Certo que a relixión debera estar fóra
da escola. Mais se nos deixamos enredar polas oportunistamente
rescatadas liortas anticlericais de quen -cando tiña
responsabilidades- non denunciou o Concordato, fixo estender a
Relixión até 2º de Bacharelato e impediu que se impartira fóra do
horario lectivo a pesar de adecuarse esta proposta do CIG-Ensino ao
marco legal vixente, quizais nos desvíe a mirada do chamado
currículo oculto que por primeira vez se presenta de xeito público
e visíbel. Ou é que o apartado “A filosofía e a empresa como
proxecto racional” non é suficientemente explícito?.
Nos momentos de crise é moi doado
promover a cultura da teoría da conspiración para que a xente trate
de buscar conexións ocultas que expliquen uns feitos tan irracionais
como os que padece. E así cada quen constrúe no seu imaxinario os
seus diferentes monstros a medida subxectiva. Mais se algo ten de bo
este PP sen complexos é o striptease co que se presenta en
sociedade, amosando claramente as intencións dunhas actuacións que
en moitos casos concordan coas que viña levando a cabo na sombra a
esquerda española. Pode que as veces se lle vai a man, como naquel
preámbulo inicial da LOMCE que escandalizou ao seu propio electorado
ao presentar o sistema educativo coma un casting de selección
de persoal para unha multinacional.
Resulta rechamante o desprezo nos
contidos de “Valores éticos” e “Valores Sociais e Cívicos”
de todo o que ten a ver coa educación sexual por quen di ter moita
preocupación polo aborto. Que mellor xeito hai para rematar cos
abortos que a axeitada prevención dos embarazos non desexados a
través dunha educación sexual axeitada. Mais do que se trata é de
retirarlle ás mulleres a soberanía sobre o seu corpo, estendendo
unha ideoloxía que aos nacionalistas nos resulta moi familiar a
outros efectos. Porén, máis que unha a moral patriarcal e represiva
que puidera xerar rexeitamento si se expresa con toda crueza, neste
aspecto o que nos imos a topar nos currículos e o ensino da dobre
moral. Para iso, mentres se repite infinitas veces a palabra diálogo,
traballase para fender a conversa dun consigo mesmo, co fin de así
un logre mentirse a mantenta. De aí que se promova a escisión
alma-corpo ou mellor, en termos dos novos ares que reflicten estes
textos, emoción-intelixencia. Pois a Intelixencia Emocional como
base e fundamento do ideario destes contidos non é máis que o
dualismo clásico sobre o que fundamentar ao tratar por separado,
como realidades preexistentes e desconectadas, que a conciliación de
ambas que se predica poida lograrse a través dun cálculo no que
poder ir combinando aspectos dunha ou doutra dimensión segundo
conveña para lograr o éxito individual no mundo empresarial e para
proporcionar os logros que as grandes corporacións precisan.
A identidade persoal é disociada do
corpo do mesmo xeito que a identidade social é desacoplada das
condicións de clase e nacionais nas que un se atopa. Así, toda a
retórica desmaterializada a prol do diálogo como xeito de resolver
os confrontos non asume a necesaria corrección das desigualdades que
permitiría estar ao mesmo nivel nunha conversa produtiva e
resolutiva. Os mortos de fame non se sentan ao banquete platónico
para impedir que o ruído das súas queixas egoístas impidan
elevarnos até as ideas transcendentes. Mais non quer dicir isto que
o currículo se esqueza deles, poderíamos poñer na súa boca aquilo
de como poder gañar o ceo sen os pobres cos que facer obras
caritativas. Así toda a moralina que se presenta ten a súa razón
de ser neles mentres evitemos a pregunta de Galeano: “¿Será que
os pobres son pobres porque a súa fame nos da de comer e a súa
nudez nos viste?”.
