafa comunista” polas súas relacións cordiais co PCE. Mais Picallo, ao igual que Castelao, por enriba de todo estiveron ao servizo de Galiza sen que iso lles implicara renegar das súas conviccións.
O que se puxo imposíbel era ser leal a Galiza e ao mesmo tempo militar nas forzas estatais. Soto, Elpidio Villaverde, Marcial Fernández e outros acabaron abandonando a obediencia a forzas alleas para apoiar a causa galega. Nada que ver con outros, sobre todo no PSOE co Manuel Cordero que nas Cortes de Montserrat foi un dos argallantes contra o Estatuto Galego, ou Pedro Longueira, quen en México foi o galego deste partido encargado de facer ese papel.
Suárez Picallo, lembrou en Mexico a súa colaboración con Quintanilla e outros militantes do PSOE nos mitins pro Estatuto, mesmo apelou ao seu activismo sindicalista e a súa sensibilidade de esquerdas, mais coa pretensión de desbaratar a manobra deste partido español. O seu ideario social ou as súas discrepancias con outros galeguistas (Bóveda, Castelao, Otero, etc....) durante toda a súa vida, mesmo a súa amizade intima cun Blanco Amor que se confrontaba publicamente co PG, non poden alegarse a favor dun abandono das posicións nacionalistas. A actuación no Consello de Galiza (do que será o seu animador logo da morte de Castelao) e, sobre todo, coa súa participación en Galeusca, colócano fóra de calquera adhesión a forzas españolas pois ningunha delas recoñecía estas entidades. É mais, todas elas eran abertamente hostís. De feito, é a súa lealdade a estas institucións e a súa fidelidade aos principios do nacionalismo que o afastan dun galeguismo do interior que non só non recoñecía ao Consello de Galiza senón que renunciaba a formulación propiamente política do galeguismo como tal nacionalismo. A fenda aberta por Piñeiro que abandonaba o nacionalismo para rematar no PSOE non foi seguida por Suárez Picallo porque el non estaba disposto a claudicar e subsumirse en alternativas españolas nas que o noso pobo quedara invisibilizado e descalificado para acreditar en si mesmo. Suárez Picallo coa súa actuación na Irmandade Galega, no Congreso da Emigración, como responsábel de Relacións Exteriores do Consello de Galiza, como activista cultural e social, até os seus últimos días mantivo firme a súa lealdade a Terra. É de xustiza que un país lembre a quen nunca o traizoou.

Publicado no Sermos Galiza, 116. AFONDO nº 81. 2 de outubro de 2004

domingo, 13 de julho de 2014

Filgueira e o franquismo


O problema non é se Filgueira asasinou a Bóveda ou non, tal como pretende situar os termos do debate unha “Voz” que gosta de presentar o nacionalismo como unha enfermidade irracional padecida por infrahumanos que se matan entre si. A cuestión é si no Estado Español se respectan os dereitos humanos. E, sobre todo, en que medida este debate previo condiciona calquera outro sobre a lingua e literatura que puidera haber e no cal eu non vou entrar por entender que quen está tras desta controvertida proposta non esta movido polo seu interese pola lingua ou a literatura galega.

Pois ben, pode parecer moi atrevido mais eu considero que na situación actual non vivimos nun Estado normal no que se poida afirmar que expiou o seu pecado orixinal e tronzara o seu cordón umbilical co pasado do réxime criminal do que procede e, xa que logo, non se dan as circunstancias para que unha iniciativa coma esta careza de repercusión na consolidación e avance da loita pola memoria e, en definitiva, polos dereitos humanos. 

Sen entrar en leas filosóficas ou subxectivistas sobre o que son dereitos humanos, simplemente remitámonos ás impresións previas que tirou o relator da ONU Pablo de Greiff en cada un dos seus mandatos.

