Vídeos

sábado, 23 de março de 2013

Crítica da razón conquistadora

No Estado Español entrase na modernidade de súpeto e do xeito máis violento coa descuberta da América. Constitúese en Estado Moderno coas características que este ten de centralización do poder e disolución da diversidade no contexto mediatizado pola urxente invasión polo que o proxecto ilustrado (iluminar aos ignorantes) establécese aquí nuns termos que xa no seu momento resultaron incómodos para unha intelectualidade que aspiraba a apoiarse na razón como soporte da expansión: quedaba en evidencia un uso obsceno da forza difícil de xustificar polo elevado e nobre obxectivo de “ensinar ao que non sabe”.
O desprestixio internacional que supoñía a lenda negra sobre o xenocidio que se estaba a cometer nas chamadas “Indias” obrigou a celebrar a “controversia de Valladolid” para debater sobre a lexitimidade que se arrogaba o emperador o dereito a dispoñer das terras e das xentes do continente americano. O paternalismo de Juan Ginés de Sepúlveda confrontábase alí coa denuncia das barbaries expostas por Bartolomé de las Casas. De fondo estaban os escritos de Francisco de Vitoria e doutros membros da Escola de Salamanca que chegaban a colocar o debate en termos xurídicos, mesmo independentes a respecto da relixión e que contribuíron a fixar o nacemento do dereito internacional. Non é desatinado atopar nestas polémicas os prolegómenos duns dereitos humanos universais ou bosquexos do dereito de autodeterminación dos pobos.
Se Francisco de Victoria cuestionaba os “títulos lexítimos” do Emperador e do Papa sobre América, Francisco Suárez chega a refutar a teoría patriarcal do goberno e o dereito divino dos reis argumentando a prol do contrato social. O seu pensamento prenderá nas xeracións de libertadores que co tempo acometeran a emancipación das colonias. Tería menos éxito na península.
En definitiva, aínda que nas rúas e prazas españolas e nos seus libros de texto a quen máis se honra daquela época é a Pizarro, Hernán Cortés ou a outros criminais polo estilo, compre lembrar que o pensamento español foi quen de parir visións alternativas que significaron unha grande achega ao desenvolvemento dunha humanidade máis democrática e respectuosa cos dereitos humanos. O totalitarismo e o imperialismo non é intrínseco ao pensamento español. É mais, será precisamente o esforzo por tratar de superar ese condicionamento histórico o que favorecerá que se produzan achegas tan interesantes.
Non eran santos. As cabezas máis lúcidas españolas eran conscientes de que basear o propio desenvolvemento no saqueo e na opresión dos demais non era sostíbel e tería consecuencias internas nefastas. Logo do chamado “desastre” do 98 produciuse a última grande oportunidade para pensar a democracia no Estado desde a asunción da necesidade de superar a visión centralista e totalitaria dun imperialismo que fracasaba máis unha vez. Para iso, o primeiro paso era admitir o pluralismo e abandonar a crenza de ter a potestade de impoñer pola forza a propia concepción do mundo aos demais. Quizais o perspectivismo dun Ortega é ao máximo que podía chegar o pensamento español a hora de abrir canles mentais sobre os que camiñar cara un réxime democrático como o que no seu momento significou a república.
A metáfora do Guadarrama servía a Ortega para explicar como ese monte era visto de xeito distinto desde diferentes situacións (Segovia ou Madrid) e que coa integración destas visións poderíamos ter unha idea máis completa da realidade. Hai unha apertura nesta teoría á intersubxectividade e a alteridade. Mais é certo que a Ortega, Unamuno e outros autores españois proclives inicialmente a esta “tolerancia” non lle gustou o que escoitaron do outro lado da Serra e prodúcese un repregue cara o totalitarismo. De feito, o pensamento hexemónico español non se presenta de antemán como antidemocrático, senón, pola contra, en moitos casos se presenta como hiperdemocrático, iso si, mentres se decida o que a eles lles convén.
O caso é que a esta altura podemos afirmar que a tradición de pensamento da Escola de Salamanca, dos Dominicos e Xesuítas críticos coa colonización teñen moi escasos continuadores no pensamento español actual. Castelao aínda lembraba cando el non era separatista pois confiaba en que da outra banda houbera con quen tratar para camiñar cara unha confederación ibérica coa inclusión de Portugal. Hoxe, a medida que se van pronunciando diferentes intelectuais españois, ponse en evidencia que lamentablemente non hai capacidade de superar a súa concepción xerárquica das relacións entre pobos (tanto de obediencia a respecto das potencias estranxeiras como de mando a respecto das nacións do Estado) e, xa que logo, non queda outra que reconsiderar a posibilidade de federarse con quen non nos quere en pé de igualdade. Isto é, apostar pola independencia.

Publicado en Sermos Galiza. Nº 31. 18 de xaneiro de 2013

Sem comentários:

Enviar um comentário