Mais o PP xa empeza a chamarlle as
cousas polo seu nome. Desaparecen os termos colectivos relacionados
coas condicións sociais compartidas para ser substituídos polas
circunscricións institucionais nas cales se insire cada quen a
título individual, e que aí se busque a vida. Lembremos que o
primeiro que fixeron ao chegar ao goberno foi mudar o currículo de
Educación para a Cidadanía. O PSOE dáballe á terminoloxía de
esquerdas un significado de dereita, mais xa abría a porta aos
vocábulos de dereitas como o de “emprendedores” tan abafante
agora nos presentes textos. Mais o PP xa naquela primeira medida
lexislativa comezou a depurar a linguaxe. E así onde refería a
axuda a “persoas e colectivos en situación desfavorecida” o PP
simplemente eliminou “colectivos”, borrou onde falaba da
participación nas “actividades sociais que contribúan a
posibilitar unha sociedade xusta e solidaria”, ou o “rexeitamento
das discriminacións provocadas polas desigualdades persoais,
económicas e sociais” que substituíu polo aplauso á “Diversidade
social e cultural. Convivencia de culturas distintas nunha sociedade
plural dentro do marco constitucional”. Un marco xa
beatificado coa bendición da esquerda española e que como sabemos
non respecta iguais dereitos as diferentes culturas que compoñen o
Estado. Así esta Constitución discriminatoria e cega á pluralidade
nacional e lingüística do Estado será impartida como o catecismo.
E aqueles conceptos, que mesmo se nomean e que xa figuran no
repertorio universal dun ensino en valores quedan sen contido. Que
importa aludir a interculturalidade se nos negamos a establecer
accións afirmativas a respecto de linguas e culturas minorizadas do
Estado e nin sequera as recoñecemos?. Ou só os inmigrantes teñen
outra cultura e lingua distinta neste Estado?.
Claro que falan moito retoricamente dos
Dereitos Humanos no currículo, como tamén falaban os da Asemblea
Francesa que proclamaron os Dereitos do Home cando excluían as
mulleres ou os da Declaración de Independencia Americana que falaba
de que “todos nacemos libres” mentres un de cada catro dos seus
habitantes era escravo. Mais hoxe iso non se sostén. O tratamento
dos Dereitos humanos evolucionou e tanto o PSOE como o PP nas súas
lexislacións educativas insisten en manipular os logros desta
evolución. Así, nos Dereitos Humanos de Terceira Xeración, eluden
o consagrado mundialmente Dereito de Autodeterminación e inventan
eufemismos como “los derechos de los pueblos a la solidaridad, el
desarrollo y la paz”, para evitar con esta brinde ao sol recoñecer
o fundamental dereito das nacións a gobernarse por si propias. Mais
que se pode agardar de quen non se ruborizan diante das denuncias da
ONU por manter na súa lexislación que os crimes do Franquismo foron
legais e non atentan contra os devanditos dereitos humanos?. De que
dereitos humanos nos falan entón?.
A resposta a está e demais preguntas
está en Daniel Goleman. Este psicólogo, asesor das grandes
corporacións internacionais en procesos de selección de novos
executivos e organización empresarial, ten desenvolto todo un corpus
teórico co fin de obter máis beneficios destas multinacionais
grazas ao control dos sentimentos dos empregados. El será o
evanxelista que terá que memorizar o alumnado como si da biblia se
tratara.
Así é usada a teoría da educación
emocional como un xeito de tratar de culpar a cada quen
individualmente pola súa situación e polos sentimentos que posúe
(falla de autoestima, desmotivación, etc...) excluíndo a
comprensión das causas sociais que os provocan. E esta non é
presentada xa como unha teoría máis, é imposta como o indiscutíbel
espazo “neutral” do que nos fala Zizek.
E que lle queda as Comunidades
Autónomas se mesmo se fixa o nome de quen hai que comentar os textos
en cada un dos apartados?. Nunca un nivel de concreción dos
currículos do MEC chegou a tanto. Na práctica, como vén
acontecendo ultimamente, os contidos mínimos que chegan de Madrid
son tantos que non ten sentido incrementar nada máis pois sería
imposíbel impartilos. Así, a maioría desta lexislación educativa
faise a distancia, afastada da participación da comunidade
educativa, a diferenza do que acontece noutros Estados que se usan de
referencia como Alemaña, onde o Ministerio de Educación non pinta
nada.
En definitiva, o currículo de “Valores
éticos” e “Valores Sociais e Cívicos” reflicte a ideoloxía
da clase dominante, coa novidade de que desta volta xa non o
disimula.
* Publicado en Sermos Galiza, nº 82. 30 de xaneiro de 2014
Sem comentários:
Enviar um comentário