Dereito a verdade

Temos un sistema de acceso discrecional aos arquivos que impide coñecer os crimes do franquismo e de calquera outra feito máis recente que afecta de xeito decisivo a nosa historia. Hai pouco polemizábase polo tratamento de menores de idade recibido polos cidadáns deste Estado cando aínda hoxe se lle restrinxía o acceso as gravacións e documentos relacionados co 23 F. Instalados na opacidade herdada non lles custou aplicar a democracia o que tiñan reservado para o esquecemento do totalitarismo. Mais o caso é que calquera que pretenda acceder as Causas Xudiciais e fichas que puideran botar luz sobre o acontecido no franquismo topará uns limites temporais para ser autorizados ou mesmo uns borranchos acochando nomes de represores que ninguén se pode imaxinar que suceda logo da caída de calquera réxime de terror que se considere ilexítimo. Mais aplícaselle ao franquismo a mesma lexislación de protección de datos que ao que acontece no réxime actual porque no fondo considérase que merecen o mesmo respecto ambos escenarios. Non se pretende un distanciamento do marco franquista alén de consideralo unha solución excepcional porque no fondo preténdese manter a referencia de non descartabilidade no futuro, polo que merece toda a lexitimidade como resposta a posíbeis ameazas as hexemonías existentes. É sabido que se hai algo que poida frear un xenocidio é a perspectiva de que estas vergoñas se destapen e se amose a auténtica faciana xunto coas mans ensanguentadas de quen se considera gobernante por consentimento popular.

Impunidade

A vixencia no ordenamento xurídico español da lei de amnistía do ano 77 é un escándalo mundial que ano tras ano leva a que se lle aperciba por manter a impunidade cara uns crimes que todos os tratados internacionais consideran imprescritíbeis. Mais a ilegalidade dos crimes contra a humanidade cometidos polo franquismo supoñía a ilegalización do franquismo e, xa que logo, a reforma democrática feita desde dentro dos propios límites que impoñía a ditadura. O problema é que a esquerda española non aceptou a “reconciliación nacional” só como un elemento transitorio no que apoiarse senón como fundamento estrutural do actual sistema democrático. Isto é, a “reconciliación nacional” é un ben superior, certo, mais non eterno e moito menos ao que haxa que subordinar de xeito permanente un sistema que garda na súa manga a tortura e a desaparición forzosa como algo que só se considera inadmisíbel en determinadas circunstancias como as que hoxe gozamos, mais que son aceptábeis noutras.

Reparación

A miúdo emprégase alegremente iso de que “antes se prohibía el gallego y ahora se prohibe el castellano” ou “todos mataban”, “Carrillo también hizo de las suyas” e outras frases que temos lido ou escoitado no mesmo sentido de evitar dúas cuestións claves para a superación do franquismo: O recoñecemento da culpa e a compensación as vítimas. As vítimas da represión do “outro bando”xa foron resarcidas de sobra -mesmo si se entendese esta como vinganza- co asasinato, prisión, persecución e exilio dos seus executores, por iso non deben usarse a estes como escusa. As equiparacións que se fan é unha perpetuación da represión: Non só se asasinou, deixou sen traballo, expulsouse ao exilio, etc. a quen escribira en galego senón que por enriba agora se banaliza isto ao comparalo cun Decreto que non xerou ningún expediente ou sanción e que só ordenaba o currículo co fin de que os alumnos adquiriran competencia en ambas as dúas linguas. E non se trata de indemnizacións ou devolución de incautacións. Compre insistir en que non se resarciu as vítimas nin sequera no máis barato: nun Estado onde tanto se fala de transición modélica porque se perdoou todo topámonos co paradoxo de que é o único lugar no que ninguén pediu perdón. É o mínimo que se lle podía esixir.

Non repetición

Porque non se actúa nos anteriores puntos, pois porque se pretenden manter presente a ameaza. Non hai ningunha vontade de asentar na sociedade a idea de que o franquismo é irrepetíbel senón que se quere condicionar a xente polo medo a que volvan as andadas como alguén se desvíe do rego que se lle marca ( e isto non só vai por Cataluña). 

O tratamento dos lugares da memoria ou o xeito no que asistimos a xestión do fin da violencia de ETA supón asentar unha ontoloxía política na conciencia popular que naturalice a desigualdade e xustifique as agresións contra os desobedientes xa que a violencia é en última instancia o único xeito de resolver os conflitos nas relacións xerárquicas.  Como se pode xustificar que Otegui e outros catro presos vascos estean no cárcere polo delito de tentar reconstruír un grupo político (Batasuna) aínda que non cometera ningún acto violento nin estivera relacionado con quen os cometeu e ao mesmo tempo se considere que un ministro de Franco coma Fraga mereza ter dedicados centros de ensino, rúas, pontes, prazas, etc?
Se o Val dos Caídos e outras moitas iconas do réxime se conservan (como a rúa principal do meu concello dedicada a Calvo Sotelo) mentres se quer borrar o rastro do sucedido en San Simón é porque se quer fundamentar que non todos somos iguais. Uns son enterrados coma porcos, e xa que logo non merecen nin que se retiren os seus restos das foxas comúns, mentres outros – os asasinos coma Franco – teñen un mausoleo intocábel. E tal como se trata ao mortos, así se pretende que sexan considerados os vivos.

E é neste contexto e non outro no que se lle dedica o Día das Letras Galegas a Filgueira. Podía noutras circunstancias aceptarse este nomeamento polos méritos estritamente literarios do autor?. Pode ser. Obviamente, dentro das lóxicas discrepancias que puidera haber sobre a calidade da súa obra. Mais nestes momentos é inaceptábel porque non podemos falar do franquismo como do feudalismo a respecto da dedicación a Alfonso X o Sabio desta data, e non é comparábel compartir algunhas ideas conservadoras co réxime -como puideron facer moitos outros autores que foron homenaxeados- como o feito de aceptar cargos políticos da embergadura dos que asumiu Filgueira que supoñía acatar o réxime no seu conxunto, sobre todo, ao non presentar a súa renuncia en ningún momento a representar un Estado que até o último alento cometía crimes, mesmo recoñecéndolle o non ter el executado ningún. 
Que quede claro que non foi quen fusilou a Bóveda (por se quedaran dúbidas aos da Voz). Mais do que se trata non é de xulgar a Filgueira, tal como pretende facer quen non quere xulgar ao franquismo. Un xuízo e condena que segue a quedar pendente. Fronte ao que non podemos aceptar sen mais que se aproveite unha homenaxe como esta para lexitimalo aínda máis.

En definitiva, mentres non se cumpran os catro mandatos anteriores (Dereito a verdade, eliminación da impunidade, reparación e non repetición) moitos non podemos render tributo a Filgueira sen ter a sensación de estar a contribuír a perpetuar a anomalía na que vivimos, e xa que logo, non podemos concordar con que se lle dedique o día das letras galegas.

quarta-feira, 19 de março de 2014

Sempre en Galiza ou só cando convén

Castelao pintando negros e Piñeiro facendo política de alturas
Na carta que no 1940 envía Ramón Piñeiro a Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Sei) informando como queda o panorama galeguista de posguerra enumera a situación de cada quen facendo a seguinte referencia ao daquela Xefe do nacionalismo galego (así nomeado polo galeguismo desterrado no 1939): “Castelao está en New-York faguendo dibuxos de negros”. Esta imaxe, mesmo podemos dicir caricatura, ben pode ilustrar as posicións tan distantes ideoloxicamente, e a percepción que se tiña a respecto de quen non deixaba de ser nacionalista alí onde estivera rachando co eurocentrismo imperialista que nega igual status aos diversos grupos sociais nos que a creatividade humana nos diferenciou. É a visión de quen renega da teoría nacionalista por “decimonónica”, pois fascinado polas luces dun occidente triunfante só aspira a recadar un amparo paternalista a cambio dunha adhesión entusiasta.
E isto non sería un problema se non fora porque ambos os dous encabezan un mesmo partido, se ben en espazos diferenciados, un no exterior outro no interior. O que nos leva a preguntar: que fai un non-nacionalista, ou mellor, anti-nacionalista nun partido nacionalista?. Pois a resposta é obvia: tratar de cambialo aproveitando a estrutura de oportunidades políticas que lle proporciona a represión franquista.
Cando se reorganiza, da man de Ramón Piñeiro, o Partido Galeguista na Terra, o seu grupo terá que neutralizar a ascendencia que aínda mantiña Castelao sobre os superviventes na Galiza que permanecían fieis ao ideario de preguerra. Poñía na convocatoria da xuntanza de Coruxo do 22 de xullo de 1943: “coincidiremos eiqui todos os parentes máis cercanos de Daniel pra ver a quen convén encargarlle a administración da súa herencia”. Termos que eran algo máis que unha clave clandestina, pois Daniel Castelao seguía a ser o referente que podía chamar a todos. Agora ben, Piñeiro que non considera a Galiza unha nación nin que esta tivera dereito a autodeterminación, sería quen pilotaría os restos da estrutura que nos seus estatutos mantiña estes principios básicos. Mais o reto non era mudar o que puxeran os papeis, senón facerlle fronte a un referente vivo que encarnaba o devandito ideario. Cumpría desactivalo politicamente desviando a atención cara o feito da súa “xenialidade” artística e desprestixiar o seu “olfacto” político, presentándoo como un diletante ben intencionado que acaba sendo manexado por hábiles conspiradores como son os comunistas. En definitiva, controlando e manipulando a información.
Ben-Cho-Sei queixarase no 1941 de que non lle permitan acceder directamente ao líder, anotando así unha conversa con Alvaro Xil:
“Chamoume moito a atención o que desviase a conversa procurando cambiar de asunto cando lle pedín me dese a direición do Castelao. Aquelo fíxome a impresión de que quixese ser íl o único enlace entre os exilados na Arxentina e os que eiquí sufrimos; de que pretendese seguir no posto direitivo que tiña no 36”.
A estas alturas xa está de abondo clarificado os termos do confronto histórico entre interior e exilio (Institucionalización no Consello de Galiza/non recoñecemento deste no interior, Galeusca no exterior/ANFD pro socialista e anarquista no interior, defensa dos dereitos adquiridos na república no exilio/pacto cos monárquicos no interior, etc.). Mais iso podería ficar no campo do conxuntural e interpretativo senón houbese unha formulación teórica que lonxe de facer elucubracións abstractas, extrae as súas conclusións da experiencia mesmo persoal: O “Sempre en Galiza”. Porque en política, como agora é sabido, o difícil non é pasar das palabras aos feitos, senón ao revés, formalizar e fixar institucionalmente en termos precisos o que son emocións e sentimentos propios da acción combatente. Por iso a bomba de reloxería que deixaría Castelao aos que lle roubaron o partido no interior non podía ser outra que un libro. Lembremos o que dicía o anteriormente citado ao que tiñan vedado o contacto con Castelao cando chega as súas mans esta obra:
“A lectura do libro de Castelao “Sempre en Galiza” vólvese aos tempos da nova loita polo trunfo do galeguismo. A sua primeira parte érame conocida porque a pubricou na “Nosa Terra” baixo o epígrafe de “Verbas de Chumbo·, na segunda recolle unha serie de artigos escritos en defensa de Galiza, do Galeguismo e do Estatuto, que foron pubricados no semanario “Nueva Galicia” nos que pon de manifesto po profundo da sua convicción, a verdade da sua doctrina e o inxenioso dos argumentos con que a defende. É un libro escrito con sangue do meu corazón polo martirio da nosa patria e dos nosos amigos bós e xenerosos. No que levo leido do terceiro libro pon de manifesto o barullo que reinou entre os republicáns perante a guerra e a incompresnión dos políticos centralistas. Polo que se desprende da lectura a nemiga contra de Galicia é xeral entre os políticos de calqueira banda que sexan, e tan unificadores se mostraron os socialistas e os seudo demócratas como os falanxistas. Todos coinciden nos aldraxes e desprecio a Galicia. O inconcebible é que nesta obra de descreto figuren decote xentes nacidas aló, o tráxico para Galicia é que son fillos seus os que mais se distinguen na tarefa da desgaleguización da sua nai, empresa na que coinciden e prarecen rivalizar os Franco, os Casares Quiroga, os Calvo Sotelo e todolos satélites e seguidores dos uns e dos outros. Todos iles compórtanse como señoritos vilegos que renegan da terra nai. ¡Triste destino o do noso pobo!”. (25 de decembro de 1944)
Non era doado para os nacionalistas auténticos ter novas de Castelao. Tiñan que botar contas a partires doutros datos para deducir a súa posición. Lembremos o que anota Ben-Cho-Sei no seu diario o 13 de novembro de 1945.
“Parece que ao fin formouse o Goberno republicán español en México e que falaron varios diputados, entre iles o Castelao, o que quer decir que atenden as ordes do Partido. Polo visto Prieto manifestouse en contra de Galicia unha vez mais. Eu non me explico por qué iste home, que ten talento para outras cousas, se pecha diste xeito para ver as cousas da nosa terra. Para min é un dos piores nemigos que temos de Galicia. Xa por culpa sua armouse aquelo dos mariscos e sigue cada vez mais torpe para nos enxerguer, a non ser que podia nil mais o esprito centralista que o do seu partido”
Claro que Castelao permaneceu fiel ao partido, o problema foi que o seu partido -nas mans de Piñeiro- non permaneceu fiel a el e ao nacionalismo diluíndose e entrando individualmente nese que tan ben describe Fernández Oxea na anterior anotación, isto é: Ramón Piñeiro rematou de Deputado do PSOE como coherentemente era de agardar que acabara, mágoa que non empezara xa por aí.

Publicado no Sermos Galiza
Caderno de análise. Quinta-feira, 13 de marzo de 2014 • Número 58

quinta-feira, 6 de fevereiro de 2014

Cara unha ética de empresa no ensino

Certo que a relixión debera estar fóra da escola. Mais se nos deixamos enredar polas oportunistamente rescatadas liortas anticlericais de quen -cando tiña responsabilidades- non denunciou o Concordato, fixo estender a Relixión até 2º de Bacharelato e impediu que se impartira fóra do horario lectivo a pesar de adecuarse esta proposta do CIG-Ensino ao marco legal vixente, quizais nos desvíe a mirada do chamado currículo oculto que por primeira vez se presenta de xeito público e visíbel. Ou é que o apartado “A filosofía e a empresa como proxecto racional” non é suficientemente explícito?.
Nos momentos de crise é moi doado promover a cultura da teoría da conspiración para que a xente trate de buscar conexións ocultas que expliquen uns feitos tan irracionais como os que padece. E así cada quen constrúe no seu imaxinario os seus diferentes monstros a medida subxectiva. Mais se algo ten de bo este PP sen complexos é o striptease co que se presenta en sociedade, amosando claramente as intencións dunhas actuacións que en moitos casos concordan coas que viña levando a cabo na sombra a esquerda española. Pode que as veces se lle vai a man, como naquel preámbulo inicial da LOMCE que escandalizou ao seu propio electorado ao presentar o sistema educativo coma un casting de selección de persoal para unha multinacional.
Resulta rechamante o desprezo nos contidos de “Valores éticos” e “Valores Sociais e Cívicos” de todo o que ten a ver coa educación sexual por quen di ter moita preocupación polo aborto. Que mellor xeito hai para rematar cos abortos que a axeitada prevención dos embarazos non desexados a través dunha educación sexual axeitada. Mais do que se trata é de retirarlle ás mulleres a soberanía sobre o seu corpo, estendendo unha ideoloxía que aos nacionalistas nos resulta moi familiar a outros efectos. Porén, máis que unha a moral patriarcal e represiva que puidera xerar rexeitamento si se expresa con toda crueza, neste aspecto o que nos imos a topar nos currículos e o ensino da dobre moral. Para iso, mentres se repite infinitas veces a palabra diálogo, traballase para fender a conversa dun consigo mesmo, co fin de así un logre mentirse a mantenta. De aí que se promova a escisión alma-corpo ou mellor, en termos dos novos ares que reflicten estes textos, emoción-intelixencia. Pois a Intelixencia Emocional como base e fundamento do ideario destes contidos non é máis que o dualismo clásico sobre o que fundamentar ao tratar por separado, como realidades preexistentes e desconectadas, que a conciliación de ambas que se predica poida lograrse a través dun cálculo no que poder ir combinando aspectos dunha ou doutra dimensión segundo conveña para lograr o éxito individual no mundo empresarial e para proporcionar os logros que as grandes corporacións precisan.
A identidade persoal é disociada do corpo do mesmo xeito que a identidade social é desacoplada das condicións de clase e nacionais nas que un se atopa. Así, toda a retórica desmaterializada a prol do diálogo como xeito de resolver os confrontos non asume a necesaria corrección das desigualdades que permitiría estar ao mesmo nivel nunha conversa produtiva e resolutiva. Os mortos de fame non se sentan ao banquete platónico para impedir que o ruído das súas queixas egoístas impidan elevarnos até as ideas transcendentes. Mais non quer dicir isto que o currículo se esqueza deles, poderíamos poñer na súa boca aquilo de como poder gañar o ceo sen os pobres cos que facer obras caritativas. Así toda a moralina que se presenta ten a súa razón de ser neles mentres evitemos a pregunta de Galeano: “¿Será que os pobres son pobres porque a súa fame nos da de comer e a súa nudez nos viste?”.
Mais o PP xa empeza a chamarlle as cousas polo seu nome. Desaparecen os termos colectivos relacionados coas condicións sociais compartidas para ser substituídos polas circunscricións institucionais nas cales se insire cada quen a título individual, e que aí se busque a vida. Lembremos que o primeiro que fixeron ao chegar ao goberno foi mudar o currículo de Educación para a Cidadanía. O PSOE dáballe á terminoloxía de esquerdas un significado de dereita, mais xa abría a porta aos vocábulos de dereitas como o de “emprendedores” tan abafante agora nos presentes textos. Mais o PP xa naquela primeira medida lexislativa comezou a depurar a linguaxe. E así onde refería a axuda a “persoas e colectivos en situación desfavorecida” o PP simplemente eliminou “colectivos”, borrou onde falaba da participación nas “actividades sociais que contribúan a posibilitar unha sociedade xusta e solidaria”, ou o “rexeitamento das discriminacións provocadas polas desigualdades persoais, económicas e sociais” que substituíu polo aplauso á “Diversidade social e cultural. Convivencia de culturas distintas nunha sociedade plural dentro do marco constitucional”. Un marco xa beatificado coa bendición da esquerda española e que como sabemos non respecta iguais dereitos as diferentes culturas que compoñen o Estado. Así esta Constitución discriminatoria e cega á pluralidade nacional e lingüística do Estado será impartida como o catecismo. E aqueles conceptos, que mesmo se nomean e que xa figuran no repertorio universal dun ensino en valores quedan sen contido. Que importa aludir a interculturalidade se nos negamos a establecer accións afirmativas a respecto de linguas e culturas minorizadas do Estado e nin sequera as recoñecemos?. Ou só os inmigrantes teñen outra cultura e lingua distinta neste Estado?.
Claro que falan moito retoricamente dos Dereitos Humanos no currículo, como tamén falaban os da Asemblea Francesa que proclamaron os Dereitos do Home cando excluían as mulleres ou os da Declaración de Independencia Americana que falaba de que “todos nacemos libres” mentres un de cada catro dos seus habitantes era escravo. Mais hoxe iso non se sostén. O tratamento dos Dereitos humanos evolucionou e tanto o PSOE como o PP nas súas lexislacións educativas insisten en manipular os logros desta evolución. Así, nos Dereitos Humanos de Terceira Xeración, eluden o consagrado mundialmente Dereito de Autodeterminación e inventan eufemismos como “los derechos de los pueblos a la solidaridad, el desarrollo y la paz”, para evitar con esta brinde ao sol recoñecer o fundamental dereito das nacións a gobernarse por si propias. Mais que se pode agardar de quen non se ruborizan diante das denuncias da ONU por manter na súa lexislación que os crimes do Franquismo foron legais e non atentan contra os devanditos dereitos humanos?. De que dereitos humanos nos falan entón?.
A resposta a está e demais preguntas está en Daniel Goleman. Este psicólogo, asesor das grandes corporacións internacionais en procesos de selección de novos executivos e organización empresarial, ten desenvolto todo un corpus teórico co fin de obter máis beneficios destas multinacionais grazas ao control dos sentimentos dos empregados. El será o evanxelista que terá que memorizar o alumnado como si da biblia se tratara.
Así é usada a teoría da educación emocional como un xeito de tratar de culpar a cada quen individualmente pola súa situación e polos sentimentos que posúe (falla de autoestima, desmotivación, etc...) excluíndo a comprensión das causas sociais que os provocan. E esta non é presentada xa como unha teoría máis, é imposta como o indiscutíbel espazo “neutral” do que nos fala Zizek.
E que lle queda as Comunidades Autónomas se mesmo se fixa o nome de quen hai que comentar os textos en cada un dos apartados?. Nunca un nivel de concreción dos currículos do MEC chegou a tanto. Na práctica, como vén acontecendo ultimamente, os contidos mínimos que chegan de Madrid son tantos que non ten sentido incrementar nada máis pois sería imposíbel impartilos. Así, a maioría desta lexislación educativa faise a distancia, afastada da participación da comunidade educativa, a diferenza do que acontece noutros Estados que se usan de referencia como Alemaña, onde o Ministerio de Educación non pinta nada.

En definitiva, o currículo de “Valores éticos” e “Valores Sociais e Cívicos” reflicte a ideoloxía da clase dominante, coa novidade de que desta volta xa non o disimula.

* Publicado en Sermos Galiza, nº 82. 30 de xaneiro de 2014